A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) lanza este mércores a revista A Ciencia en Galicia, que produce GCiencia. A publicación, que se presentará ao abeiro dos actos programados en Santiago co gallo do Día da Ciencia, terá como principal protagonista ao economista Manuel Colmeiro y Penido, o primeiro científico social homenaxeado pola RAGC e designado en 2023 como Científico Galego do Ano. Para conmemorar a súa figura, a revista inclúe un artigo biográfico e unha entrevista a Juan Quintás, tamén economista e membro da RAGC, que estudou en detalle a obra de Colmeiro. Amais disto, inclúese un anuario coas novas científicas máis salientables do ano e un compendio das actividades da academia.
A Ciencia en Galicia é, en realidade, a histórica revista da Academia de Ciencias que xa vai polo número 42. En 2017 decidiuse renovar esta publicación baixo a produción de GCiencia, co obxectivo de dar resposta ás novas necesidades da comunicación. De feito, a revista estará dispoñible a través dunha versión dixital en PDF, ademais dunha edición limitada en papel. A Ciencia en Galicia de 2023, a sétima dende a súa renovación, abre cunha serie de reportaxes sobre Manuel Colmeiro y Penido. Despois continúa cunha serie de contidos que ocupan as súas 68 páxinas.
Amais dos artigos especiais dedicados a Colmeiro, o anuario e o compendio de actividades da academia, a revista conta con outros contidos destacados. Por exemplo, unha entrevista ao investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) Rafael González Quirós na que analiza o estado dos nosos mares. A revista inclúe outra entrevista ao matemático Manuel de León, o primeiro español no comité executivo da Unión Matemática Internacional. E A Ciencia en Galicia conta, así mesmo, cun artigos escritos polos investigadores participantes no ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos para espertar o interese da ciencia entre a poboación xeral.
Máis alá da variedade de contidos da revista número 42 da Academia de Ciencias, o indiscutible protagonista é Manuel Colmeiro. “Esencia a importancia do coñecemento, abordado dende disciplinas diversas, no seu caso a historia, o dereito e a economía, para darlle pulo ao progreso da sociedae e mirar cara ao futuro enfrontando novos retos”, segundo se recolle nas primeiras páxinas da revista. Amais da publicación na súa homenaxe, este mércores celebrarase un acto en Santiago para conmemorar a súa inestimable figura na ciencia galega.














