A aposta pola innovación tamén pode ser válida nos sectores que xa parecen maduros, pero nos que sempre é posible procurar novos camiños para atopar solucións ás necesidades existentes. É o caso de Saega (Solucións Aeronáuticas de Galicia), unha empresa de Serra de Outes que aposta por desenvolver un modelo de dron de características especiais que se adapte especialmente ás singularidades de Galicia. Saega foi a gañadora da VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal na categoría Idea Emerxente.
Segundo explica Óscar Piñeiro, CEO e socio fundador de Saega xunto a Pedro Outón, o proxecto empresarial comezou a desenvolverse no ano 2016 cando os primeiros drons estaban a aparecer no mercado. Os socios de Saega contaban xa cunha importante experiencia no deseño de estruturas aeronáuticas que aproveitaron para desenvolver algúns prototipos ata chegar ao modelo Anduriña 25, o dron que agora están a punto de comenzar a comercializar.
“O Anduriña 25 conta cos últimos avances tecnolóxicos no que se refire á fabricación en material composto, eficiencia aerodinámica e optimización da estrutura. Pero, sen dúbida, o aspecto diferenciador é o apartado da seguridade. É o único da súa categoría con redundancia en todos os seus sistemas críticos (incluídos os propulsores). Todas estas características diferenciadoras recóllense na nosa patente aprobada no 2020”, sinala Piñeiro.
Entre as calidades do Anduriña 25 atópanse o seu concepto estrutural e aerodinámico innovador, a seguridade, o baixo custo de mantemento e o deseño modular e ampliable que permite contar con compartimentos de carga independentes. O obxectivo de Saega é terminar as probas de voo no primeiro trimestre de 2024 para poder saír ao mercado no terceiro trimestre.
Piñeiro destaca que o sector dos drons está a experimentar un importante desenvolvemento en Galicia coa entrada en funcionamento do Polo Aeronáutico de Rozas, que permite crear un ecosistema ideal para aproveitar as oportunidades neste sector. “Se conseguen atraer innumerables actores como grandes empresas, centros de investigación universidades, pemes, etc”, indica Piñeiro.
Aplicacións en Galicia
Para o CEO de Saega os drons teñen un potencial de desenvolvemento moi importante en Galicia, xa que conta con 1.500 quilómetros de costa (eólica mariña, vixilancia, salvamento) e a súa orografía montañosa tamén fai moi necesario o emprego deste tipo de dispositivos para tarefas como a extinción forestal e a loxística.
O papel da investigación foi moi destacado na evolución de Saega xa que colaboraron coa universidade nas fases iniciais para desenvolver a aviónica do Anduriña 25 e puido establecerse unha base sólida para seguir traballando no deseño da aeronave. “Onde haxa innovación a investigación debe de estar presente e a nosa experiencia con este proxecto mostra iso tamén”, conclúe Piñeiro.
Cara ao futuro, Saega agarda poder ir aumentado o seu catálogo de drons para poder abarcar diferentes áreas do mercado pero, polo momento, os esforzos céntranse na comercialización do Anduriña 25. “Gustaríanos converternos nunha empresa referente no mundo dos vehículos aéreos non tripulados para poder mellorar a calidade de vida das persoas e procurar constantemente solucións innovadoras”, indica o CEO de Saega.














