O 6º informe do Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles, impulsado pola Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, constata que a violencia machista dixital ten cada vez máis presenza nos medios de comunicación, e alerta de que as novas seguen centradas no relato do casos e non en sinalar as causas nin as solucións. O ciberacoso é a forma de violencia máis presente pero a IA acelera novas formas de agresión. Estas son tres das principais conclusións do estudo presentado no edificio Redeiras de Vigo.
O informe identificou máis de 1.500 publicacións relacionadas co fenómeno das violencias machistas facilitadas pola tecnoloxía (VMFT) na prensa galega e nacional, o dobre ca no informe anterior. Máis aló do incremento da mostra, os investigadores detectaron unha maior presenza pública deste fenómeno que, segundo destacan, “non é un problema tecnolóxico, porque a tecnoloxía non crea violencia, senón que é un problema de desigualdade de xénero estrutural que se traslada á contorna dixital”. Ademais, as VMFT, como remarcaba a técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández Cendón, teñen a capacidade de “estender as dinámicas de control, vixilancia e intimidación máis aló dos límites físicos, a través de aplicacións de mensaxería, domótica, conectividade ou xeolocalización”. Isto dilúe a fronteira entre o público e o privado e dificulta a existencia de espazos seguros para as mulleres.
11 cabeceiras e 1.543 publicacións
A nova edición do informe Stop Machitroles amplía a mostra de medios analizados, pasando de oito a 11 cabeceiras e incorporando unha maior presenza de diarios estatais. A investigación identificou un total de 1.543 publicacións relacionadas co fenómeno das violencias machistas facilitadas pola tecnoloxía. Delas, 889 centrábanse na descrición de violencias concretas e 654 abordaban accións orientadas á prevención, sensibilización, regulación ou resposta institucional. Estes datos, segundo destaca Mar Fernández, “evidencian que a cobertura mediática continúa priorizando a narración dos feitos violentos fronte á difusión de iniciativas para a súa prevención e erradicación”.
O ciberacoso, a forma de violencia dixital máis presente
Sobre as formas de violencia con maior presenza, o ciberacoso segue no centro, con 398 referencias, seguido da difusión non consentida de imaxes íntimas con 293, e a manipulación de contidos mediante intelixencia artificial con 191. As redes sociais, os dispositivos dixitais e as aplicacións de mensaxaría aparecen como as principais contornas tecnolóxicas empregada para desenvolver estas violencias no ámbito dixital.
A análise confirma tamén que as mulleres continúan sendo as principais vítimas representadas na cobertura mediática, tanto no caso das mulleres adultas e menores como das mulleres con presenza pública. Ao mesmo tempo, obsérvase unha menor visibilización de quen perpetra estas violencias, o que contribúe a desprazar o foco informativo cara ás vítimas e non cara aos mecanismos e actores que producen a agresión.
Falta de perspectiva de xénero
Outro dos principais achados do informe é que só o 22,1% das publicacións incorpora algún elemento asociado á perspectiva de xénero, xa sexa mediante a contextualización das desigualdades estruturais, a identificación explícita do machismo como causa da violencia ou a difusión de recursos de apoio ás vítimas. Aínda que existen diferenzas entre medios, estes elementos continúan sendo minoritarios no conxunto da cobertura analizada.
De maneira especial, a investigación identifica unha crecente presenza informativa das hipertrucaxes sexualizadas e doutras formas de violencia asociadas á intelixencia artificial. Porén, en boa parte da cobertura continúa prevalecendo un enfoque centrado na protección da infancia e da adolescencia que tende a invisibilizar o carácter estrutural e profundamente xeralizado deste fenómeno, que afecta ás mulleres de todas as idades.
Os medios como parte da solución
O informe tamén recolle unha serie de recomendacións para fortalecer nos medios de comunicación un tratamento informativo capaz de identificar as causas estruturais destas violencias, visibilizar as responsabilidades das plataformas tecnolóxicas, das institucións e dos agresores, e incorporar unha perspectiva feminista.
Entre as propostas que detallou a técnica de Igualdade da UVigo destacan: evitar presentar os casos como feitos illados; contextualizar as noticias no marco das desigualdades de xénero; incorporar recursos de apoio ou información útil para as vítimas ou dar voz a especialistas na materia, porque “informar mellor tamén é unha forma de prevención”. E é que, como indicaba Fernández, cómpre poñer o foco en previr e educar desde idades temperás e regular para poder esixir maior responsabilidade ás plataformas tecnolóxicas.
Podes consultar o informe Stop Machitroles na seguinte ligazón.













