De que morremos? Así é o Atlas da mortalidade en Galicia

Os indicadores de accidentes de tráfico e suicidios en numerosos concellos galegos sitúanse á cabeza do territorio estatal

Os cinco concellos de España nos que os indicadores expoñen un maior risco de mortalidade nos dous sexos por accidentes de tráfico están na provincia de Lugo. Rábade, Begonte, O Corgo, Vilalba e Barreiros encabezan unha tráxica clasificación que pon sobre a mesa o novo Atlas Nacional de Mortalidade, un extenso traballo estatístico desenvolvido polo grupo de investigación Bayensians da Fundación Fisabio e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Generalitat Valenciana, e que hoxe difundiu Materia debullando os datos, e as posibles causas, destas disparidades a nivel estatal.

As mortes por percances con vehículos a motor son, xunto ao suicidio, os dous puntos negros respecto aos indicadores de falecemento en Galicia. Estas dúas causas de mortes accidentais acadan valores especialmente elevados nas provincias da Coruña e Lugo.

Publicidade

Sete datos curiosos sobre o atlas da mortalidade en Galicia

O indicador que se adoita usar para cuantificar o risco de morte é o de Razón de Mortalidade Estandarizada suavizada (RMEs), que afina os datos da coñecida como Razón de Mortalidade Estandarizada (RME), xa que o cálculo que se realiza produciría valores extremos nos municipios máis pequenos. Para isto úsanse modelos estatísticos que eliminan estas distorsións nos datos. A fórmula poderíase representar como

na que se estima a relación entre o número de casos observados en cada municipio e o número de casos esperados. O propio estudo explica no seu apartado de Metodoloxía con máis detalles técnicos como se realiza este cálculo.

Publicidade

Unha das principais conclusións que tiran os autores do traballo é que o código postal inflúe en boa medida no risco de mortalidade por diversas causas. A alimentación, a calidade do aire, o tabaquismo e outros factores que afectan de forma desigual ás diferentes rexións do territorio estatal debuxan unhas fendas xeográficas que en Galicia tamén se manifestan. O Atlas analizou as causas e a distribución espacial e temporal de 10 millóns de falecementos en todo o territorio estatal entre 1989 e 2014. É o maior traballo realizado ao respecto, chegando ao detalle municipal e estudando por separado 102 causas de morte.

O suicidio en Galicia

Os datos constatan unha tendencia xa subliñada en anteriores ocasións, e da que son conscientes tanto autoridades como profesionais sanitarios e servicios sociais de determinadas zonas de Galicia: entre os municipios cos indicadores máis altos de risco de suicidio, aparecen numerosos concellos das provincias da Coruña e Lugo. 

En varios concellos da Coruña e Lugo, o risco de suicidio é o dobre, un 100% maior, ca no resto de España

En Cerceda, Ordes, Cerdido, As Somozas, A Pastoriza, Moeche, Neda, A Laracha, Coristanco, Tordoia, San Sadurniño ou As Pontes, o risco de que un veciño ou veciña decida acabar coa súa vida é un 100% maior, cun gran intervalo de confianza estatístico, ca noutros municipios de España. O mapa do suicidio en Galicia, en función da RMEs, quedaría así:


Nesta táboa podes buscar os datos do teu concello:


Con todo, estas zonas de Galicia, situadas sobre todo nas comarcas de Ordes, Ferrolterra e Bergantiños, están por detrás doutro dos puntos negros do suicidio en España: varias comarcas do interior de Málaga e Granada e de Jaén que lideran as estatísticas.

Accidentes de tráfico en Galicia

Alén dos suicidios, o Atlas tínguese de forma preocupante en Galicia coa sinistralidade polos accidentes de tráfico. Ademais dos datos da provincia de Lugo, na listaxe dos 50 municipios con maior RMEs de España neste aspecto, 30 están en Galicia. Aquí podes consultar a clasificación:


A diferenza de Galicia respecto a outras zonas do territorio estatal tamén se salienta, en menor medida, nun maior risco de mortalidade por doenzas das vías respiratorias inferiores (bronquitis, neumonía, etc.) en mulleres da provincia de Lugo, por asma en mulleres da comarca de Verín, insuficiencia cardíaca no norte da Coruña e Lugo, e por cancro de estómago nas Rías Baixas, tanto en homes como en mulleres.

As taxas máis baixas

Pola contra, en Galicia destácanse tamén riscos especialmente baixos en causas de morte como o Alzheimer (a pesar do avellentamento da poboación), a hepatite vírica, a osteporose, sobre todo no arco atlántico, enfermidades cardíacas reumáticas crónicas ou enfermidades de ril e uréter.

Metodoloxía

O Atlas desenvolvido polos científicos valencianos inclúe tamén unha análise temporal, sumada coa espacial, que afonda con máis detalle nas diversas causas de morte.

Alén do tamaño do municipio, o método salienta outro aspecto que inflúe no número de defuncións: a idade dos habitantes de cada concello; tendo en conta que a poboación máis avellentada, máis defuncións. Por iso, a RMEs controla o factor idade para non distorsionar os resultados entre as áreas máis ‘novas’ e máis ‘vellas’.

A RMEs calcúlase en base 100. É dicir, se un valor é superior, indica que o número de defuncións observadas é maior do agardado, e viceversa. Con todo, a pesar de todos os métodos de control, as diferenzas seguen sendo salientables estatísticamente en función do tamaño dos municipios. Os autores recomendan facer unha interpretación conxunta da RMEs e o mapa de probabilidades de exceso de risco, dato que amosa aqueles lugares no que os investigadores están “moi seguros” de que a estimación da RMEs conleva un exceso de risco realmente concluínte. Os datos do Atlas expoñen tamén un intervalo de confianza do 95%.

Tal e como indica a Universitat de València, todo o software usado para montar o Atlas é de acceso libre, e o traballo achega “gran valor” para orientar as políticas sanitarias, identificando aquelas áreas xeográficas con indicadores desfavorables, co obxectivo de estudar e aplicar posibles solucións.


Máis información:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia