Atención, alérxicos: Galicia rexistrará niveis “moi altos” de pole esta fin de semana

As concentracións de grans de bidueiro serán especialmente elevadas entre o venres e o sábado, cunha drástica diminución o luns

A conxestión nasal, o picor intenso no nariz e os esbirros son os síntomas máis frecuentes dos alérxicos ao pole. Un cadro clínico do que dificilmente poderán escapar os galegos con alerxia durante os próximos días. Segundo o servizo atmosférico de Copernicus agárdanse niveis “moi altos” de pole de bidueiro durante toda a fin de semana, con concentracións que superarán os 100 grans por metro cúbico na meirande parte de Galicia —considéranse niveis baixos ata os 50 grans/m3—. Os días con maiores concentracións de pole serán o venres e o sábado, cunha diminución significativa o domingo e unha baixada drástica o luns, cando toda Galicia se sitúe xa por debaixo dos 50 grans/m3. A principal responsable deste elevados niveis de pole é a temperatura, que superará amplamente os 30 graos en gran parte do territorio galego e axudará a espallar os grans de bidueiro.

“Xunto á temperatura, o ter un período extremadamente chuvioso durante a Semana Santa favorecerá a dispersión do pole”, explica o meteorólogo Samuel Biener nun artigo publicado no portal Meteored. O experto cre que, ademais da temperatura, hai un cóctel de factores que se traducirán en elevadas concentracións de grans de cara aos próximos días. Entre elas, a insolación, o vento, o réxime de precipitacións e, como detonante, os valores térmicos. Amais disto, Biener fai especial fincapé en como o cambio climático está a cambiar os patróns das alerxias, alongando a tempada. “Os alérxicos van ter uns días bastante complicados”, advirte. Malia que Galicia se verá afectada polo pole de bidueiro, outras partes do Estado experimentarán elevadas concentracións de grans de oliveira e gramíneas, sobrepasando amplamente os limiares de risco para as persoas alérxicas.

Publicidade

A principal causa de alerxia en Galicia de cara aos próximos días será o pole de bidueiro (Betula pubescens), unha árbore moi habitual no país que adoita localizarse xunto aos cursos de auga e os lugares máis húmidos. Nos últimos anos tamén é unha especie habitual dos xardíns, onde se emprega como ornamento por ser unha árbore resistente. Segundo explica a Sociedade Galega de Alerxia e Inmunoloxía Clínica (SGAIC) na súa páxina web, a floración e a polinización dos bidueiros prodúcese entre os meses de marzo e maio, rexistrándose as concentracións máis elevadas de pole ao longo do mes de abril. Os lugares máis afectados adoitan ser Santiago, Ourense, Vigo e Lugo.

“En Galicia, o pole de bidueiro causa síntomas de alerxia respiratoria —rinoconxuntivite e/ou asma— durante o inicio da primavera. Adoita afectar a persoas arredor duns 40 anos de idade, producindo asma con máis frecuencia que os poles de gramíneas”, apuntan dende a SGAIC. Ao parecer, moitas das persoas afectadas polo pole de bidueiro adoitan ser migrantes de países do nordeste e centro de Europa, onde esta árbore é unha das principais causas de alerxia. Amais disto, a sociedade galega indica que ata un 30% das persoas alérxicas ao pole de bidueiro tamén poden presentar síntomas coa inxestión ou manipulación dalgunhas froitas como a mazá, o pexego, as cereixas ou os froitos secos.

Publicidade

A metade da poboación mundial será alérxica… En 2050

Segundo as previsións da Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2050 a metade da poboación mundial terá algún tipo de alerxia, incluídas as de carácter alimentario. No que respecta á exposición ao pole estacional, entre o 10% e o 40% da cidadanía está afectada pola rinite alérxica. E as cifras non se van frear, senón que todo apunta a que continuarán aumentando: “Hai fortes indicios de que as plantas producen máis pole”. Así o explican os investigadores Diego Rivera Núñez, da Universidade de Murcia, e Concepción Obón de Castro, da Universidade Miguel Hernández, nun artigo publicado en Conversation. Ambos sosteñen que nos lugares urbanos, con elevacións máis baixas e durante os períodos máis cálidos, os síntomas aparecen antes nas persoas alérxicas.

“O cambio climático xa exacerbou as estacións polínicas nas últimas tres décadas, cos conseguintes efectos nocivos na saúde respiratoria”, defenden os autores. De feito, fan referencia a un estudo sobre o pole de bidueiro que se desenvolveu en Alemaña onde se constata que a temperatura “parece ter un efecto directo na liberación de alérxenos”. Facendo alusión a outro estudo, Obón de Castro e Rivera Núñez sinalan que “existe unha forte correlación entre a temperatura e o inicio da estación do pole: observouse un adianto e un incremento na súa duración”. Polo tanto, todo apunta que, de cara ao futuro, o tipo de episodio que vivirá Galicia esta fin de semana non só será máis frecuente, senón que tamén afectará a máis persoas.

Finalmente, o investigador Sergio Fuentes Antón da Universidade de Salamanca defende o seguinte: “A aparición de novas zonas verdes e o estar rodeados de forma continuada por plantas e árbores propicia que a poboación teña unha sobrexposición a grans de pole, o que pode desencadear novos cadros de alerxia”. Nun artigo publicado en The Conversation, o experto en Didáctica das Ciencias Experimentais considera os alérxicos como “danos colaterais” do beneficio de crear zonas verdes e espazos ao aire libre nas cidades. Como alternativa, propón que se planten especies como amendoeiras, piñeiros ou falsas acacias porque “non xeran tantos problemas respiratorios, as súas copas dan boa sombra e a súa floración decora toda a cidade”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

Máis vexetación, máis pole: por que esta primavera será peor para os alérxicos en Galicia?

As borrascas de febreiro acumularon humidade que elevará os niveis de gran de bidueiro en Pontevedra, Ourense e Lugo

O efecto das chuvias: a imaxe satelital de Copernicus que revela a enchente do río Miño en Lugo

O Sentinel-1 da Axencia Espacial Europea capta dende órbita o aumento de caudal ao seu paso por Outeiro de Rei, Cospeito e Castro de Rei

Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras