Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións. A Xunta de Galicia iniciou a construción dunha plataforma tecnolóxica que permitirá integrar distintas utilidades en ferramentas e aplicacións ao servizo dos sectores agrario e forestal. Os agricultores, gandeiros e silvicultores atoparán así unha gran axuda para poder cumprir as súas obrigas coa administración e tamén terán diversas ferramentas para facilitarlles o control e seguimento das súas explotacións.
Como sucede en todos os ámbitos, a transformación dixital está a cambiar dunha forma radical o sector primario, que hoxe pode dispoñer de información en tempo real, aplicacións de xeolocalización, ferramentas de xestión da produción ou de tramitación administrativa. Todo desde un computador ou un dispositivo móbil.
O Consello da Xunta autorizou o pasado mes de setembro a contratación da Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia que supón a continuación das iniciativas Proxecto Primare e Agro 4.0, que desde 2016 sentaron as bases para a transformación dixital destes sectores. Trátase dunha iniciativa na que traballan conxuntamente a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A contratación ten un valor estimado de 8,4 millóns de euros, que son cofinanciados polo programa FEDER Galicia 2023-2027.
Entre as funcionalidades desta nova plataforma destaca unha solución que integra a xestión de explotacións agrarias (XEAGA) e unha evolución do Observatorio de Parcelas (OPA); así como datos procedentes de Sistemas de Información Cartográficos (SIC); fotos satelitais; sistemas de xestión (como a oficina virtual agraria, a sede electrónica da Xunta, xestión de biomasa, instrumentos de mobilidade de terras…); ou sistemas internos de xestión, como rexistro de exportacións, xestión de movementos gandeiros, rexistros forestais, xestión de axudas…
A plataforma deseñarase tamén para recibir información externa, como a dos sistemas nacionais de información de explotacións agrarias, aplicacións móbiles ou sistemas de xestión de terceiros (empresas).
O sistema expón, ademais, o intercambio de información coa Plataforma Territorio Intelixente de Galicia e o proxecto iCousas (da internet das Cousas – IoT), que está en fase de implantación e que permitirá a instalación en toda Galicia de ata 300.000 sensores que proporcionarán información a tempo real de todo tipo.
Estes datos poderán ser procesados con tecnoloxías innovadoras, como a aprendizaxe automática, a automatización ou a IoT. Por exemplo, a aprendizaxe automática xa está a ser utilizada nestes momentos para que, a partir de fotos satelitais, o sistema “aprenda” a identificar cultivos de viñedos (é dicir, que “saiba” se o que hai plantado son viñas e non kiwis, por exemplo). Desta maneira, os técnicos encargados de manter actualizado o rexistro de viñedos dispoñen dunha ferramenta que lles pode axudar no seu traballo e evitar moitos desprazamentos.
Seguimento dende o móbil
Grazas a esta forma de obter e procesar os datos, os profesionais dos sectores agrario e forestal poden, desde unha aplicación de escritorio, e en moitos casos tamén desde o teléfono móbil, acceder a todo tipo de utilidades. Permite, por exemplo, manter un rexistro da súa actividade que inclúe a planificación de accións como a semente ou os diferentes tratamentos para os cultivos. Poden tamén xestionar os diferentes elementos das explotacións, como a maquinaria, instalacións, puntos de auga, operarios…
Será posible, así mesmo, manter actualizados os cadernos de explotación electrónicos, en relación coas obrigacións derivadas da Política Agraria Común. Facilitará a xestión de axudas e os trámites administrativos en xeral. E incluirá o acceso a visores e á declaración gráfica de cultivo para realizar seguimentos, anotacións, medicións.
Un exemplo de aplicación práctica é o sistema automatizado de alertas epidemiolóxicas temperás. En canto se detecta unha praga, xérase un aviso á administración. E a partir deste aviso, emítense alertas a todos os produtores que poidan atoparse nunha situación de risco en función da súa localización, tipo de praga, etc.
Plataforma ampliable
Una das principais vantaxes da Plataforma será que se pode ampliar. É dicir, está preparada para acoller novas funcionalidades no futuro. Entre elas, xa están previstas algunhas como a adaptación para ámbitos funcionais específicos (vitícola, gandeiro, forestal…), o desenvolvemento dunha API pública (ao servizo de desenvolvedores), a integración con novos sistemas de rexistro ou tramitacións sectoriais, ou a evolución do módulo do sistema de información xeográfica e visor asociado.
Está aberta tamén a técnicas de simulación (como a que se pode facer en xemelgos dixitais) e á previsible evolución doutras tecnoloxías innovadoras. Para facilitar o uso das ferramentas, a Xunta está a realizar presentacións ou seminarios, e tamén accións formativas presenciais. As persoas usuarias tamén dispoñerán de manuais e información de uso na web.