Un mes despois de que comezasen a chegar pellets ás costas galegas procedentes dunha vertedura do cargueiro Toconao, a composición destas pequenas bólas plásticas parece ser unha incógnita. Polo menos, no que se refire á información oficial. Dende as consellerías do Mar e de Medio Ambiente tan só trascendera que os pellets son de polietileno, o plástico máis común, pero non se confirmara se contiñan ou non aditivos químicos. Con todo, nas últimas 24 horas saíron á luz dous informes encargados pola Xunta onde se analiza a folla técnica dos pellets e se confirma que non son plástico virxe, senón que teñen substancias químicas. O equipo Ecotox da Universidade de Vigo (UVigo), liderado polo catedrático de Ecoloxía Ricardo Beiras, analizou un dos informes e concluíu que unha das substancias dos pellets ten “toxicidade crónica” e é irritante para os ollos.
Os investigadores galegos centráronse na análise dun documento asinado por Santiago García Pardo, identificado como doutor en Ciencia e Tecnoloxías de Polímeros no grupo Valtalia. Con todo, ese informe, de apenas unha páxina, carece de data e non especifica que entidade solicitou a análise dos pellets. O que recolle este informe ratifica a información impresa nos sacos de rafia que levan preto dun mes chegando ao litoral de Galicia e recoñece que as bólas plásticas teñen estabilizadores UV; uns compostos químicos que poden ser tóxicos para algúns organismos mariños. En concreto, os pellets están compostos nun 90% de polietileno que, segundo os científicos da UVigo, é “totalmente inocuo”. Porén, conteñen entre un 10% e un 13% dun aditivo químico que se utiliza como estabilizador ultravioleta; é dicir, para facer que o plástico sexa máis resistente á luz.
Este aditivo, denominado UV622, non só é un “polímero non biodegradable”, senón que está formado á súa vez por outras dúas substancias. Por unha banda está o ácido succínico que, segundo o equipo de Beiras, non xera problemas dende o punto de vista toxicolóxico. O aditivo que provoca máis debate é unha substancia sintética que lle achega as propiedades antioxidantes aos pellets, pero que ten outras implicacións. En concreto, dende Ecotox sinalan que se trata dunha substancia “con toxicidade crónica” segundo a Axencia Química Europea (ECA, polas súas siglas en inglés”. De todos modos, os investigadores matizan que sería perigosa en exposicións prolongadas pero non nos labores de limpeza puntuais que están a levar a cabo voluntarios e profesionais. Amais disto, é unha substancia irritante para os ollos; un aspecto a ter en conta por parte de quen está manipulando estas bólas plásticas sen protección.
No que respecta ao impacto dos aditivos químicos dos pellets nos organismos mariños, hai moi pouca información. No informe no que se apoia Ecotox apúntase que esta substancia sería “pouco tóxica” para Daphnia, un invertebrado acuático que se utiliza como modelo para avaliar a toxicidade dunha substancia. Porén, na folla de seguridade sobre UV622, é dicir, o aditivo químico que levan os pellets, recoñécese pode ter un “nivel medio” de toxicidade para estes organismos. “En calquera caso, non é de esperar que en costas abertas se alcancen estes niveis”, sinalan os investigadores, que agora mesmo están a analizar o impacto dos pellets no plancto do que, ata agora, non hai información científica.
O outro dos informes nos que se baseou a Xunta foi elaborado polo Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) A entidade, de carácter privado, coincidía co outro informe en que se tratan de bólas de polietileno co aditivo UV622. “Trátase dunha substancia con toxicidade aguda cutánea e toxicidade acuática crónica, indicándose que pode ser nociva en contacto coa pel e nociva para os organismos acuáticos, con efectos nocivos duradeiros”, apunta o documento, onde tamén se asegura que os pellets “non son perigosos” para o seu uso principal, que é o sector alimentario. Estas conclusións son as que, segundo fontes da consellería, se baseou Ángeles Vázquez para declarar hai tan só uns días que as bólas plásticas “non son tóxicas nin perigosas”. Con todo, “é plástico e hai que sacalo dos areais”, dicía a tamén vicepresidenta da Xunta.
gogogogo