Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Deixar exemplares adultos de percebes nas rochas para unha mellor recuperación da poboación desta especie. A esta conclusión chegou o estudo no que colabora o CIM-UVigo e que vén de publicarse na revista Reviews in Fish Biology and Fisheries. A investigación releva o papel clave de grandes exemplares de Pollicipes pollicipes como núcleos para o recrutamento e rexeneración, ao tempo que ofrece esperanza para o seu restablecemento se se pechan zonas por esgotamento do recurso.

“As larvas dos percebes, que se atopan na columna de auga, fíxanse sobre o pedúnculo dos adultos, o lugar máis favorable para o seu crecemento e supervivencia. Cando non hai adultos nas rochas, as larvas, en menor medida, fíxanse na superficie núa da rocha ou sobre outros organismos, que ofrecen unha contorna menos propicia. Por iso, se se retiran todos os adultos das rochas, dificulta a recuperación das poboacións”, explican os investigadores.

Publicidade

O responsable desta investigación é un equipo internacional, liderado polos investigadores do Observatorio Marino de Asturias da Universidad de Oviedo, Víctor Gómez e José Luis Acuña e no que tamén participan a catedrática e o investigador do CIM-UVigo, Elsa Vázquez e Salvador Román, coa colaboración das confrarías de Baiona, Cangas e Coruña, que seguiu, durante catro anos, a recuperación de poboación de percebes na costa suroeste de Europa.

A importancia cuantitativa do proceso

Durante catro anos, o estudo, que seguiu a recuperación de máis de 500 superficies valeiras que quedaban na rocha tras extraer o percebe, revelou que a recuperación é máis lenta do esperado. A metade das superficies non amosaron signos de recolonización despois de tres anos e medio, mentres que o 50% dos que amosaron certa recuperación tardaron máis de dous anos e medio en recolonizar completamente a superficie e o 21,5% máis de seis anos.

Publicidade

Ademais, a recuperación dependeu en gran medida da presenza de adultos, xa que máis do 90% dos ocos deixados nas rochas polos e polas percebeiras iniciaban a recuperación en menos de seis meses se se deixaban algúns adultos na súa periferia.

“Estes adultos serven como iniciadores do recrutamento. En contraste, o 40% dos ocos sen adultos nin tan sequera iniciaron a recuperación dentro do período de conservación de catro anos”, sinalan os autores do artigo, que engaden que unha vez comezada a recuperación, a taxa era de 0,5 cm²/mes en ausencia de adultos, pero de ata 2,54 cm²/mes cando os ocos explotados estaban en contacto con moitos adultos.

O estudo confirma que a eliminación de todos os percebes adultos das rochas, así como doutros cirrípedos, mexillóns e algas coralinas, retrasa de xeito crítico a recuperación da súas poboacións, cun impacto negativo na pesquería. “Isto é exactamente o que ocorre cando se explota toda a superficie da rocha para obter semente para a industria acuícola de bateas de mexillón en Galicia. Se a eliminación da semente de mexillón se repite durante anos sucesivos, isto conducirá inevitablemente a un reinicio repetido do proceso de colonización e a unha redución crónica das poboacións de percebes”, detallan os e as autoras o estudo.

Uso de ferramentas máis selectivas e estreitas

A investigación tamén incide no feito de que para que a pesquería do percebe sexa sostible deberían deixarse adultos dispersos sobre as rochas para facilitar a recuperación da poboación, así como na utilización de ferramentas (rapas) máis selectivas e estreitas. “Nesta publicación establécese un ancho de ferramenta de menos de 3,5 cm para minimizar a captura de individuos por debaixo do tamaño comercial. Esta forma selectiva de recolección con rasquetas estreitas foi xa aplicada tradicionalmente con éxito por algunhas confrarías de Galicia”, explican os autores do traballo.

Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas demostran que as queimas prescritas axudan os solos a resistir os incendios

Un estudo da Universidade de Vigo avala o procedemento como unha estratexia de xestión forestal sostible

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

Inmaculada Rodríguez, directora de Unirisco: “Investir en ciencia é responsabilidade de todos”

A cuarta edición do evento organizado pola empresa de capital de risco celebrarase en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de febreiro