Galicia comezou o 2024 co seu litoral tinguido de branco. Millóns de diminutas bólas plásticas chegaron ás praias de forma masiva nos primeiros días de xaneiro. Unha marea de voluntarios lanzouse a limpar areais dende A Guarda ata Ribadeo sen saber que eran aqueles residuos. Tratábanse de pellets: bólas do tamaño dunha lentella que se empregan na fabricación de moitos produtos plásticos. Chegaron ás praias galegas porque o buque de carga Toconao perdera seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo o 8 de decembro de 2023. Non foi ata mediados dese mes e, sobre todo, ata comezos de 2024, cando as mareas esparexeron as diminutas bólas por todo o litoral. Un ano despois do suceso, apenas hai información oficial.
A Xunta non respondeu ás preguntas formuladas por GCiencia. Non obstante, confirmou que a Consellería de Medio Ambiente fará proximamente un balance da vertedura do Toconao co gallo do aniversario do accidente. Á espera da información oficial, ata o de agora non se sabe onde están almacenados os pellets, se xa hai un plan para a súa xestión ou se aínda seguen chegando ás praias. Semella que o caso caeu no esquecemento unha vez que as bólas plásticas deixaron de chegar masivamente a Galicia. A continuación analizamos seis incógnitas sobre os pellets 365 días despois do accidente do Toconao.
Continúan chegando pellets ás costas galegas?
Non consta que continúen chegando bólas plásticas ás costas galegas. Tampouco hai certeza do contrario. Con todo, o Toconao é un dos moitos buques que transporta pellets e é difícil saber se entre o lixo que hai nos areais —sen contar os outros plásticos que aparecen nas praias— hai diminutas bólas e, sobre todo, se se poden atribuír á vertedura de decembro de 2023. O certo é que a carga do Toconao era considerable: 1.000 sacos de pellets que se traducen en 26 toneladas de bólas plásticas.
En marzo, a Xunta indicaba nunha nota de prensa que, a pesar das condicións oceanográficas favorables para a entrada de máis material á costa galega, non se apreciou unha chegada significativa de pellets. Polo tanto, procedeuse a desactivar o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Marina Accidental de Galicia (Plan Camgal).
Con todo, unha simulación realizada polo grupo OpenPLAS da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria en xuño deste ano demostraba que o peor do episodio xa pasara. O investigador Álvaro Cubas confirmaba a GCiencia o seguinte: “É probable que a maioría xa chegaran á costa”. Entraron de forma masiva en Galicia entre mediados de decembro —o día 13 notificouse o primeiro achado dun saco de pellets en Ribeira— e xaneiro.
A partir de febreiro foron chegando de forma máis illada ás costas galegas e espallándose por outros litorais do norte de España. En marzo, abril e principios de maio chegaron ao oeste de Francia. Con todo, o grupo OpenPLAS confirmaba que o territorio máis afectado fora Galicia e que probablemente os pellets do Toconao chegasen a outras costas mesturados con outros lixos. Incluso con bólas procedentes doutros buques que perderon a súa carga, igual que aconteceu co Toconao.
Cantos pellets almacenou a Xunta? E os concellos?
Segundo a última actualización da Xunta, publicada nunha nota de prensa o 25 de xaneiro, o dispositivo despregado polo goberno autonómico recolleu 3.572 quilos de pellets, que equivale a 143 sacos. A maiores, cifran a limpeza doutros 1.272 quilos, arredor de 51 bolsas, froito do traballo de voluntarios ou dos sacos enteiros, ou case cheos, que notificaron algúns concellos e recolleron os traballadores da Xunta. Por tanto, os datos oficiais apuntan a 4.845 quilos de pellets recollidos. É dicir, tan só 5 toneladas das 26 que transportaba o Toconao. E isto só son números do que chegou á costa, pero non do que hai no mar. Con todo, a cifra non se actualiza dende hai case un ano.
Amais dos pellets, a Xunta poñía o foco noutro problema de contaminación mariña: os 12.528 quilos doutros plásticos. Recolléronse nas praias galegas ao mesmo tempo que se levaba a cabo a campaña de limpeza das bólas plásticas. Unha cifra que dá conta das dimensións do problema. Nin máis nin menos que 12 toneladas.
Onde están almacenados os pellets?
Descoñécese o lugar no que están almacenadas as case cinco toneladas de pellets que se recolleron durante a campaña. En febreiro deste ano, a Consellería de Medio Ambiente evitaba aclarar a localización do material. Tan só indicaba que estaba en “instalacións privadas”. Así mesmo, fontes do departamento aseguraban a GCiencia que o seu papel limitábase a “custodiar” o material á espera de que a Fiscalía tomase unha decisión, dado que naquel momento se mantiña o procedemento aberto polo caso Toconao. Con todo, nunca se revelou a localización dos pellets, nin sequera se alí están almacenadas as cinco toneladas recollidas. Tampouco consta que a Xunta centralizase o material que se limpou nos concellos, e se estes llo remitiron a Medio Ambiente.
Que se vai facer cos pellets? Hai algún plan de xestión?
Empresas como Inditex mostraron interese por darlle unha segunda vida aos pellets. Previsiblemente, no caso do grupo téxtil, para convertelos en perchas. A día de hoxe nada máis se sabe deste plan. A Xunta, en febreiro deste ano, aseguraba nunha peza publicada en GCiencia que non se ían tomar decisións ata que non acabase o episodio. Case un ano despois, segue sen saberse de existe un procecemento para a súa xestión, se xa está en marcha ou se incluso xa se realizou.
Medio Ambiente indicaba naquel momento que o obxectivo final dos pellets estaba supeditado ao procedemento que abrira a Fiscalía para reclamar os gastos ocasionados pola limpeza das praias, pedindo á armadora do buque que se fixese cargo dos mesmos. “O Executivo central é quen ten as competencias para actuar fronte a un episodio de contaminación mariña”, indicaban fontes de Medio Ambiente. Polo tanto, a Xunta deixaba pendente a xestión das bólas plásticas ás decisións do goberno.
Que aconteceu co resto de contedores do Toconao que caeron ao mar?
Os pellets que chegaron ás costas galegas eran a carga dun dos seis buques que perdeu o Toconao fronte ás costas de Viana do Castelo. Os demais levaban pneumáticos, filme, latas de tomate e barras de aluminio. Nada máis se soubo deles. Tampouco se confirmou nunca a cantidade total de material que levaba o buque nos contedores accidentados. Expertos galegos afirmaban que algúns deses produtos eran bastante máis preocupantes que os pellets.
A investigadora en polímeros e catedrática da Universidade da Coruña María José Abad indicaba o seguinte nunha peza publicada en GCiencia a mediados de xaneiro: “Como emisión de contaminantes, son moito máis preocupantes os pneumáticos. Son formulacións cargadas de aditivos e tardarán en descompoñerse”.
En que estado está o percorrido xudicial contra a armadora do buque?
Un artigo publicado por Europa Press o 25 de novembro aseguraba que o Goberno central xa reclamou á armadora do Toconao os gastos derivados da limpeza das praias e dos intentos de avistamento da carga accidentada dende o aire. O Executivo respondeu no Parlamento que foi a Dirección Xeral da Mariña Mercante, que depende do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a que reclamou os costes.
A armadora do buque —que colaborou no proceso de limpeza, segundo o Goberno— solicitou aclaracións ao executivo sobre as facturas emitidas. Despois de que sexan contestadas, poderán formular alegacións, despois tomaranse decisións e despois resolverase o procedemento. Polo tanto, aínda queda moito camiño por percorrer.














