Segundo o informe ESTUDES 2023 do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións, o cánnabis é a terceira droga máis consumida entre o estudantado de secundaria, só por detrás do alcol e o tabaco. O 26,9% do alumnado enquisado admite telo consumido nalgunha ocasión, mentres que o 21,8% consumiuno no último ano e o 15,6% nos últimos 30 días. Estas cifras supoñen a consolidación da tendencia negativa do consumo observada desde 2021, mais a preocupación polos efectos nocivos que esta substancia pode ter entre a rapazada aínda é unha realidade.
Baixo a premisa de que a baixa percepción do risco xunto coa accesibilidade poden ser as causas detrás da prevalencia do consumo de cánnabis, un grupo de investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC) levou a cabo unha metasíntese de estudos cualitativos. Isto é, unha compilación e resumo dos principais resultados obtidos nos estudos relacionados coa percepción do consumo de cánnabis en poboación adolescente. “Para desenvolver políticas sanitarias e educativas dirixidas á prevención do consumo de cánnabis na poboación adolescente é importante coñecer as razóns detrás deste consumo e o risco percibido. No contexto actual, onde se debate a súa legalización en España, é especialmente crítico que os profesionais sanitarios e os responsables políticos comprendan os factores que motivan e desalentan á poboación adolescente a usar esta substancia”, explican no estudo.
As principais dificultades para levar a cabo esta análise eran, segundo as palabras de Julia Rey, autora principal e investigadora na Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, precisamente “tratar de resumir os resultados reportados por cada estudo, xa que os cualitativos dan moita información. Outra das dificultades é tratar de clasificar os resultados en categorías comúns”.
A motivación detrás do consumo
Tal e como explica Rey, “polas enquisas, sábese que a percepción do risco do consumo de cánnabis entre os adolescentes é baixa”. Non obstante, non se coñecen os motivos. “Iso foi o que nos levou a realizar esta revisión. Tal e como apunta o informe World Drug Report, a legalización desta substancia diminúe a percepción do risco. De feito, nos Estados Unidos obsérvase que, nos estados onde está legalizado o consumo, a prevalencia é máis elevada que nos que non está legalizado. Se en España temos unha prevalencia do 27% en adolescentes e a percepción do risco é baixa, quizais a legalización do cánnabis podería provocar que aumentara máis o consumo e diminuíra aínda máis esta percepción”.
Tras seleccionar 22 estudos para analizar que cumpriran os criterios de inclusión e de calidade, as investigadoras puideron clasificar os resultados en tres categorías comúns, sendo a primeira delas as razóns que levaban ao consumo. Por unha banda, salientan as influencias externas, principalmente ligadas á presión social, especialmente por parte do grupo de pares e polo temor á marxinación; e ao consumo familiar tanto no caso de irmáns maiores como de pais, nalgunhas ocasións incluso aceptando un consumo esporádico por parte dos adolescentes. Neste sentido, para Rey “a actuación é complicada, xa que son aspectos difíciles de controlar e nos que as medidas preventivas ás veces non son quen de chegar“.
Ata aquí chega tamén a problemática das redes
Non obstante, outro dos factores identificador como un incentivo para o consumo foi a promoción en redes sociais e publicidade, ben por publicacións que mostren a xente nova ou artistas consumindo cánnabis ou ben a través de páxinas web que fan máis atractivo o seu consumo e xeran unha percepción do risco reducida. “É importante que se adopten políticas que restrinxan a promoción en redes sociais, xa que ás veces trátase o cánnabis como unha substancia medicinal, que é natural e menos daniña que outras.
O problema da aplicación destas políticas é que actualmente pode verse contido de calquera parte do mundo e aínda que un país, como pode ser España, lexisle fronte a este aspecto e restrinxa calquera tipo de publicidade, os adolescentes poderán seguir recibíndoa se provén de persoas residentes noutros países onde non haxa estas restricións”, apunta Rey. Precisamente, os achados realizados nesta investigación suxiren que “os adolescentes perciben o cánnabis como unha substancia segura e que son moi influenciables pola presión social dos seus pares e figuras afíns”.
Por último, a accesibilidade tamén resultou ser un incentivo, ligando o consumo de cánnabis á súa dispoñibilidade, ampla oferta e facilidade de obtención. Así, o estudo sinala que “algúns adolescentes referiron ter fácil acceso, incluso nos centros educativos“.
Riscos percibidos
Entre os motivos principais para desaprobar o consumo atopados nesta metasíntese estaban os efectos negativos sobre a saúde, tanto por experiencia propia como pola doutras persoas. Con todo, se ben algúns adolescentes sinalaban os coñecementos aprendidos nas aulas sobre os efectos secundarios físicos e psíquicos como un motivo para non consumir cánnabis, outros adolescentes referiron que non se lles proporcionaba esta información no ámbito escolar.
Nas conclusións desta metasíntese, as autoras sinalan que “estudos observacionais previos apuntan a que as persoas máis propensas a crer información de redes sociais, páxinas web, amigos ou familiares”, mais tamén que “nunha análise realizada nunha mostra de probabilidade de estudantes españois do informe ESTUDES atopouse que os adolescentes que denotaban estar mellor informados subestimaban máis os danos que supón para a súa saúde o consumo de substancias. Isto suxire que a información dispoñible podería non ser de suficiente calidade para comprender os efectos negativos do seu consumo”.
Menos dañino que o tabaco
Dentro destes riscos, os resultados amosaron que no que respecta á saúde, a percepción xeral é que o consumo esporádico non implica graves riscos para a saúde. “Esgrímese que non fomenta dependencia nin altera a realidade e que é fácil de abandonar. Os estudantes enquisados consideraron que é menos daniño para a saúde que as drogas en xeral e que o tabaco en particular, por consideralo máis natural e conter menos substancias químicas”, apuntan.
Non obstante, os estudos tamén sinalan unha asociación do consumo cun deterioro no rendemento académico e cunha afectación negativa das relacións familiares, así como coa aparición de problemas legais e as propias situacións perigosas ocasionadas polos efectos da droga. Ademais, a poboación adolescente sinalou unha maior dificultade para deixar o consumo de tabaco ou de cánnabis cando o consumo é dual. Os estudos analizados tamén mostraron que é habitual o consumo simultáneo de cánnabis e cigarros electrónicos para acadar maiores efectos psicoactivos.
Beneficios asociados
A pesar dos riscos que a poboación adolescente asociou ao consumo de cánnabis, na metasíntese tamén xurdiron algúns beneficios percibidos. No que respecta á saúde emocional, salientan a axuda contra o estrés e a relaxación, aínda que tamén foron habituais as referencias ao pracer, a sensación de felicidade e a desaparición das preocupacións e os medos. Por outra banda, dado que o consumo de cánnabis está asociado frecuentemente co ocio nocturno, os adolescentes enquisados tamén sinalaron que esta substancia era unha parte importante da socialización e da expresión da identidade, sendo un facilitador dos lazos de grupo.
Neste sentido, para Julia Rey, “a actuación neste ámbito tamén é complicada, xa que están baseándose nas súas propias percepcións. Creo que é moi importante fortalecer a parte da educación en base aos riscos e efectos que pode ter na saúde o consumo de cánnabis, posto que en varios dos estudos incluídos aparece como un desincentivador”.
Referencia: Percepción do consumo de cannabis en poboación adolescente: metasíntese de estudos cualitativos (Publicado en Gaceta Sanitaria)














