Nos últimos anos o fumar camúflase de formas e cores. En primeiro lugar naceron os cigarros electrónicos e nas cidades houbo un boom de tendas especializadas. Con todo, e trala mala fama que adquiriron pola súa posibilidade de explotar, os vapers pasaron a ser a opción para aqueles que queren inhalar “vapor de auga” e non cigarros convencionais, o substituto para deixar de fumar. Menores de idade e adolescentes fan uso destes aparatos disfrazados de sabores que, dende a evidencia científica, teñen moito perigo para a saúde polas substancias químicas dos líquidos, moitas delas canceríxenas. Alberto Ruano, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, sinala como a principal eiva o fácil acceso destes utensilios por parte dos nenos e nenas. “É un despropósito regalar vapers“, indica.
Ruano fai este comentario porque nas últimas semanas fíxose público un vídeo duns pais que regalaban varios aparatos deste tipo á súa filla. Aínda que os pais posteriormente matizaron ante as críticas que era unha broma, as imaxes reflectían unha realidade: o consumo destes instrumentos aumentan e especialmente na mocidade. “Está demostrado que os rapaces que comezan a vapear rematan por cambiarse aos cigarros estándar. Vemos, co inicio do vapeo, un enorme dano pulmonar“, explica Ruano. A iniciación do tabaco convencional ocorre entre os 13 e 15 anos, unha idade onde os pulmóns aínda están en desenvolvemento e son máis vulnerables ao efecto externo do vapeo. E, de feito, xa existe unha enfermidade derivada do consumo de vapers, a denominada evali.
A evali é un dano pulmonar potencialmente mortal causado polo vapeo e os seus efectos poden comezar días ou semanas despois de empregar un produto de vapear. Entre as substancias causantes atópase o acetato de vitamina E, que pode propiciar que os pulmóns deixen de funcionar correctamente. Algunhas subtancias poden mudar cando se converten en vapor e poden producir novas subtancias químicas que non se atopaban anteriormente no líquido. Os síntomas da evali son tos ou falta de alento, dor no peito ou no abdome, taquicardias, febre, escalofríos, náuseas, vómitos ou diarrea ou perda de peso.
“O uso de vapeadores en persoas novas é un fracaso de todos”
MANUEL ISORNA, doutor en psicoloxía pola UVigo
O doutor en psicoloxía pola Universidade de Universidade de Vigo (UVigo) Manuel Isorna considera que o uso de vapeadores en persoas tan novas é un “fracaso de todos”. Para el, todo forma parte dun círculo no que interveñen a alimentación e a saúde mental, onde o vapeo “é a árbore que non deixa ver o bosque” . Sinala que os influencers que soben vídeos ás redes sociais fumando por estes aparatos é un dos motivos que poden levar a idades tan temperás a fumar. “É moi importante o valor simbólico que lle damos a estes aparatos. O modelo preventivo que se está implementando non funciona. Hai que adquirir un novo paradigma onde os mozos teñan dereito a que lles achegue información de calidade.
Non é vapor, son substancias aditivas
Os cigarros electrónicos ou vapeadores veñen en múltiples formas e tamaños, os máis actuais non se parecen aos cigarros, senón a bolígrafos, memorias USB ou otros obxectos. Posúen unha batería, un elemento que produce calor e un pequeno recipiente para gardar o líquido. Producen un aerosol ao quentar o líquido que contén nicotina, saborizantes e substancias químicas. As persoas inhalan o aerosol, así como os fumadores pasivos. Co cal, aínda que o termo vaping semella que é vapor o que se consumo, non é certo. Non é auga e pode ser prexudicial para a saúde. Algúns poden ter outras substancias aditivas que causan enfermidades pulmonares, cardíacas e cancro.
A maioría dos vapers conteñen nicotina. Existe evidencia científica sobre que esta substancia causa danos ao desenvolvemento cerebral dos adolescentes. Tampouco é recomendable en embarazos. Segundo a Sociedade Americana de Cancro, a nicotina tamén pode causar nacementos prematuros e bebés con baixo peso. Conteñen tamén partículas ultrafinas que chegan ata a profundidade dos pulmóns, saborizantes como o diacetilo, compostos orgánicos volátiles (VOC), metais pensado como níquel, estano e chumbo, formaldehído —unha substancia causante de cancro que pode formarse se o líquido se sobrequenta—. Os VOC ademais, poden ocasionar danos nos ollos, nariz, gorxa, dores de cabeza e náuseas, amais de dano ao fígado, ril e ao sistema nervioso. Os vapers conteñen tamén diacetilo, que se relaciona cunha enfermidade pulmonar grave denominada bronquiolite obliterante. Os expertos coinciden en que fan falta más investigacións para coñecer os efectos a longo prazo dos cigarros electrónicos. Os estudos apuntan a que, cando os adolescentes fan uso destes aparatos, teñen máis posibilidades de ser fumadores de tabaco convencional na idade adulta.
Perspectiva de xénero
O psicólogo Manuel Isorna sinala que hai que prestar atención a este problema de saúde pública con perspectiva de xénero. Para o investigador, un gran éxito da industria do tabaquismo é vender ás mulleres que fumar adelgaza. Na súa opinión non hai que preguntarse só por que a mocidade comeza a fumar, senón, en algúns casos, para que: “Non fuman nicotina, fuman un símbolo. Hai que desmitificar que fumar adelgaza e ir en contra da industria“, postula. Neste senso, Alberto Ruano sinala a importancia dunha implicación colectiva que pasa polos pais e os nenos, por exemplo, dende a lexislación, como se está a facer noutros países. España é un dos territorios da Unión Europea (UE) onde máis barato é o tabaco. E sobre todo, insiste en que hai que difundir a realidade sobre o tabaco, vístase como se vista: a diferenza da esperanza de vida entre as persoas que fuman e as que non é de 11 anos.