Para que lles serven ás cebras as súas raias?

* Un artigo de

As cebras son animais de pel escura, cuxa pelame raiada ten a súa orixe en células especializadas da epiderme, os melanocitos. Estes transfiren un pigmento chamado melanina a algúns dos seus pelos: os que o conteñen son negros; os que non, brancos. Pero, por que as cebras teñen raias? Ese foi ata o de agora un dos moitos misterios da natureza.

Publicidade

A función das raias das cebras foi fonte de interese científico durante máis de 150 anos e xerou varias hipóteses que foron descartándose. Estas son as catro principais:

  1. Son un medio para reforzar os lazos sociais. Isto non explica por que só este animal ten un patrón de pelame tan peculiar. Tampouco por que os patróns de asociación non son maiores nos equinos raiados que nas especies que carecen de raias.
  2. Serven de camuflaxe (cripse) ou para confundir aos depredadores. Esta hipótese casa mal co feito de que as cebras sexan unhas das pezas máis capturadas por hienas e leóns.
  3. Son un mecanismo de regulación térmica que favorece o arrefriado corporal. Esta hipótese foi descartada grazas a un contundente experimento.
  4. Son unha defensa contra os ectoparásitos. Sobre todo fronte ás picaduras de moscas e tabáns. Esta é a hipótese máis apoiada pola evidencia hoxe en día.

Existe un consenso cada vez maior entre os biólogos de que a función principal das raias brancas e negras nas tres especies de cebras é frustrar o ataque de tabáns, moscas da corte (Stomoxys calcitrans) e outros dípteros hematófagos.

Publicidade

Calquera que se teña achegado a animais domésticos como asnos, cabalos e vacas observaría o número de insectos que poden soportar estes animais. O custo económico para os gandeiros é moi importante: nos Estados Unidos as perdas económicas provocadas só polas mordeduras das moscas da corte, uns do dípteros máis comúns nas explotacións gandeiras de todo o mundo, superan os 2.000 millóns de dólares anuais.

O mecanismo exacto polo que as raias evitan que as moscas hematófagas obteñan a súa ración de sangue non se coñece ben. Sobre este asunto tamén se formularon algunhas hipóteses: como resultado dunha mala interpretación óptica, as moscas non poden detectar ás cebras.

Esa hipótese é difícil de comprobar por dúas razóns. En primeiro lugar, porque, como fan os seus parentes os mosquitos, as moscas localizan ás súas vítimas máis polo seu cheiro corporal que pola vista. En segundo lugar, porque as cebras, pola conta que lles trae, son uns animais moi fuxidíos que se prestan pouco a experimentacións de campo. Isto complica calquera experimento baseado na comparación con outros equinos non raiados.

Para comparar o comportamento de equinos raiados e non raiados, un grupo de investigadores instalouse nunha granxa en Gran Bretaña onde se crían cabalos domésticos xunto a cebras nadas en catividade. Para descubrir como interactúan as moscas con cada especie utilizaron gravacións de vídeo e tratamento dixital de imaxes para observar aos animais en dous escenarios experimentais. No primeiro analizouse o comportamento das moscas fronte aos animais coa súa pelame orixinal. O segundo escenario cubriu aos cabalos con tres tipos de galdrapas.

O experimento inicial, cuxas conclusións foron publicadas este mesmo ano, incluíu tres cebras e nove cabalos con pelame uniformemente branco, negro, gris ou pardo. Os investigadores observaron os animais, filmáronos e rexistraron a cantidade de tabáns hematófagos que se movían preto deles. Comprobaron que as moscas se achegaban ás cebras e aos cabalos á mesma velocidade, algo que non é sorprendente considerando que as moscas usan o cheiro para localizar ás súas vítimas de lonxe. Unha vez que as moscas se achegaban ás cebras, as raias parecían interferir coa súa capacidade de afinar a aterraxe sobre a súa prevista fonte de alimento (Figura 1).

Exemplos de traxectorias dos voos de tabáns arredor de cabalos domésticos (a-c) e de cebras (d-f). A liña vermella indica o patrón de voo, os puntos vermellos a posición a intervalos dunha décima de segundo e as frechas vermellas a dirección do voo. As estrelas azuis amosan puntos de contacto ou de aterraxes no animal. As frechas azuis mostran a posición final da aproximación e a posición inicial das fases de saída do voo. Estes marcadores están asociados con manobras que mostran cambios tanto na dirección como na velocidade. Fonte: Caro et al., Imaxe cedida polo autor.
Exemplos de traxectorias dos voos de tabáns arredor de cabalos domésticos (a-c) e de cebras (d-f). A liña vermella indica o patrón de voo, os puntos vermellos a posición a intervalos dunha décima de segundo e as frechas vermellas a dirección do voo. As estrelas azuis amosan puntos de contacto ou de aterraxes no animal. As frechas azuis mostran a posición final da aproximación e a posición inicial das fases de saída do voo. Estes marcadores están asociados con manobras que mostran cambios tanto na dirección como na velocidade. Fonte: Caro et al., Imaxe cedida polo autor.

As moscas compórtanse como os pilotos de aeronaves, que primeiro se aproximan a terra e logo, grazas aos sinais aeroportuarios, comproban se están na pista adecuada para aterrar. As moscas son pilotos cautos: voan directamente cara á súa presa e achéganse a ela, pero desconcértanse por unha pista de aterraxe listada. Diante da dúbida, continúan o seu voo.

Para confirmar que as listas da pelame eran o que frustraba a precisión das moscas, os investigadores cubriron sete cabalos con tres galdrapas de tea: unha branca, unha negra e unha listada como as raias das cebras. Os resultados téñenos na Figura 2. As moscas aterraron moito menos nas gualdrapas raiadas en comparación coas brancas e negras. A elegante vestimenta listada non impediu que as moscas aterrasen sen problemas sobre as cabezas descubertas dos cabalos.

Noutras palabras, para un cabalo parece ter enormes beneficios posuír unha pelame listada.

Número medio de impactos de tabán ​cada 30 minutos : (a) tocando ou (b) aterrando en galdrapas de diferentes teas, e (c) aterrando na cabeza espida de sete cabalos. Como se pode observar, o número de impactos sobre as galdrapas raiadas é moi pequeno, mentres que os impactos sobre pescozos e cabezas (espidos nos tres casos) son idénticos. Modificada a partir da figura orixinal. Fonte: Caro et. al. Imaxe cedida polo autor.
Número medio de impactos de tabán ​cada 30 minutos : (a) tocando ou (b) aterrando en galdrapas de diferentes teas, e (c) aterrando na cabeza espida de sete cabalos. Como se pode observar, o número de impactos sobre as galdrapas raiadas é moi pequeno, mentres que os impactos sobre pescozos e cabezas (espidos nos tres casos) son idénticos. Modificada a partir da figura orixinal. Fonte: Caro et. al. Imaxe cedida polo autor.

Isto non se aplica só aos equinos. Un grupo de investigadores xaponeses demostrou recentemente que poñer un pixama a raias para evitar as picaduras dos dípteros tamén funciona nas vacas.

Por que evolucionou a pelame das cebras?

Calquera causa que reduza o éxito reprodutivo dunha poboación nunha proporción significativa exerce unha presión selectiva. Se se produce suficiente presión, nunha poboación poden xeneralizarse os trazos hereditarios que mitigan os seus efectos, incluso os que poderían ser prexudiciais noutras circunstancias. Esa parece ser a causa da pelame listada das cebras africanas.

Un estudo demostra que pintar as vacas como cebras escorrenta os insectos

En África, onde deambulan as cebras salvaxes, abundan as moscas que poden resultar letais. Os tabánidos transmiten enfermidades mortais para as cebras, como a tripanosomiase, a anemia infecciosa equina, a peste equina africana e a gripe equina. Estes equinos son susceptibles á infección porque a súa pel relativamente delgada (moito máis que a de cabalos, burros e asnos) favorece que os ataques das moscas a furen con facilidade.

O pixama a raias é o trazo hereditario que responde á presión selectiva exercida polos dípteros. Darwin e Wallace estarían encantados de coñecer estes experimentos.


Manuel Peinado Lorca é catedrático de Bioloxía na Universidad de Alcalá de Henares, e investigador do departamento de Ciencias da Vida e o Instituto Franklin de Estudos Norteamericanos.

* Cláusula de divulgación: É tamén responsable do Grupo Federal de Biodiversidade do PSOE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O xenoma máis grande do mundo pertence a este peixe, parente do noso antecesor común

Todos os vertebrados terrestres remóntanse a un espécime que saíu do océano e chegou a terra, cuxos parentes máis próximos son estes peixes pulmonados actuais

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

Un estudo revela a evolución dos asentamentos humanos en España entre 1900 e 2020

A investigación na que colaborou un equipo da USC podería servir para modelar a influencia do crecemento urbano no cambio climático

A herdanza xenética dos denisovanos inflúe na depresión, no TOC ou na anorexia

O equipo de investigadores identificou a contribución xenética más extendida destes homínidos ata o momento