Unha plataforma con selo galego predí o risco de invasión da avespa velutina

O maior proxecto posto en marcha en Europa de loita contra esta especie finaliza este mes de xuño despois de tres anos de traballo

Tras tres anos de traballo, con 10 institucións europeas implicadas, 20 organismos colaboradores e 2,3 millóns de euros de orzamento, o proxecto Atlantic-POSitiVE de loita contra a avespa velutina conclúe este mes de xuño. E faino, segundo a entidade coordinadora, a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais), de xeito exitoso, despois de conseguir, entre outros avances, crear unha plataforma de predición en liña para avaliar o risco de invasión e monitorizar os cambios na distribución desta especie invasora con ferramentas estatísticas e tecnolóxicas.

Esta alianza atlántica liderada polo CEER está formada polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro, Exeter e Cork, ademais da Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigación Agraria e Veterinaria de Portugal, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario e o Instituto Nacional da Investigación Agronómica de Francia. Traballando en rede durante estes tres anos centráronse en vixiar os movementos da avespa asiática e loitar contra a invasión biolóxica que avanza de forma incesante por Europa desde hai unha década. 

Publicidade

De feito, Atlantic-POSitiVE é, dende o seu lanzamento en 2019, o maior proxecto posto en marcha en Europa de loita contra esta especie, orixinaria do sudeste asiático, que dende que chegou á costa atlántica se converteu nunha ameaza para a biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores. A pesar de que a comunidade científica aínda non foi quen de frear a súa continua expansión, iniciativas internacionais coma esta tratan de estudar os seus procesos de expansión para poder desenvolver medidas de control e preservar as poboacións autóctonas de polinizadores.

Os froitos de tres anos de investigación

A pesar do innegable efecto que tivo a pandemia da covid-19 no desenvolvemento do proxecto, este mes conclúen os tres anos de duración da iniciativa, que se levou a cabo ao abeiro da segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Espazo Atlántico 2014-2020, financiado ao 75% con fondos FEDER. Neste tempo, o consorcio presentou en diferentes foros, congresos e xornadas resultados que demostran como a colaboración internacional no marco de proxectos europeos pode servir para loitar contra comunas problemáticas.

Publicidade

Por unha banda, os centros de investigación, administracións e produtores implicados realizaron un radio-seguimento da avespa velutina ata os seus niños e desenvolveron un software para rexistrar os seus movementos e unha páxina web colaborativa para xestións relacionadas coa especie. Ademais, crearon unha plataforma de predición en liña para avaliar o risco de invasión e monitorar os cambios na distribución da especie con ferramentas estatísticas e tecnolóxicas.

Tamén se puxo en marcha un protocolo para a captura, o rastrexo e a vixilancia radioeléctrica do insecto e establecéronse métodos para localizar os niños. A maiores, realizouse unha análise molecular de parasitos que poden afectar a especie invasora. Neste tempo, tamén se celebrou un congreso científico internacional que tivo lugar no campus de Vigo en novembro de 2021 e unha campaña educativa, así como múltiples iniciativas relacionadas coa prevención e a sensibilización en Irlanda e Reino Unido. 

Dous grupos da UVigo implicados

No proxecto Atlantic-POSitiVE foron dous os grupos da UVigo implicados. Por unha banda, o Grupo de Bioloxía Ambiental, que se encargou de avaliar o impacto da avespa velutina sobre a polinización, mellorar os métodos de control e a detección de niños empregando sistemas de radiotelemetría e trampas con cebos específicos. Por outra banda, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura centrouse no estudo da dieta do avespón, o estudo do ciclo anual e a súa relación coas condicións meteorolóxicas e ambientais e as técnicas para o manexo das colmeas en zonas invadidas para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas da mel e a apicultura. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia