A Mariña Lucense, primeiro destino galego en obter o selo Observer de Turismo Ornitolóxico

O recoñecemento avala a súa riqueza natural e o seu potencial como enclave de referencia para a observación de aves

A Mariña Lucense converteuse no primeiro destino en Galicia en obter a certificación Observer na categoría de Destino Ornitolóxico, un recoñecemento que avala a súa riqueza natural e o seu potencial como enclave de referencia para o turismo de observación de aves. Este selo, concedido tras un proceso de avaliación, distingue a comarca pola calidade dos seus hábitats, a diversidade de especies que alberga e a concienciación sobre a observación responsable da avifauna.

Situada no noroeste de Galicia, A Mariña Lucense é un territorio privilexiado para o turismo ornitolóxico. As súas catro Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), incluído o Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental, convértena nun punto estratéxico para a observación de especies mariñas, limícolas ou rapaces, entre outras moitas. Entre as máis destacadas que poden avistarse na comarca atópanse o cullereiro común (Platalea leucorodia), o mazarico real (Numenius arquata), o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) e o mascato boreal (Morus bassanus).

Publicidade

A certificación Observer outórgase a aqueles destinos que cumpren con criterios de calidade na promoción do turismo ornitolóxico sostible, asegurando unha experiencia enriquecedora para os visitantes e un baixo impacto sobre a contorna natural.

Turismo e biodiversidade van da man

Como parte do proceso de investigación e posta en valor da riqueza ornitolóxica do territorio, A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense desenvolveu un conxunto de ferramentas para facilitar a experiencia aos afeccionados á observación de aves. Entre elas, un apartado web especializado dentro da web; un folleto informativo trilingüe (galego, español e inglés) con puntos de observación e información de especies; paneis interpretativos en enclaves estratéxicos, con información sobre as aves locais e os seus hábitats que serán instalados nos próximos meses, unha vez se obteñan as autorizacións necesarias; e material educativo para escolares, coa creación dunha unidade didáctica para fomentar o coñecemento e a conservación da avifauna entre os máis novos.

Publicidade

Coa obtención do selo, A Mariña Lucense entra no mapa do turismo ornitolóxico de calidade, reforzando a súa posición como destino de referencia nacional. Ademais, a certificación inclúe a creación dun perfil oficial na plataforma Observer, que permitirá dar visibilidade a este destino entre a comunidade de observadores de aves.

Esta certificación supón un paso adiante na aposta por un turismo sostible e especializado, contribuíndo ao desenvolvemento económico da comarca e promovendo a conservación do seu patrimonio natural. A Mariña Lucense colócase así como un exemplo de como o turismo e a biodiversidade poden coexistir en harmonía.

Estas accións están promovidas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ciclo de divulgación científica leva a investigación sobre Galicia a seis vilas do Camiño de Santiago

A iniciativa de Observer ‘Camiños de Ciencia’ celebrarase entre setembro e novembro con charlas gratuítas arredor da arqueoloxía, xeoloxía ou astronomía

Betanzos rende homenaxe ao seu pasado como capital galega do lúpulo

A segunda edición da festa, impulsada pola Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 13 de setembro a tradición con catas, 'showcookings', concertos e visitas aos campos de cultivo

‘Galicia en ruta’: 12 camiños para coñecer o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía galegas

A guía da Xunta estará dispoñible en sete idiomas e recolle itinerarios que se adaptan a diferentes espazos temporais e preferencias

A espectacular expedición científica para observar aves que acabou cunha ameaza global por hantavirus

O ornitólogo galego Ricardo Hevia viaxa no ‘MV Hondius’ seguindo as pistas da pardela de lentes, unha ave mariña que aniña unicamente nunha illa remota do Atlántico