O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará o vindeiro luns, 15 de abril, o acto de ingreso de Antón Costas Comesaña (Vigo, 1949), actual presidente do Consello Económico e Social de España, como académico correspondente da sección de Ciencias Económicas e Sociais da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O economista pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Camiños para facer fronte aos desafíos económicos e construír un novo contrato social: diálogo, negociación e consenso”, que será contestado en nome da RAGC polo académico Alberto Gago Rodríguez, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Vigo.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como o presidente da Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital no Congreso dos Deputados, Pedro Puy; a deputada do Grupo Parlamentario do BNG Iria Carreira; os deputados do Grupo Parlamentario do PSdG-PSOE José Ramón Gómez Besteiro e Julio Abalde; o director da Área de Xestión de Gain, Benito Fernández; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a outros representantes de institucións políticas, económicas, empresariais, culturais e académicas galegas e familiares do homenaxeado.

Publicidade

Un contrato social centrado nos bos empregos

Antón Costas graduouse primeiro como enxeñeiro técnico industrial na Universidade de Vigo para licenciarse posteriormente en Economía na Universidade de Barcelona, onde se doutorou. Na súa tese de doutoramento interesouse polo pensamento e a política económica liberal do século XIX. Foi profesor titular de Política Económica da Universidade de Barcelona e, desde 2005, é catedrático de Política Económica da UB. 

Antón Costas. Foto: Alfonso Esteban

Os seus intereses enfócanse nos procesos de formación das políticas públicas e, de xeito particular, nos procesos de reforma económica. Os seus libros e ensaios recentes analizan as crises económicas, o futuro do capitalismo e a democracia, así como a necesidade dun novo contrato social centrado nos bos empregos. Entre as súas publicacións destacan La crisis de 2008: de la Economía a la Política y más allá (2010); La Torre de la arrogancia. Políticas y Mercados después de la crisis (2013); El final del desconcierto. Un contrato social para que España funcione (2018); La nueva piel del capitalismo (2016); ou Los laberintos de la prosperidad (2022).

Publicidade

Participa activamente no debate público como ensaísta e conferenciante. É columnista de El País, La Vanguardia e El Periódico de Cataluña. Ten asesorado a gobernos sobre políticas públicas, foi conselleiro de varias empresas e presidiu o Círculo de Economía de Barcelona entre 2013 e 2016. É conselleiro nato do Consello de Estado e, desde 2021, presidente do Consejo Económico y Social de España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco referentes galegos de diferentes áreas de coñecemento

Aida Fernández Ríos: da produtividade das rías á acidificación oceánica

A traxectoria da Científica Galega do Ano 2026 representa unha contribución destacada ao coñecemento do océano no sistema climático. Por Fiz Fernández Pérez

Un libro lembra a figura da Científica Galega do Ano

A publicación, producida por GCiencia, presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo como acto inicial da homenaxe

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla