O espeleólogo divulgador, un valor á alza

Os días 15 e 16 de febreiro celébrase en Mondoñedo o curso de Guía turístico Observer® en Espeleoloxía, que achega o patrimonio científico das covas galegas

Canto máis sabemos, máis podemos protexer e conservar”.
Efraín Mercado, vicepresidente da UIS (International Union of Speleology)

En Galicia pódense visitar cavidades kársticas, parakársticas e pseudokársticas. As máis coñecidas, as kársticas, orixináronse a partir de rochas calcarias que moi lentamente foron disolvéndose pola acción da auga. As pseudokársticas, no entanto, están orixinadas por procesos diferentes ao da disolución, como tectónicos, sísmicos e outros relacionados coa alteración e erosión da propia rocha.

Publicidade

Estes mecanismos aparentemente sinxelos, implican na realidade procesos xeolóxicos, químicos e biolóxicos moi complexos e de gran enerxía, que dan como resultado ecosistemas subterráneos únicos.

Esta é a razón pola que no interior das covas se agochan numerosos elementos que son parte da xeodiversidade do territorio e dan soporte e protección a unha biodiversidade subterránea singular moi rica, e que é relativamente descoñecida para a maioría.

Publicidade

A difusión do coñecemento sobre cada un destes elementos únicos e irrepetibles, e sobre a súa importancia, son a base fundamental para garantir unha protección efectiva dos mesmos, e así o explica o espeleólogo Marcos Vaqueiro, Auditor Observer e director do curso “Guía Observer® en Espeleoloxía” que os días 15 e 16 de febreiro impartirá en Mondoñedo (Lugo).

 

A verdadeira quinta provincia

O curso, de 15 horas de duración, achega formación para espeleólogos e guías turísticos xa especializados que queiran ampliar coñecementos para divulgar máis eficazmente o patrimonio das covas galegas. Como explica Marcos: Débese formar na importancia da conservación para ofrecer información de carácter divulgativo que axude a comprender, e así valorar, toda a riqueza que habita baixo os nosos pés. Falar da conservación das covas é moito máis complexo do que podemos imaxinar”.

Referido a isto último, cómpre salientar que os distintos tipos de impactos observados nas covas ou as técnicas empregadas para a súa restauración son de moitas clases, no entanto, a percepción dos danos e o custo da recuperación, aínda que chaman a atención e sensibilizan aos espeleólogos (na maioría dos casos xa sensibilizados), non necesariamente contribúen a que os visitantes ocasionais os minimicen nin a que as persoas alleas ao colectivo espeleolóxico contribúan á súa protección.

As covas son un medio no que cada vez se poden atopar máis tipos diferentes de visitantes: espeleólogos, investigadores científicos, turistas ocasionais, participantes en actividades de turismo científico, de turismo deportivo ou de deporte aventura, e  moitos deles con pouco coñecemento para acceder ás covas impactando o menos posible. É por isto que dende a IUS (International Union of Speleology), conscientes desta eiva que en maior ou menor medida afecta a case todos os países, queren incidir en facer máis e mellor traballo divulgativo.

Propoñen para o 2021, Ano Internacional das Covas, tres  liñas de acción que implican aumentar, compartir, e promover o coñecemento sobre as covas e o karst, centrándose en aspectos relacionados co turismo e na procura de modelos turísticos respectuosos como o turismo científico. Nesta liña vai tamén a Federación Galega de Espeleoloxía, ao colaborar no curso de Guía Espeleolóxico Observer® e contribuír á mellora da formación en divulgación científica dos seus federados. Como recalca Marcos Vaqueiro, “Quedémonos coa idea: mon se protexe o que non se valora, e non se valora o que non se coñece… Ensina a valorar: comparte coñecemento e promove”. 


Para consultar o programa e contidos do curso de Guía espeleolóxico Observer®, podes visitar esta ligazón.

Bibliografía: M. Vaqueiro-Rodríguez: El valor oculto de las cuevas: Geodiversidad, Biodiversidad, Patrimonio Geológico y Cultural (2020). Dispoñible en cetra.es.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS da USC suma dúas axudas europeas para proxectos de investigación punteira

Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela serán os beneficiarios das Consolidator Grant, coas que o centro singular alcanza os 17 proxectos financiados polo ERC

A Mariña Lucense, primeiro destino galego en obter o selo Observer de Turismo Ornitolóxico

O recoñecemento avala a súa riqueza natural e o seu potencial como enclave de referencia para a observación de aves

A galega Observer certifica a Gran Ruta de Ecoturismo Científico en España

O distintivo avala o valor do roteiro como experiencia de turismo responsable, baseada na divulgación científica e na conservación da biodiversidade
00:00:30

Un modelo en 3D cartografa os recunchos máis descoñecidos da Cova do Rei Cintolo

O mapa dixital percorre 9.204 metros da cavidade subterránea máis grande de Galicia e o obxectivo é chegar aos 11.000