Sábado 20 Abril 2024

Unha galega estuda o uso da realidade virtual no día a día das persoas con discapacidade

Un sistema óptico rastrexa o movemento das mans e dedos para mellorar a inmersión dos participantes nos diferentes escenarios

O uso da tecnoloxía para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional é a liña do traballo principal da investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) Thais Pousada, que está a desenvolver na actualidade o proxecto Contornas personalizadas de realidade virtual para a intervención con persoas con diversidade funcional. Trátase dunha iniciativa na que a realidade virtual permite xerar contornas de aparencia real, así como a interacción cos diferentes elementos do devandito escenario dunha maneira semellante ao que sucedería no mundo real.

“Os usuarios poden interactuar dentro da súa vivenda para levar a cabo cuestións instrumentais básicas da vida cotiá como apartar unha cadeira para sentar ou facer a compra no supermercado”, explica a investigadora CITIC, quen sinala que este proxecto busca “complementar as terapias habituais dunha maneira segura, amena e motivadora”. O proxecto atópase en fase de desenvolvemento e os escenarios realizados polo enxeñeiro informático e doutorando Manuel Lagos xa foron probados por persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral de Coruña (Adaceco).

Publicidade

“Os resultados foron moi positivos, polo diferente que é das terapias que realizan habitualmente e permitíronnos axustar certas cuestións para que a nosa aplicación sexa o máis útil posible no futuro”, engade a investigadora, quen sinala que esta ferramenta xerará un informe con diferentes datos de interese para a avaliación do seu profesional sanitario, quen poderá consultar cuestións tales como “o rango de movemento das mans ou o tempo de duración de cada actividade, entre outros”. Ademais, colaboran coas entidades COGAMI (a nivel galego) e COCEMFE Castela León.

A diferenza doutras aplicacións comerciais, o proxecto integra un sistema Leap Motion, sistema óptico capaz de rastrexar o movemento de mans e dedos da persoa usuarias sen necesidade de mandos, o que mellora a inmersión nos escenarios.

Tecnoloxía ao servizo das persoas

Thais Pousada forma parte do cadro investigador do CTIC da UDC, no que 3 de cada 10 investigadores son mulleres. É doutora en Ciencias da Saúde, terapeuta ocupacional e enfermeira. A súa traxectoria sempre estivo vinculada á mellora da calidade de vida e a saúde das persoas mediante a resolución das súas necesidades aplicando o uso da tecnoloxía para facilitar a realización de actividades no seu día a día. A través do uso da impresora 3D e lentes de realidade virtual realiza diferentes investigacións encamiñadas a dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade.

“Un dos maiores beneficios de traballar con estas persoas é a satisfacción de ver que o noso labor investigador repercute nunha mellora da súa calidade de vida”, explica Thais Pousada, quen anima ao alumnado, en especial ás adolescentes, a achegarse a este tipo de disciplinas universitarias e poder desenvolver tamén as súas carreiras profesionais nas mesmas coincidindo coa conmemoración deste 11 de febreiro, Día da Muller e da Nena na Ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un xigantesco mapa 3D dá a medida máis precisa da expansión do universo

O instrumento DESI cartografa galaxias e cuásares e mide a velocidade de crecemento do cosmos hai entre 8.000 e 11.000 millóns de anos

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Como poñer fin aos nesgos da IA no traballo: “Os algoritmos deben ser transparentes”

A investigadora do CITIC Verónica Bolón cualifica positivamente a declaración que asinaron España e EEUU para evitar que a dixitalización vulnere os dereitos laborais