Volve á Terra Christina Koch, a muller que máis tempo pasou no espazo

A astronauta estadounidense pasou 328 días en órbita a bordo da Estación Espacial Internacional, nos que sumou 5.248 voltas á Terra

A muller que máis tempo pasou fóra do noso planeta nunha única viaxe de ida e volta regresou esta mañá á Terra. Christina Koch, da NASA, volveu este xoves cos seus compañeiros Alexander Skvortsov e Luca Parmitano, tomando terra preto da cidade de Dzhezkazgan, en Kazajstan. Foron 328 días en órbita a bordo da Estación Espacial Internacional, desde o 14 de marzo de 2019, nos que sumou 5.248 voltas da Terra e máis de 200 millóns de quilómetros percorridos. Unhas cifras que supoñen o segundo voo único (sen sumar os acumulados por unha mesma persoa en distintas viaxes) máis longo realizado por un astronauta estadounidense no espazo, e o sétimo se se suman todas as súas misións. En canto ás mulleres astronautas, só é superada na actualidade por Peggy Whitson, que nas súas tres estadías na Estación pasou 665 días fóra da Terra. Así reaccionaba esta mañá ao saír do módulo no que regresou ao planeta.


Realizou seis paseos espaciais durante os 11 meses en órbita, incluíndo as tres primeiras camiñadas espaciais dunha parella mulleres, e pasou 42 horas e 15 minutos fóra da estación. Tamén foi testemuña da chegada dunha ducia de naves espaciais visitantes e a saída doutras tantas. Na última mensaxe publicada en Twitter desde a Estación Espacial, Koch dixo que ía botar de menos “a exquisita beleza do planeta Terra e esta maravilla (pola Estación Espacial) que a súa fascinante xente creou”.

Publicidade

A misión de Christina Koch foi relevante porque lle servirá á ciencia para observar os efectos dos voos espaciais de longa duración no organismo dunha muller, no marco dos plans de levar á primeira astronauta ata a Lúa co proxecto Artemisa. Pola súa parte, Parmitano e Skvortsov pasaron un total de 201 días no espazo, desde xullo de 2019.

A Expedición 61, na que tomaron parte os tres astronautas, desenvolveu centos de experimentos en bioloxía, ciencias da Terra, anatomía e fisioloxía humanas, ciencias físicas e desenvolvemento tecnolóxico, incluíndo melloras no módulo experimental da ISS, nun esforzo por estender a súa vida e apoiar a súa misión de buscar evidencia de materia escura e probar impresoras biolóxicas en 3D para imprimir tecidos similares aos dos órganos en microgravidade.

Publicidade

Co regreso deste xoves, iniciouse de forma oficial a Expedición 62, cos astronautas da NASA Jessica Meir e Andrew Morgan como enxeñeiros de voo e Oleg Skripochka de Roscosmos como comandante da estación. A tripulación permanecerá no complexo orbital ata principios de abril, cando o astronauta da NASA Chris Cassidy e os cosmonautas rusos Nikolai Tikhonov e Andrei Babkin cheguen á estación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Claves médicas e ética da conxelación de óvulos das futbolistas da selección

A técnica médica ofrece unha vía para adiar a maternidade, pero tamén abre o debate sobre se a atleta debe adaptar o seu reloxo biolóxico. Por Adrián Villalba Felipe

Ser invisible

Un informe sobre nutrición e menopausa apóiase en estudos realizados en homes. Por Laura Filloy

Un estudo pioneiro analizará as necesidades sociais de mulleres con enfermidades crónicas en Galicia

A Fundación “la Caixa” selecciona o proxecto FEMFIT360-SOCIAL do IIS Galicia Sur para identificar barreiras e co-deseñar solucións comunitarias