Unha semana despois de que a Xunta de Galicia, a través da conselleira de Medio Ambiente, adiantase a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable para o proxecto de explotación mineira para extraer cobre nos municipios de Touro e O Pino, o Diario Oficial de Galicia e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático cumpriron cos trámites legais e fixeron públicos os argumentos que levaron a esta decisión. A argumentación para rexeitar o proxecto apóiase, principalmente, nos informes de dous organismos do ente autonómico: Augas de Galicia e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que respectivamente advertían do impacto negativo no ciclo hídrico de toda a zona, que afecta a bacía do Ulla, e de non dar “resposta completa ás medidas de xestión a adoptar en caso de escenario accidental” de producirse unha catástrofe debido á rotura dalgunha dos depósitos proxectados.
“Risco moi elevado” en caso de catástrofe
O documento, de 15 páxinas, e que pode consultarse na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, fai un percorrido cronolóxico desde o 12 de maio de 2017, cando se recibe a documentación na Consellería de Economía, Emprego e Industria para iniciar a tramitación ambiental. Desde ese momento, seguindo os trámites legais, o proxecto é sometido a análise polos organismos competentes, que expuxeron as súas razóns sobre o plan de explotación, así como as alegacións de diversas institucións locais e sectoriais, partidos políticos e veciños.
Entre eles, saliéntase o da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que xa no seu primeiro informe, datado en abril de 2018, falaba dun “risco moi elevado para as poboacións humanas próximas e ao medio ambiente, en caso de catástrofe”.
Posteriormente, noutra análise achegada en febreiro de 2019, aprecia na información que envían os responsables do proxecto “eivas documentais”, e que “quedan sen contestar algúns aspectos relevantes. Xa en decembro de 2019, un terceiro informe céntrase na “probabilidade de afección á ZEC Sistema Fluvial Ulla Deza (a 3,5 km ao sur), probabilidade que non foi avaliada polo promotor ao considerala inexistente”. Este foi un dos puntos nos que incidiron os movementos contrarios á mina, debido ao potencial risco do proxecto sobre a ría de Arousa.
No caso da posible rotura do depósito de estériles, a conclusión da DIA é que “na situación actual, o proxecto non dá resposta completa ás medidas de xestión a adoptar en caso de
escenario accidental e, incluso, as medidas de prevención e xestión da continxencia parecen limitarse a xustificar que o suceso non se producirá“, polo que se deduce que “en caso de materializarse un escenario de risco, non se pode garantir que a actuación proxectada non produza unha grave afección aos valores naturais da zona nin un prexuízo á integridade do sistema fluvial Ulla-Deza”.

“Nova presión sobre os sistemas fluviais”
No apartado de consideracións da declaración, as máis extensas corresponden aos informes de Augas de Galicia, outro dos organismos aos que tivo especialmente en conta Medio Ambiente para frear o proxecto. En resumo, a DIA expón que “a reactivación da actividade mineira prevista vai supoñer unha nova presión sobre os sistemas fluviais e as augas subterráneas, sen que se garanta que nos se vaia a producir un novo impacto negativo sobre o cliclo hídrico e sen que conste na formulación actual da avaliación practicada a necesaria conformidade da unidade competente en materia de planificación hidrolóxica do Organismo de Bacia”.
Nas sucesivas análises da documentación recibida por parte dos promotores, Augas de Galicia reitera que non se dá cumprimento a aspectos como o impacto producido pola elevada demanda de auga que requeriría a explotación, e que se tiraría dos cursos próximos á mina. Ademais ponse o acento na falta de previsión das posibles escorrentías e filtracións, co conseguinte vertido de residuos, ás augas superficiais e subterráneas da zona.