O Plan de Reformas e Ampliación da Rede CeMIT, desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), permitiu no que vai de ano formar a preto de 900 persoas en actividades como Impresión 3D, Robótica, Programación ou Pilotaxe de Drons. A rede conta hoxe en día con máis de 113.500 usuarios rexistrados e máis de medio millón de horas de formación planificadas e continúa o seu labor adaptándose ás novas demandas formativas, especialmente as derivadas da irrupción das tecnoloxías disruptivas.
Hai máis dunha década a Xunta asumiu o compromiso de situar as persoas no centro da dixitalización. A Rede de Aulas CeMIT converteuse nun elemento fundamental deste proceso, ofrecendo unha capacitación dixital pública e gratuíta a todos os cidadáns, con especial atención aos colectivos máis vulnerables e nas zonas rurais para eliminar a fenda dixital. A primeira actuación do Plan de Reformas da Rede CeMIT foi a dotación de material tecnolóxico innovador para poder desenvolver novos itinerarios formativos.
Entre febreiro e abril deste ano, a Axencia autonómica distribuíu máis de 1.300 novos dispositivos entre impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación nas máis de 80 aulas adheridas a este Plan. Ademais, púxose en marcha un plan de formación para que os axentes TIC que xestionan as aulas puidesen impartir novos itinerarios formativos con estes dispositivos.
Entre abril e novembro máis de 890 persoas participaron nas máis de 225 actividades formativas centradas no manexo e aproveitamento deste material, incluíndo a experimentación cos kits de robótica ou placas de programación, novas actividades interactivas a través das lentes de realidade virtual, a pilotaxe de drons ou a fabricación de aparellos con impresoras 3D.
Esta última modalidade de formación posibilitou que alumnos da aula CeMIT de Ortigueira elaborasen material adaptado para persoas con discapacidade que doaron á Asociación Prol Minusválidos do Ortegal (ASPROMOR), que traballa con persoas con discapacidade intelectual. As persoas participantes nesta formación crearon, mediante impresión 3D, diferentes obxectos para facilitar tarefas cotiás como agarrar unha culler, atar os cordóns dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico.
A formación con este material está dirixida a todas as idades, tanto aos máis novos para promover posibles vocacións STEAM, como a persoas con coñecementos básicos ou a aquelas que se achegan ao seu uso por primeira vez. Unha diversidade que se reflicte no perfil dos beneficiarios desta formación. Máis de 300 eran menores de 16 anos, preto de 70 estaban na franxa de idade dos 16 aos 34 anos, ao redor de 120 tiñan entre 35 e 54 anos e uns 130 eran maiores de 55 anos.
Novos fitos do plan
O Plan de Reforma e Ampliación da Rede continuará este ano con novas medidas como a substitución dos equipos actuais de sobremesa por máis de 1.300 equipos All-in-One, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.
A distribución deste novo material completarase entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2024, grazas a un marco de Subministración de Equipamento Tecnolóxico para a Inclusión e Capacitación Dixital por un importe de máis de 3,6 millóns de euros.
Con esta liña de traballo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia busca ampliar e mellorar a oferta formativa da Rede CeMIT, que na última década contribuíu a mellorar os índices de dixitalización da sociedade galega. Os últimos datos INE sinalan que o uso da internet en Galicia pasou de 52,5% en 2010 a preto do 92% en 2022. Ademais, este indicador crece nas franxas de idade, nas que a fenda dixital era máis acusada. Hoxe máis do 70% das persoas de entre 65 e 74 anos empregan internet, mentres que en 2010 só o facían pouco máis do 6% dos galegos nesta franxa de idade.
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, CeMIT, é unha iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que conta coa colaboración de 90 concellos. Está integrada por 94 aulas públicas que ofrecen capacitación dixital a toda a sociedade, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital.