Galicia comezou o 2024 tinguida de branco. E pese á multitude de interpretacións dunha oración tan confusa, só hai unha tan acertada como recente: os pellets. Escribir “recente” é realmente un falar, porque xa pasaron seis meses dende que o buque Toconao perdeu seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo, que transportaban unha inxente carga de pneumáticos, papel film e diminutas bólas plásticas. Ás praias de Galicia só chegaron os pellets e, como di o consabido refrán que ollos que non ven, corazón que non sente, a ninguén lle preocupou —aparentemente— que houbese rodas e envoltorios alimentarios ciscados polo mar. E para que negalo: tamén había certa confusión sobre as bólas plásticas. Os pellets non servían para acender estufas?
O primeiro aviso foi silandeiro. Un veciño de Ribeira que paseaba pola praia do Espiñeirido atopou o primeiro saco de 25 quilos. Unha enorme bolsa de rafia cun material que, probablemente, non vira na súa vida. Iso foi o 13 de decembro, pero o silencio do goberno autonómico era sepulcral. Houbo que esperar os últimos días do ano para que a Asociación Noia Limpa comezase a alertar reiteradamente nas súas redes sociais de que unha marea de bólas plásticas de orixe descoñecida estaba a tinguir as praias da ría de Muros e Noia. E aí entrou a tolemia mediática, a mobilización masiva do voluntariado e a saída ás praias para recoller pellets sen saber cal era a súa composición nin os seus riscos. Tiñan aditivos químicos? Era plástico virxe? Para que servían?
Houbo quen comezou a comparar o episodio co Prestige, aínda recente na memoria colectiva. Doía pensar que algo así puidese volver ocorrer en apenas dúas décadas. A comunidade científica saíu, coma sempre, a sementar calma porque si, estabamos a vivir un novo capítulo de contaminación mariña nas nosas costas, pero nada comparable coa marea negra da nosa memoria. Pero claro, a ciencia é ciencia e a política é política. De ningunha outra maneira se pode entender que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, saíse ante os medios asegurando que os pellets “non eran tóxicos nin perigosos”, baseándose exclusivamente nun documento dunha soa páxina, sen data, e sen especificar quen o encargara nin quen o realizara.
A oleada de pellets veu acompañada dunha oleada de incerteza e confusión. Por iso, outra vez como tantas outras, foi a academia quen saíu ao rescate do máis absoluto desconcerto. O equipo de Soledad Muniategui, da Universidade da Coruña, confirmou que as bólas non eran plástico virxe, senón que contiñan unha longa lista de aditivos. E o grupo de Ricardo Beiras, da Universidade de Vigo, tamén alertou dende o principio que non se lle podía supoñer inocuidade a un material sen antes estudalo en laboratorio, sen antes ter a ficha de produción, sen antes asegurarse de que aquilo que tocas, ules e respiras non ten perigo algún. E para os humanos, a verdade, é que non resultaron ser daniños, pero que acontece cos organismos mariños?
Recolléronse 5 toneladas de pellets e 16 doutros plásticos. A onde imos parar?
Claro, 26 toneladas de pellets na inmensidade do océano Atlántico non parece tanto. Pero que acontece co resto de residuos que caen periodicamente ao mar? Os accidentes como o do Toconao non son a excepción, son a regra. E o resto de materiais que transportaba o buque son tan ou máis contaminantes que os pellets. Os pneumáticos e o papel film non chegaron a Galicia, nin a Asturias, nin a Cantabria, nin ao País Vasco, nin a Francia. Non chegaron, pero están nalgún punto indeterminado das profundidades dun océano. E non son os únicos. Hai miles e centos de residuos que se desintegran, que se descompoñen, e que acaban formando os cada vez máis populares microplásticos. Na auga, nos pulmóns, no aire… Están en todas partes, como os xoves.
Agora que se fan seis meses dende o accidente do Toconao pregúntome se os pellets serviron para algo. Os datos da Xunta apuntan á recollida de 5 toneladas que visto así, illadamente, é unha barbaridade. Pero durante a mesma campaña de limpeza de praias almacenáronse 16 toneladas doutros plásticos. A onde imos parar? Non o sei. Con administracións que se manteñen pasivas ante a reclamación ambiental ás empresas responsables, con prazos burocráticos interminables e con ideoloxías que obstaculizan o entendemento, ignorar o verdadeiro problema sempre é a opción máis doada. É inevitable pensar en que todo isto é comparable co xogo da oca: hoxe é o Toconao, onte foi o Prestige —sen comparar, en ningún caso, a traxedia—. En que recadro caeremos cando botemos o dado? Estaría ben ir de ponte en ponte para avanzar, pero teño a sensación de que sempre volvemos á casa de saída.














