A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde o acto de entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023, que se celebrou no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. O primeiro premio desta edición recaeu no grupo da investigadora Soledad Muniategui, da Universidade da Coruña (UDC), por un método para a identificación de microplásticos. As mencións honoríficas foron para o equipo de María Jesús González, da Universidade de Santiago (USC), por un traballo que afonda no control do metabolismo da glicosa; e para o grupo de Marcos Ortega, tamén da UDC, polo uso de intelixencia artificial para a mellora de imaxes médicas.

Os Premios Ernesto Viéitez Cortizo están destinados a promover e recoñecer a investigación nos diferentes eidos científicos. Nesta 33ª edición o primeiro premio recaeu no Grupo de Química Analítica Aplicada da UDC, que lidera Soledad Muniategui. Segundo valorou a Academia, o equipo logrou avances significativos na identificación e caracterización científico-técnica de microplásticos, “un proceso complexo pero fundamental para poder abordar e mitigar o grave problema ambiental que representa a súa presenza no medio, sobre todo no mar”.

Publicidade

Na actualidade non existe unha metodoloxía analítica común que permita establecer plans de monitorización ambiental nacionais e supranacionais, polo que os investigadores galegos están a desenvolver métodos validados e contrastados para a determinación de microplásticos no medio. Na actualidade son o único grupo español que traballa con centros metrolóxicos europeos nun proxecto financiado pola Unión Europea para desenvolver patróns certificados de microplásticos que permitan validar métodos analíticos. Por outro lado, idearon novos sistemas para determinar a presenza de microplásticos en fitoplancto e zooplancto, algas de consumo humano e peixe (en particular en xarda e salmón).

Dúas mencións honoríficas

A Academia concedeu ademais dúas mencións honoríficas. Unha foi para o equipo coordinado por María Jesús González, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. O seu traballo afonda no control do metabolismo da glicosa. O mantemento dos niveis de glicosa en sangue é esencial para o correcto funcionamento do organismo, de xeito que as alteracións no seu mantemento e regulación atópanse na raíz do desenvolvemento de importantes enfermidades como a diabetes, que afecta a máis de 5 millóns de persoas en España.

Publicidade

Nesta liña, logaron avances significativos no control dunha proteína fundamental neste proceso, a PCK1, o que representa un paso importante no deseño de novas terapias para o tratamento da diabetes. Os resultados deste traballo publicáronse na revista científica Cell Metabolism, líder no campo de endocrinoloxía, metabolismo e bioloxía celular; que ademais elixiu este traballo como un dos 10 máis importantes publicados en 2023 sobre diabetes e metabolismo da glicosa.

A segunda mención honorífica concedeuse ao equipo que dirixe Marcos Ortega, do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O traballo premiado céntrase no desenvolvemento de novos sistemas máis eficientes baseados na Intelixencia Artificial para mellorar a análise das imaxes médicas.

A práctica clinica diaria xera unha ampla cantidade de imaxes e o adestramento supervisado require que sexan etiquetadas, un proceso laborioso que provoca un escenario de escaseza de datos etiquetados. Fronte a este problema, os investigadores lograron, cunha cantidade reducida de datos, mellorar o desempeño dos modelos de intelixencia artificial en numerosas tarefas de alto interese clínico. Os seus avances xa foron explotados e corroborados por expertos de diferentes servizos clínicos nacionais e internacionais, permitindo obter sistemas máis eficientes e eficaces no estudo de diversas patoloxías como a retinopatía diabética, o glaucoma ou a dexeneración macular asociada á idade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo