Descuberta unha nova planta invasora no encoro coruñés de Cecebre

A planta acuática Crassula helmsii, orixinaria de Australia e Nova Zelandia, adóitase utilizar para decorar e osixenar estanques e acuarios

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) vén de descubrir unha nova especie exótica invasora no encoro de Cecebre, na Coruña. Trátase da planta acuática Crassula helmsii, orixinaria de Australia e Nova Zelandia, que se adoita utilizar para decorar e osixenar estanques e acuarios. O achado, que acaba de publicarse na revista Biological Invasion, supón o primeiro rexistro confirmado desta especie na península ibérica. Os científicos galegos piden maior vixilancia ante a entrada de novas invasoras, dado que Crassula helmssi pode causar danos en lagos e encoros, así como afectar á calidade das augas e á flora e fauna nativas.

Os investigadores da UDC Jaime Fagúndez, María José Servía, Anxo Balado, Eva Martínez Veiga e Miguel A. Fernández estudaron a contorna do encoro de Cecebre, que subministra auga a unha boa parte da cidade da Coruña, e fixeron 12 mostraxes ao longo das marxes da presa. En 10 delas atopouse a planta na súa forma emerxida e cun valor medio de cobertura. Outro dos aspectos sinalados no artigo, máis alá de que se dispersa pola fragmentación dos talos, é a posible sinerxia con outra invasora: o cangrexo de río americano (Procambarus clarkii). “Podería existir un beneficio mutuo para as dúas especies que agrave o problema no encoro”, sinalan os autores.

Erradicación “practicamente imposible”

Segundo a información recollida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Crassula helmsii é unha especie “extremadamente competitiva” que “reduce significativamente a xerminación das plantas nativas”. Máis en detalle, explícase que pode diminuír as poboacións de invertebrados, ras, tritóns e peixes, ao tempo que obstrúe vías fluviais e drenaxes. Precisamente polos danos que causa, os científicos da UDC piden unha maior vixilancia non só desta especie, senón das invasoras en xeral, dado que a mellor maneira de evitar os seus prexuízos é actuar nas primeiras etapas.

“Unha vez establecida, a súa erradicación é practicamente imposible, salvo que sexa factible desecar o sombrear o estanque”, apunta o documento do ministerio. Sinala varias medidas para evitar a súa propagación como a colocación de redes río abaixo ou nos puntos de entrada para impedir a circulación dos talos desprendidos. Tamén, a realización dun seguimento cada tres ou seis meses durante os cinco anos seguintes á eliminación de Crassula helmsii. Dende o Miteco acosellan, ademais, que as zonas próximas estean controladas e vixiadas para evitar novos gromos. Con todo, o método de control vai depender da superficie afectada e das especies nativas que queden.


Referencia: First record of the semi-aquatic invasive plant Crassula helmsii in the Iberian Peninsula and its link to potential dispersal drivers (Publicado en Biological Invasions)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de máis de oito metros

Meteogalicia acende o máximo aviso para o mércores, o laranxa para o resto do litoral e o amarelo en terra por abundantes precipitacións

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de ata 9 metros

O aviso por perigo extraordinario da AEMET estará vixente durante mércores e xoves, con forte mar de fondo e ventos intensos

O consumo de anguía en Nadal reabre o debate: “Hai que parar. Non se pode seguir pescando”

O investigador do IEO da Coruña David J. Nachón advirte da delicada situación das crías no río Miño, o único enclave de Galicia onde se poden capturar

A centenaria árbore das bruxas da Coruña, candidata a Árbore do Ano 2026

O exemplar, situado xunto á Policía Local, ten máis de 200 anos e 20 metros de altura, o que o converte nun dos máis grandes de Galicia