A maioría dos ‘pellets’ xa alcanzaron a costa seis meses despois do accidente do ‘Toconao’

Un equipo de Canarias crea unha simulación da marea de bólas plásticas, que tamén chegaron a outras zonas do norte de España e ao oeste de Francia

O 8 de decembro de 2023, o buque de carga Toconao perdeu seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo. Un deles levaba máis de 1.000 sacos de pellets, é dicir, unhas 26 toneladas dunhas diminutas bólas plásticas que serven de base para a fabricación doutros materiais. Seis meses despois do accidente que tinguiu de branco o litoral galego, un equipo de Canarias crea unha simulación do percorrido que fixeron os pellets dende o 8 de decembro ata o 6 de maio. “É probable que a maioría xa chegaran á costa”, estima o investigador Álvaro Cubas, membro do grupo OpenPLAS.

Segundo a simulación, as diminutas bólas plásticas chegaron a Galicia masivamente entre mediados de decembro e finais de xaneiro. A partir de febreiro, comezaron a chegar a outras costas do norte de España e en marzo, abril e principios de maio ao litoral oeste de Francia. Con todo, Cubas recoñece que o territorio máis afectado foi o galego, o primeiro en recibir a marea de pellets: “Pode que as outras zonas tamén recibiran cantidades importantes, pero de forma moito máis gradual comparado co que pasou en Galicia”. A principal hipótese que barallan é que as bolas plásticas chegasen ás demais costas moi mesturadas con outros lixos mariños, incluíndo pellets procedentes doutros buques de carga.

Publicidade

O investigador de OpenPLAS recoñece que é dificil prognosticar que acontecerá co resto de bólas do Toconao que continúan no mar. “Coa chegada do verán, as correntes da zona cambiarán co que é posible que os pellets que queden flotando polo Golfo de Biscaia —que cremos que son relativamente poucos— poidan chegar ás costas do norte de España ou ben entrar na circulación a gran escala no Atlántico norte“, sinala Cubas. Non obstante, o científico insiste en que tan só traballan con hipóteses e simulacións que pese a ser “bastante correctas”, poden diferir do que aconteza en realidade.

Sen destino coñecido

Segundo datos ofrecidos pola Xunta este xoves, o seu operativo recolleu 3.650 quilos de pellets, o que equivalería a 146 sacos. A estas cifras habería que sumarlle os 1.384 quilos —aproximadamente 55 sacos— que retirou o persoal voluntario. Con todo, a Consellería de Medio Ambiente non actualiza este último número dende mediados de febreiro. En total, e cos datos dispoñibles, limpáronse das praias galegas 5 toneladas de bólas plásticas. A cuestión está que seis meses despois do accidente, e tres despois de que cesase a súa chegada másiva á costa, a Xunta segue sen desvelar onde están almacenados os pellets e tampouco aclara o seu destino final, malia que empresas como Inditex mostraron interese por darlles unha segunda vida.

Publicidade

“Este material está gardado en instalacións de almacenamento intermedio —das que non podemos facilitar a localización por cuestións de seguridade— á espera de que se determine o seu destino final conforme á normativa aplicable en materia de xestión de residuos”, indican fontes da consellería. Non obstante, non aclaran se as bólas plásticas almacenadas son só as recollidas polo seu operativo ou tamén inclúen os pellets que foron acumulando os concellos, ben cos seus propios servizos de limpeza, ben a través do persoal voluntario que se mobilizou masivamente a comezos de ano. A xestión da Xunta a este respecto foi moi criticada meses atrás, dado que os protocolos de actuación que publicou a consellería convertía os concellos en responsables directos da xestión dos pellets, sen máis directrices que as de habilitar “contedores ou locais de almacenamento”.

Unha reclamación en stand-by

O destino das bólas plásticas non é o único asunto que está en stand-by: tamén o está a reclamación á empresa armadora do Toconao para que se faga responsable dos custos económicos derivados da limpeza dos pellets. Segundo a cronoloxía que traslada o goberno autonómico, Medio Ambiente dirixiuse ao Executivo central o 19 de xaneiro para pedirlle que iniciara o procecemento de esixencia de responsabilidade ambiental polo incidente do cargueiro fronte ás cosas lusas. Fontes da consellería defenden que se seguiron estes pasos dado que o goberno central é quen ten as competencias en materia de contaminación mariña e, non obstante, “non iniciou o procedemento de oficio”. Sempre segundo a Xunta, a resposta inicial do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico foi que se ía estudar a solicitude, mais o 6 de marzo notificóuselle a Medio Ambiente que a petición se trasladaba ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Un barreño cos 'pellets' que os membros da confraría recolleron a comezos de xaneiro na praia de Boa. Foto: José Miguel Sardo
Un barreño cos ‘pellets’ que os membros da confraría recolleron a comezos de xaneiro na praia de Boa. Foto: José Miguel Sardo

“Nestes momentos a Xunta segue á espera da resposta oficial do Executivo de Sánchez para esgotar a vía administrativa e, por suposto, como indicamos no seu momento, seguimos tendo aberta a vía dos tribunais para exixir que reclame responsabilidades ambientais e económicas a quen corresponda”, declaran fontes da consellería. Poñen en contexto, ademais, que xa transcorreron máis de dous meses dende que pediron oficialmente unha reclamación á armadora do Toconao e ante a falta dunha resposta concluínte, a conselleira de Medio Ambiente a Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reiterou a demanda a finais de marzo durante o Consello consultivo de asuntos medioambientais europeos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Galicia será pioneira en reforzar a vacina contra a meninxite aos 12 anos a partir de maio

Sanidade incorporará ao calendario vacinal unha dose adicional na adolescencia para reducir contaxios e avanzar na erradicación da enfermidade