Domingo 8 Decembro 2024

Exposicións, obradoiros, rutas e premios: as outras actividades divulgativas de Gciencia

O portal da ciencia galega emprendeu ao largo da súa traxectoria numerosas actividades para sacar a divulgación á rúa

O lema de Gciencia, que este día 25 fai 10 anos, di Xornalismo + Divulgación. Porque o xornalismo pode xogar un papel fundamental na transferencia do coñecemento á sociedade, pero nin moito menos exclusivo. De feito, os medios de comunicación sumáronse ao empeño de compartir os adiantos da investigación moito máis tarde que os propios científicos. Esa é a razón pola que, desde practicamente o primeiro día, Gciencia esforzouse por sacar a divulgación á rúa, para completar así o seu obxectivo fundacional de dar a coñecer a ciencia que se fai en Galicia.

Unha das primeiras formas de tentalo foi coa creación do Premio Contar a Ciencia, en 2014. Durante seis anos, a convocatoria tratou de estimular os estudantes de comunicación das tres universidades galegas a especialización en xornalismo científico, mediante un galardón que recoñecía os mellores traballos de difusión da actividade investigadora en Galicia. Decenas de universitarios presentaron os seus traballos nas distintas edicións, que contaron con padriños da relevancia de Ángel Carracedo.

Publicidade

Premios Galicia Spin-off

Outro dos premios convocados por Gciencia é o Galicia Spin-off, creado en 2016 e desde 2020 patrocinado pola Asociación PuntoGal, co apoio da Secretaría Xeral de Universidades e o grupo Gadis. Neste caso, trátase de premiar —e incentivar— a transferencia de coñecemento das universidades ao ámbito empresarial, en forma de spin-offs. Faino en dúas categorías: selo de calidade, para as consolidadas, e idea emerxente, para os proxectos innovadores. Más recentemente sumouse unha terceira categoría para recoñecer o traballo realizado por grupos de investigación.

Desde a súa creación, máis dun centenar de empresas optaron a estes galardóns, cuxa entrega —rotatoria entre Santiago, Vigo e A Coruña— adoita reunir a autoridades como o conselleiro de educación, alcaldes e reitores e a distintas personalidades do mundo da empresa e da investigación. O pasado 10 de novembro celebrouse a entrega da súa sétima edición na Cidade da Cultura de Santiago.

Publicidade

Conferencias e mesas redondas

Ademais dos dous premios, Gciencia vén apostando por proxectos divulgativos non xornalísticos como talleres, exposicións, roteiros científicos ou xornadas de divulgación. Cabe destacar actuacións como as cinco edicións de celebración do 11F, Día da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración co Concello de Pontevedra, un proxecto ambicioso que encheu a cidade de conferencias e mesas redondas para estudantes e para o público xeral, co obxectivo fomentar as vocacións científicas entre as máis novas. 

Dentro do programa do 11F, Gciencia organizou e desenvolveu en distintas edicións roteiros científicos por Pontevedra, seguidas por centos de pontevedreses e foráneos que gozaron dun paseo pola cidade con paradas nos lugares máis destacados da historia da mesma desde unha perspectiva da ciencia desenvolvida por mulleres. Tamén se celebraron concursos de relatos de divulgación científica para estudantes de Secundaria.

A Semana das Ciencias e as Illas Cíes

O portal da ciencia galega organizou así mesmo actos con motivo da Semana da Ciencia, como o celebrado durante dúas edicións en Vigo para dar a coñecer os valores das illas Cíes desde unha perspectiva científica. Un dos eventos de maior éxito foi a organización de obradoiros de investigación para estudantes de Primaria en carpas levantadas na Porta do Sol. Os actos da Semana da Ciencia incluíron tamén conferencias e outras actividades.

Ademais das numerosas charlas e mesas redondas organizadas por Gciencia desde a súa fundación, a pandemia impuxo un novo modelo de encontros en streaming, como os organizados para a Deputación de Pontevedra con motivo do 8M, Día da Muller, que suscitaron un enorme interese en tempos nos que a presencialidade se vía dificultada pola covid. Tamén destacan as actividades de charlas e entrevistas en liña ConCiencia Sostible, realizadas para Afundación, vinculadas na súa maioría aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), o chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas en todo o mundo impulsado pola Asemblea da ONU.

Exposición en Fonseca

Destaca tamén a exposición comisariada por Gciencia “Química para un mundo mellor”, unha iniciativa pola Real Academia Galega de Ciencias que abriu ao público en outubro de 2020 no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela. A través dunha vintena de paneis, a mostra poñía en valor as melloras na vida das persoas relacionadas cos avances  na química. Canto se reduciu a mortalidade infantil con vacinas e antibióticos, a relación entre os fertilizantes de nitróxeno e a alimentación da poboación mundial ou a relación entre especies mariñas e fármacos antitumorais son algunhas das preguntas que trataba de responder a exposición, inaugurada polo entón conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Para a Real Academia Galega de Ciencias, Gciencia tamén edita desde 2017 a súa revista-anuario, unha publicación con 42 anos de historia. Nos seus sete números a cargo de Ciencia Galega Industrias Creativas, a empresa editora de Gciencia, a revista ampliou os seus contidos para, ademais dun monográfico dedicado ao científico galego do ano —en 2023, Manuel Colmeiro—, incluír as principais noticias do ano no mundo da ciencia, especialmente as relacionadas coa propia Academia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

A UVigo bota man de tres ‘Galinfluencers’ para celebrar o Día da Ciencia en galego

Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez compartirán co público as súas experiencias

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig