Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

A poboación galega é das que máis se emborrachou ata a intoxicación nos últimos doce meses. O Ministerio de Sanidade vén de publicar a Enquisa sobre Alcohol e outras Drogas en España (EDADES 2024) na que reflicte o consumo destas substancias na sociedade, onde Galicia supera a media nacional en intoxicacións etílicas agudas e no consumo de cánnabis.

O informe, que se realiza cada dous anos, amosa os datos da evolución das prevalencias no consumo de alcohol, tabaco, hiposedantes, opiáceos e drogas psicoactivas no comercio ilegal, tanto a nivel autonómico como de xeito xeral en España. Comeza indicando as idades medias dos inicios da toma, estando en 16,7 anos o de fumar en Galicia, que sube a 18,7 se se trata de xeito diaria. Así mesmo, o comezo da inxestión de bebidas alcohólicas na rapazada galega prodúcese de media nos 16,5 anos e o consumo de cánnabis aos 18,5.

Publicidade

Máis borracheiras nos últimos 12 meses

Con respecto á toma de bebidas alcohólicas en Galicia, o EDADES reflicte que a prevalencia entre a poboación de 15 a 64 anos é dun 76,9% nos últimos 12 meses, dato que cae ata o 61,7% se se trata dos últimos 30 días. Destes casos, son os homes os que máis realizan esta acción, sendo a prevalencia dun 83,6% e 69,9%, respectivamente.

Pola contra, chama a atención que as intoxicacións etílicas agudas (borracheiras) nos últimos 12 meses en Galicia estean por riba da media nacional. Un 19,6% da poboación galega admite este feito, fronte ao 14,7% dos españois.

Publicidade

Máis galegas fumando cánnabis

Malia isto, no que respecta ao consumo de tabaco, o territorio galego está lixeiramente por debaixo da media nacional. A prevalencia de Galicia nos últimos 12 meses é dun 35,3%, mentres que en España é dun 36,8%. De xeito diario, fano o 25,2%, só 6 décimas por debaixo da española.

En relación ao cánnabis, Galicia supera lixeiramente a media de consumo desta substancia, sendo a súa prevalencia dun 13%, catro décimas por riba do dato nacional. Sobre este dato, chama a atención a prevalencia comparativa por sexos. De media, o 11,7% das galegas admiten fumar cánnabis, fronte ao 9,2% de España.

Menos fumadores

Esta enquisa do Ministerio de Sanidade vén a destacar o descenso notable do consumo de tabaco ocasional na poboación española, que diminuíu en tres puntos porcentuais con respecto a 2022. Vese así como a toma desta substancia descende en España, dentro dun contexto europeo no que a Comisión vén de recomendar aos países da UE que prohiban fumar nos espazos ao aire libre, como as terrazas, as paradas de autobuses, exteriores de zonas de traballo ou hospitais, entre outras.

Pola contra, tanto o tabaco como o alcohol seguen a ser as máis consumidas en España, coa segunda mantendo unha prevalencia do 76,5% da poboación. Entre as razóns que dá a poboación sobre o porqué da inxestión desta substancia destacan “por diversión e anima as festas”, porque “gústalle como se sente despois de beber” e porque “cren que é saudable ou forma parte dunha alimentación equilibrada”.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro