Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

Unha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático para “predicir as necesidades asistenciais derivadas de infeccións respiratorias agudas”. A Xunta deu luz verde este luns ao Plan sanitario galego de inverno 2024-2025, co que busca “afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias”, indicou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.

Este obxectivo levarase a cabo a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. Un plan que suporá un investimento de oito millóns de euros en persoal, “que se suman aos 11,3 millóns de orzamento da campaña de vacinación”, expuxo o presidente.

Publicidade

Estas infeccións respiratorias agudas, especialmente a gripe, implican un aumento da carga asistencial no Servizo Galego de Saúde e na utilización dos seus recursos humanos e materiais. Por iso o plan, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, permitirá “optimizar os recursos en función da situación epidemiolóxica de cada momento”.

Comparativa de datos

Para anticiparse, a Xunta crea unha rede de vixilancia de farmacias sentinela, con 70 oficinas, que “informarán de forma semanal das dispensacións de medicamentos antigripais e de tests de antíxenos”. Isto permitirá analizar estes datos comparándoos coa taxa de consultas por infeccións respiratorias agudas en atención primaria e coa taxa de ingresos hospitalarios con gripe confirmada.

Publicidade

Do mesmo xeito, os sistemas de información empregados na vixilancia epidemiolóxica contarán cos rexistros semanais de consultas por infeccións respiratorias agudas. Ademais de gripe e covid, tamén da larinxite e amigdalite agudas, bronquite, pneumonía bacteriana e viral ou bronquiolite, entre outras. Así mesmo, incorporarase un novo modelo matemático que “permitirá detectar os cambios na epidemia de gripe con dúas semanas de antelación, baseado na intelixencia artificial”, explicou Rueda.

Con este plan, as sete áreas sanitarias contarán con recomendacións homoxéneas de medidas que se deben adoptar, tanto transversais como específicas, en función do escenario en que se atopen segundo a presión de urxencias e a ocupación da hospitalización. “O Servizo Galego de Saúde dispón de capacidade para ampliar o número de camas de hospitalización, en caso de ser necesario, en máis de 600”, lembrou.

A análise epidemiolóxica que se obtén de forma anticipada grazas aos modelos de predición “permite planificar a mobilización de recursos e optimizar procesos asistenciais”, especialmente nas áreas de urxencias hospitalarias, hospitalización e actividade cirúrxica.

Importancia da vacinación

Entre as medidas de prevención previstas pola Xunta no Plan sanitario galego de inverno está a campaña de vacinación estacional en que, nesta temporada 2024-2025, o investimento autonómico ascende a 11.372.772 euros. A compra de vacinas fronte á gripe supera os oito millóns de euros e o anticorpo monoclonal fronte ao VRS, os 3,2 millóns.

Desde setembro, o Goberno galego está a vacinar a poboación de forma progresiva en función da súa vulnerabilidade e idade. A pasada fin de semana ofreceuse nos hospitais galegos unha nova oportunidade para que nenos e nenas se protexan fronte á gripe e, para a poboación adulta, continúan abertos os centros de vacinación masiva.

Tal e como apuntou Rueda, nestes momentos “xa foron vacinadas fronte á gripe máis de 615.000 persoas”, polo que animou a seguir inmunizándose contra este virus para evitar posibles complicacións. O obxectivo desta campaña é acadar un 75% de cobertura en maiores de 65 anos e, neste momento, esa porcentaxe supera o 62%. En canto ás persoas maiores de 80, a cobertura acada xa o 80% e, no referente a nenas e nenos, Galicia supera o 56% de vacinados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia