GCiencia vén de convocar a oitava edición dos Premios Galicia Spin-off, que recoñecen as iniciativas máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As empresas e grupos de investigación interesados en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 31 de xullo. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta, Unirisco e Gadis colaboran cuns premios creados en 2015 e que ao longo da súa traxectoria distinguiron a empresas e grupos investigadores máis destacados no panorama da innovación galega.
Como vén ocorrendo nos últimos anos, nesta nova edición os premios recoñecerán a labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación galegos nas tres categorías dos galardóns: Selo de Calidade, Idea Emerxente e Grupo de Investigación. Entre os obxectivos do certame figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade pública e a empresa e alentar o emprendemento dos grupos de investigación.
No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías como Galchimia, Innolact, Mestrelab ou Hifas da Terra, que foi a gañadora en 2022.
Os proxectos que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea de marcado carácter innovador serán recoñecidos no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora neste apartado foi a empresa Indestia, spin-off da Universidade da Coruña (UDC), e noutros anos recibiron o galardón compañías como Situm, All Genetics, Psico VR e Saega, que se levou o galardón en 2023.
Entre os factores que se terán en conta para a concesión dos premios en ámbalas dúas categorías atópanse a experiencia de mercado, vinculación ao ámbito universitario, volume de negocio, internacionalización, política de comunicación e mercadotecnia, relevancia do sector, empregabilidade, Responsabilidade Social Corporativa, contribución á creación dunha nova economía, relación coa investigación universitaria, perspectivas de crecemento e todos os aspectos que permitan acreditar a valía das spin-off gañadoras.
Os premios Galicia Spin-off tamén recoñecen o traballo dos grupos de investigación dependentes dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste galardón, o xurado terá en conta aspectos como as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo LIA (2), vinculado á UDC.
Presentación de candidaturas
As empresas e grupos de investigación interesados en participar nas categorías Idea Emerxente e Grupo de Investigación poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com, en tanto que as candidatas en Selo de Calidade serán a proposta do xurado.
Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número como en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.
O xurado
O xurado estará integrado por personalidades vinculadas á investigación de recoñecido de prestixio. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 31 de outubro e o acto de entrega de premios celebrarase antes do final do ano.
A evolución das distintas fases do Premio irase detallando na sección Talento de GCiencia, que recolle todas as novas que xurdan en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas.
Consulta as bases dos premios na seguinte ligazón.














