Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Unha aplicación para previr a atrofia muscular e varios utensilios cotiás adaptados como un abrelatas accesible para unha soa man. Estes son os proxectos premiados dentro encontro europeo realizado esta semana no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITC) da Universidade da Coruña (UDC) no que se buscaban as mellores solucións tecnolóxicas para a inclusión de persoas con discapacidades.

Durante estas tres xornadas, dende o 2 ao 4 de decembro, os participantes traballaron en equipo para abordar desafíos prácticos relacionados coas necesidades diarias das persoas con discapacidade. Estes retos, identificados polas propias persoas con diversidade funcional, inclúen a creación de ferramentas e dispositivos que promovan a independencia e a inclusión, como adaptacións para persoas usuarias de cadeiras de rodas, un abrelatas multifuncional que poida manexarse cun só brazo, e solucións tecnolóxicas que melloren a accesibilidade

Publicidade

Cesta da compra adaptada

Así, o primeiro premio foi para o equipo Muscle Guardians, que presentou unha innovadora aplicación personalizada para previr a atrofia muscular, adaptando os exercicios ás características individuais do usuario e permitindo unha rehabilitación máis efectiva.

O segundo premio foi outorgado ao grupo 3D Makers-Ripers, pola súa serie de solucións accesibles, entre elas unha adaptación para a cesta da compra deseñada para persoas en cadeira de rodas, que mellora a autonomía nas compras diarias. Así como tamén un abrelatas accesible para persoas cunha soa man e un soporte para paraugas para facilitar o seu uso en cadeira de rodas.

Publicidade

Mellorar a accesibilidade a través da tecnoloxía

O hackaton que acolle esta semana o CITIC forma parte do proxecto Erasmus+ Design2Freedom, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), cuxo obxectivo é promover a accesibilidade e a inclusión de persoas con discapacidade mediante o uso de tecnoloxías.

O grupo de investigadoras do CITIC, que participa neste proxecto, “está comprometido coa investigación e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas accesibles”, sinalan dende o centro. Nas actividades previas do proxecto, como as xornadas formativas celebradas en Madrid, o Grupo TALIONIS da UDC compartiu a súa experiencia en áreas como impresión 3D, software de comunicación e ferramentas para a creación de contidos dixitais accesibles.

A iniciativa está centrada na persoa e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que poidan ter un impacto positivo na vida cotiá das persoas con discapacidade. A colaboración entre universidades, investigadores e entidades sociais internacionais contribúe á creación dunha contorna máis accesible e equitativa para todas as persoas.

O evento foi organizado polo CITIC coa colaboración de COCEMFE e contou coa participación de entidades internacionais como Vilniaus Kolegija (Lituania), Creative District (Bélxica) e Technicka Univerzita v Kosiciach (Eslovaquia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro