Xoves 23 Maio 2024

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Galicia vivirá un verán anticipado esta fin de semana. O predominio das altas presións, situadas sobre Francia, dispararán as temperaturas ata os 31 graos. O potente anticiclón que permanece ao norte da península ibérica está bloqueando a chegada de borrascas e atraendo a entrada de aire cálido. De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) prevé para os próximos días “temperaturas extraordinariamente altas” para esta época do ano no norte peninsular; con valores máis propios do mes de xuño. En Galicia agárdase unha fin de semana de calor, tempo seco e ceos despexados. Segundo o prognóstico de Meteogalicia, o venres será o día máis caloroso, cando se rexistren 31 graos en Ourense e máis de 25 de máxima no resto de cidades galegas.

As altas presións comezaron a notarse o martes e instaláronse definitivamente o mércores, deixando tempo estable e un notable ascenso das temperaturas. De feito, segunda informa Meteogalicia na súa canle de X (antes Twitter), Ourense rexistrou este 10 de abril unha máxima de 26,8 graos. Unha temperatura que continuará subindo durante os próximos días non só na cidade termal, senón no resto de Galicia. O prognóstico apunta a que volverá ser Ourense a que rexistre as temperaturas máis altas, acadando os 30 graos este xoves. Seguirana Lugo e Ferrol, con 27; Pontevedra con 26; Santiago con 25; e finalmente Vigo e A Coruña, que rexistrarán 24 graos de máxima. As mínimas roldarán os 10 graos en todas as cidades galegas agás en Vigo, que subirá ata os 13, e Lugo, onde descenderán ata os 5, mostrando a maior oscilación térmica do día.

Publicidade

A xornada na que se experimentará unha maior subida das temperaturas será o venres, con 31 graos de máxima en Ourense e co resto de cidades galegas por enriba dos 25 graos. As mínimas tamén ascenderán, roldando os 12 e os 13 graos agás en Lugo, que volve quedar por debaixo dos 10. Unha situación moi semellante á que se agarda para o sábado, cun lixeirísimo descenso das máximas e un mantemento das mínimas. O máis salientable da xornada será o réxime de ventos, que producirán refachos de intensidade moderada nas Rías Baixas. Polo demais, agárdanse néboas matinais no interior que se irán despexando conforme avance a xornada, deixando un día de ceos claros ou nubes altas que non poderán impedir o paso do sol.

A partir do domingo agárdase un cambio de tempo. Malia que non hai precipitacións no horizonte, cando menos ata o xoves da vindeira semana, si se producirá un descenso das temperaturas. O anticiclón irase desprazando ata situarse no medio do Atlántico, o que permitirá a entrada de ventos do norte. “Isto provocará a chegada de aire algo máis frío, aliviando as temperaturas principalmente na metade norte peninsular ata o xoves”, indica o meteorológo Mario Picazo nun artigo publicado en eltiempo.es. De cara á vindeira semana, e aínda que non se albiscan chuvias no medio prazo, espérase unha baixada das temperaturas, que serán máis propias para esta época do ano.

Poderase declarar a onda de calor?

Ante o notable aumento das temperaturas que experimentará Galicia e o resto da península durante os vindeiros días, cabe preguntarse se se poderá declarar unha onda de calor. Segundo Picazo isto non vai ocorrer, dado que non se cumprirán os requisitos para que se dea o fenómeno. Entre eles, que dure máis de tres días, que afecte polo menos ao 10% do territorio español e que os termómetros ascendan por enriba da temperatura limiar para cada estación durante ese período. Malia que non se declare onda de calor na segunda fin de semana de abril, si se vivirá un episodio “excepcional” para esta época do ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A enerxía eléctrica foi a maior fonte de gases de efecto invernadoiro en Galicia en 2022

A actividade deste sector produciu 2,2 megatoneladas de emisións no territorio galego, cun forte impacto da empresa Repsol

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio