Un estudo demostra que pintar as vacas como cebras escorrenta os insectos

Un estudo demostra que replicar o patrón das cebras no gando vacún reduce a presenza de insectos e as molestias que sofren os animais

Non é o primeiro traballo neste sentido. Hai tempo xa se demostrou que os patróns de cor a raias nos corpos das cebras inflúe á hora de escorrentar os insectos. Observouse que estes probablemente experimenten confusión a través dos seus sistemas de detección que controlan a aproximación e a aterraxe. De feito, xa se fixeron estudos cubrindo a cabalos con teas co patrón das cebras para observar estes comportamentos. Agora, un novo estudo que publica PlosOne expón que pintar ás vacas con raias de cebra reduce en máis da metade o número de moscas que pican ao gando vacún.

As picaduras de insecto son un quebranto habitual para os gandeiros. As vacas que se ven afectadas polas moscas e outros animais voadores pastan menos, durmen menos e provoca que se xunten en grandes grupos, o que estresa e lesiona ás veces aos animais.

Mentres buscaban unha solución a este problema, un equipo de investigadores xaponeses decidiu reproducir nas vacas o que a evolución fixo posible nas cebras. Así que pintaron seis vacas negras xaponesas con raias brancas. Despois disto, observáronas durante tres días, tomando imaxes de alta resolución para contar os insectos que as rondaban. Tamén rexistraron os posibles comportamentos repelentes das vacas (mover a cola, sacudir a cabeza ou as orellas, etc.). Do mesmo xeito, como control, pintáronlle tamén raias negras, contemplando a posibilidade de que fosen os compostos químicos da pintura os que espantasen ás moscas, e tamén se observaron sen raias de ningún tipo.

As vacas foron pintadas de branco e negro, e outras sen pintar usáronse como control. Fonte: PlosONE / Kojima et al..
As vacas foron pintadas de branco e negro, e outras sen pintar usáronse como control. Fonte: PlosONE / Kojima et al..

Os efectos foron notorios, segundo se expón no artigo. O número de moscas que picaron ás vacas foi de menos na metade cando estaban pintadas como cebras (en comparación coa súa cor habitual), e moito menos ca nas pintadas con raias negras. Ademais, as raias brancas reduciron os comportamentos repelentes nos animais aproximadamente nun 20%, o que indicaba que as vacas percibían de seu menos molestias dos insectos.

Publicidade

“Os resultados suxiren que pintar raias en branco e negro no gando pode previr os ataques das moscas que pican, e proporcionar un método alternativo para defender o gando destes insectos sen usar pesticidas na produción animal”, expoñen os investigadores no seu traballo.

Este é precisamente outro dos puntos nos que incide o traballo, xa que a industria gandeira adoita usar insecticidas para combater estes problemas. Por tanto, evitar o uso de compostos potencialmente tóxicos podería ser máis barato, saudable para o gando e mellor para o medio ambiente.

Porén, os investigadores matizan que antes disto, o estudo debe replicarse cunha mostra maior de vacas, así como en diferentes razas. “Poden precisarse técnicas máis efectivas para asegurar a persistencia das raias brancas e negras no gando durante os meses nos que aparecen máis problemas, sobre todo no verán.


Referencia: Cows painted with zebra-like striping can avoid biting fly attack (Publicado en PlosOne)

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o avespón oriental: a nova ameaza que toma o relevo da velutina

O depredador de abellas melíferas está considerado unha das principais pragas do país segundo o Catálogo Español de Especies Invasoras

Do bicho da fariña ao envase sostible: a tese galega que transforma insectos en biofilms

Un proxecto da Universidade de Vigo e Cifga, apoiado polo programa Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia, explora o uso do escaravello ‘Tenebrio molitor’ para desenvolver materiais biodegradables de baixo impacto ambiental

Máis de 4.000 explotacións galegas usan xa os servizos da Plataforma Dixital Agroforestal da Xunta

É un ecosistema tecnolóxico que xestiona a información e datos de interese para as actividades agrícolas e forestais

Dedos coma uvas pasas: engúrrase a pel das mans ca auga sempre do mesmo xeito?

Unha pregunta duns nenos levou a un grupo de científicos a mollarse para saber se a auga fai sempre as mesmas formas na pel