O cangrexo americano (Procambarus clarkii) é unha das especies exóticas invasoras “máis perigosas” que se detectaron en Galicia. Así o expuxo esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tras informar da retirada de máis de 1.000 exemplares no encoro de Cecebre, situado na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Dende o 2022, estase a levar a cabo traballos para controlar o imapacto que provoca esta especie sobre a biodiversidade autóctona.
Un dos obxectivos principais destas actuacións de control é coñecer mellor a bioloxía do cangrexo americano, a súa distribución no encoro e determinar as áreas nas que realizar os descartes que están programados para os meses de xullos e agosto. Entre as actuacións que se están realizando cómpre salientar a retirada de exemplares a través da instalación de nasas, que se colocan a última hora da tarde con cebo e son recollidas á mañá seguinte tras unhas 17 horas na auga. Estas nasas instálanse logo de realizar unha mostraxe para detectar as áreas con maior densidade de cangrexos americanos.
O obxectivo é comprobar se con esta actuación se poden diminuír localmente as densidades da especie invasora e se esta redución ten un efecto apreciable na mellora das condicións das zonas onde se realizaron tales como a recuperación das poboacións de macroinvertebrados acuáticos (libeliñas) e de anfibios, a rexeneración da flora nas beiras do humidal e a atenuación dos efectos erosivos nas ribeiras.
A maiores, estase a traballar no deseño dunha estratexia de control para os vindeiros anos. De feito, xeorreferenciáronse aquelas zonas máis proclives a albergar poboacións de anfibios para realizar unha mellor selección das futuras zonas de traballo. E, ademais, está previsto analizar máis en profundidade o impacto da construción de galerías nas marxes do encoro xa que se teñen detectado zonas especialmente inestables pola súa presencia.