Galicia homenaxea o economista Manuel Colmeiro

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia cun acto en Santiago que porá en valor a figura do salientable científico social

O economista Manuel Colmeiro y Penido foi nomeado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como Científico Galego do Ano. Este mércores, co gallo do Día da Ciencia en Galicia, homenaxearase a súa figura nun acto que se celebrará no Salón Nobre de Fonsexa, en Santiago.

Manuel Colmeiro (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Na Real Sociedade Económica de Santiago formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia. Foi o primeiro economista que avogou pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico.

Publicidade

Anhelaba un modelo de sociedade con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era hacer el bienestar tan general como fuere posible. Así, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”. Foi deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas desde 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo. 

Conferencia do académico Juan Ramón Quintás

O acto, que comezará ás 12.00 horas, contará coas intervencións do presidente da RAGC, Juan Lema; e do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Ademais, asistirán a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez; así como outras académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

Publicidade

Durante o evento impartirá unha conferencia en torno á figura do homenaxeado Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC. Titulará o seu relatorio Manuel Colmeiro, un economista gallego en el Madrid decimonónico. No transcurso do acto proxectarase un vídeo sobre a traxectoria e os logros de Colmeiro.

Entrega das Medallas de Investigación de Galicia

Durante o evento farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano son David Posada, medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; Jesús F. Salgado, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais; Fernando Obelleiro, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas; Ricardo Cao, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e Aurora Grandal, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.

Finalmente, durante o evento que se celebrará este mércores para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia tamén se fará a presentación da revista A Ciencia en Galicia da RAGC e que produce GCiencia. A publicación inclúe varias pezas de homenaxe a colmeiro pero tamén entrevistas e artigos sobre os fitos da ciencia galega no último ano. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo