Comprender o baloncesto en cadeira de rodas como forma de vida e compaxinalo cunha xornada laboral completa e unha preparación física de alto rendemento. Así e a vida do deportista Julio Vilas, xogador do Iberconsa Amfiv Vigo, equipo da Superliga española, unha persoa que, con diversidade funcional física dende o seu nacemento, afronta o seu día a día en base a esta disciplina que o levou a gañar unha medalla de prata coa selección española. Este martes 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, un colectivo que en 2023 rexistraba un total de 347.816 galegos e galegas, segundo datos da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Vilas é un dos 897 veciños censado en Baiona como persoa con discapacidade física, dun total de 184.444 galegos e galegas que constan no rexistro autonómico dentro desta categoría. A súa diversidade funcional ven de nacemento. “Sufrín un atrapamento do cordón umbilical cando estaba no ventre, polo que o meu tren inferior non se desenvolveu con normalidade, o cal coñécese como artogripose múltiple conxénita”, relata. Este trastorno aféctalle a cadeira, xeonllos e pés e non permite ao corpo producir musculatura. “Podo considerarme afortuando. Tiven sorte porque, a diferencia da maioría de xente, non me afectou aos brazos e ao peito”, resalta.
Traballador da ONCE
Malia isto, o baionés poder camiñar –non se certa dificultade– grazas a un bitutor, un aparello que protexe e estabiliza as súas pernas – “como o que utiliza Forrest Gump”, apunta– e grazas a isto pode percorrer as rúas viguesas de Canido, por onde realiza a súa xornada laboral, xa que é vendedor de cupóns da ONCE. “Levo máis de 10 anos nisto e encántame, porque é un traballo moi social, que me permite falar e coñecer a xente nova todos os días. Pero se tivese que empregar unha cadeira de rodas, posiblemente non estaría nesta área, xa que non é nada accesible”, sinala. Sobre este aspecto, o xogador indica que si que nota que houbo melloras na cidade, “aínda que queda moito por facer”.
A diferenza da inmensa maioría dos seus compañeiros do Amfiv Vigo, onde todos os xogadores salvo el e outra persoa adícanse de xeito exclusivo ao baloncesto adaptado, Vilas compaxina a súa xornada completa cunha sesión diaria de ximnasio e os adestramentos do club vigués.
Só 826 autónomos con discapacidade
Así, o xogador forma parte das 17.054 persoas con discapacidade que a día de hoxe están afiliadas a Seguridade Social en Galicia. Destas, 6.503 están en Pontevedra, segundo os datos do Observatorio das Ocupacións do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) facilitados pola profesora de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo (UVigo) Rosa María Rodríguez.
Dos pontevedreses con diversidade funcional que traballan, a inmensa maioría están inscritos no Réxime Xeral, 5.612 persoas, e só 826 están dados de alta como autónomos. “O colectivo de persoas con discapacidade supón só un 1,76 % dos traballadores na provincia. Principalmente realizan actividades relacionadas cos servizos a edificios e xardinería (8,67%), servizos sociais sen aloxamento (8,59%), outros persoais (6,64%) e actividades administrativas de oficina e auxiliares as empresas (5,48%)”, explica a profesora da UVigo.
Baloncesto como forma de vida
Malia contar cun traballo que lle enche dende hai máis dunha década, Vilas admite que o baloncesto é a súa forma de vida dende os 16 anos, a día de hoxe ten 37. “Na miña adolescencia miraba con receo aos meus compañeiros formar parte de equipos de fútbol. Cando descubrín o deporte adaptado e vin a persoas xogando con discapacidades iguais ou peores ca miña, esta disciplina transformouse na miña vida”, relata.
Tras comezar no Amfiv e pasar puntualmente por outros equipos de baloncesto en cadeira de rodas como o de Burgos ou Barcelona, en 2009 aséntase no club de Vigo. Dende aquela leva xogando ao nivel dun deportista de elite, xa que a agrupación viguesa forma parte da máxima categoría da liga nacional. Ademais, con 33 anos, foi chamado para formar parte da selección española, coa que o pasado ano acadaba a medalla de prata no campionato europeo. Este feito permitiu que España conseguise o pase para os Xogos Paralímpicos de París, malia que finalmente Vilas non foi convocado para ir a Francia. “Chegar á selección, e máis coa idade que tiña naquel momento, foi e é todo un orgullo”.
Emprego nas persoas con diversidade funcional
A pesar do caso de Vilas, a realidade laboral do colectivo con discapacidade en Galicia non sempre é así. Segundo detalla a profesora da UVigo, os desempregados con diversidade funcional suman un total de 7.724 persoas na comunidade. En Pontevedra, dos 3.357 demandantes de emprego que se rexistran actualmente, 2.150 son de larga duración (máis de 12 meses neste estado).
“Resulta significativo que, pese as normativas existentes focalizadas para axudar a súa contratación –como a Ley 3/2023 de Emprego que menciona as persoas con discapacidade como colectivo de atención prioritaria nestas políticas– se dea este número que, en épocas de crisis, empeoran”, apunta Rodríguez.
Considera que as administracións deberían reforzar o seguimento dos contratos e o percorrido da súa formación, malia que entende que a día de hoxe non é posible por falta de medios ou de personal. Ademais, tamén sinala que os gobernos teñen que proporcionar apoios públicos ás empresas para favorecer a súa contratación e que os representantes das persoas traballadoras deberían ter en conta este colectivo na negociación dos convenios colectivos.