Os chícharos galegos que buscan unha segunda oportunidade

O proxecto GUIPROGAL recupera variedades tradicionais con boas taxas de xerminación e potencial para a alimentación humana e animal

Durante anos, o chícharo da Cova sobreviviu grazas a unha casa que conservou as súas sementes. Hoxe, esta variedade tradicional galega volve espertar o interese da investigación polas súas propiedades nutricionais e as posibilidades que ofrece para elaborar novos alimentos. O seu caso exemplifica o potencial de cultivos que quedaron relegados fronte ás variedades comerciais, pero que poderían recuperar un lugar no campo galego.

Recuperar estas leguminosas é o obxectivo de GUIPROGAL, un grupo operativo de innovación que estuda o comportamento agronómico e a composición nutricional de variedades tradicionais de chícharo para aproveitar o seu potencial na alimentación humana e animal.

Publicidade

Máis do 90% de xerminación nas variedades locais

As variedades tradicionais de chícharo galego destacan pola súa capacidade de xerminación. “Ningunha das variedades autóctonas que estudamos, incluídas as que empregamos nas parcelas piloto, presenta unha taxa de xerminación inferior ao 90%. En cambio, as variedades comerciais quedaron sempre por debaixo do 55%”, explica Susana Trastoy, técnica de Axiña Asesoramento Rural Integral.

As diferenzas tamén se observaron no desenvolvemento das plantas. Segundo Trastoy, as variedades tradicionais estudadas presentaron unha maior ramificación e produciron máis vaíñas, características que favoreceron un maior rendemento por hectárea nos ensaios. As análises nutricionais achegaron outro resultado prometedor: varias das liñas locais destacaron pola súa composición en proteínas e aminoácidos, con valores que nalgúns casos superaron os das variedades comerciais.

Publicidade

A partir destes resultados, o equipo seleccionou dous chícharos para continuar o traballo: a variedade PSM-0277, coñecida como chícharo da Cova, para a alimentación humana, e a PSM-0127 para a elaboración de pensos. A elección responde ás características de cada unha e á súa aptitude para distintos usos.

Do chícharo da Cova ao hummus: novos usos para unha variedade tradicional

O chícharo da Cova exemplifica as posibilidades destas leguminosas. O seu pequeno tamaño xogou en contra cando se estenderon outras variedades comerciais, con grans máis grandes e visualmente atractivos. Porén, conserva características que o fan interesante para o consumo humano.

“É unha variedade extraordinaria”, afirma Trastoy, que explica que o gran seco se pode deixar a remollo e cociñar ata conseguir unha textura semellante á do garavanzo. Isto permite empregalo tanto en pratos tradicionais como en preparacións máis recentes, por exemplo o hummus.

Hai dous destinos estudados para o chícharo: a alimentación humana e a animal. Foto: Feuga
Hai dous destinos estudados para o chícharo: a alimentación humana e a animal. Foto: Feuga

GUIPROGAL tamén estudou as posibilidades de transformación do chícharo e elaborou produtos como fariña, conservas e hummus. Segundo os resultados do proxecto, a conserva de chícharos con pataca e tomate foi a mellor valorada nas probas sensoriais, mentres que unha das formulacións de hummus obtivo tamén unha boa aceptación. Os produtos presentaron, ademais, estabilidade e aptitude para a súa elaboración.

A fariña abre outra vía para diversificar os usos do cultivo e aproveitar as propiedades nutricionais do gran. Porén, transformar esta variedade nun alimento con presenza no mercado require algo máis que boas características: cómpre atopar consumidores e canles de comercialización que fagan viable a súa produción.

Substituír a soia sen comprometer a produción

O outro destino estudado é a alimentación animal. GUIPROGAL seleccionou a variedade PSM-0127 para formular un penso destinado ao cebo de gando vacún, co obxectivo de comprobar se a proteína do chícharo podía substituír total ou parcialmente a da soia sen prexudicar os resultados produtivos.

A validación realizouse con 30 xatos de raza Rubia Galega en dúas explotacións colaboradoras. O equipo fixo un seguimento do benestar animal e da calidade da carne e non detectou diferenzas relevantes fronte ao grupo alimentado con penso convencional. Os resultados avalan a formulación probada nas condicións do ensaio, aínda que non permiten extrapolar as conclusións a todas as variedades ou combinacións de ingredientes.

A viabilidade económica tamén é determinante. Como o chícharo ten unha concentración de proteína inferior á da soia, cómpre axustar as proporcións do penso para conseguir unha composición adecuada. Aínda así, a análise de custos realizada no proxecto apunta a que a formulación con chícharo podería alcanzar un prezo final similar ao convencional.

Se se consegue producir esta materia prima en cantidade suficiente e a un custo competitivo, o seu uso nos pensos podería diversificar as fontes de proteína e reducir a dependencia de ingredientes importados.

O reto: conseguir máis sementes

Un dos principais obstáculos para recuperar estas variedades é a escaseza de semente. A diferenza das comerciais, que dispoñen de canles consolidadas de produción e distribución, moitas das tradicionais sobreviviron grazas a persoas que as conservaron durante xeracións ou ao traballo dos bancos de sementes. O chícharo da Cova é un exemplo: mantívose nunha casa ata que Trastoy conseguiu sementes no 2011 case por casualidade.

Agora cómpre multiplicalas para dispoñer de cantidade suficiente e poder ampliar o cultivo. A conservación, por si soa, non abonda: tamén hai que comprobar como se comportan as plantas no campo e seleccionar as máis adecuadas para cada sistema de produción.

Trastoy sinala que algunhas das variedades estudadas teñen unha altura media ou elevada, o que pode dificultar a colleita mecanizada. “Cando as plantas se deitan e se entrelazan, tamén poden xurdir condicións favorables para a aparición de fungos”, explica.

Por iso, non todas as variedades resultan igual de interesantes para os mesmos usos. “As de menor porte poden adaptarse mellor á produción extensiva, mentres que outras poderían ter cabida en parcelas pequenas destinadas á alimentación humana”, apunta a técnica. O seguinte paso é conseguir que máis explotacións agrícolas e gandeiras proben o cultivo e contribúan a crear unha oferta estable.

Laboratorio de GUIPROGAL. Foto: Feuga
Laboratorio de GUIPROGAL. Foto: Feuga

Unha leguminosa que tamén pode mellorar o solo

O interese do chícharo non se limita á alimentación. Como outras leguminosas, pode fixar nitróxeno atmosférico grazas á súa relación con determinadas bacterias, contribuíndo á fertilidade do solo e reducindo potencialmente a necesidade de fertilizantes nos cultivos posteriores.

“Tamén se pode empregar como abono verde e integrar en rotacións agrícolas, por exemplo entre o millo e o raigrás”, explica Trastoy. Esta práctica permite diversificar os cultivos e manter o solo cuberto durante determinados períodos, o que pode contribuír a protexelo fronte á erosión. Os beneficios dependerán do manexo da parcela e das condicións nas que se implante o cultivo.

Para que estas variedades recuperen presenza no campo galego, será necesario garantir a dispoñibilidade de semente, comprobar a súa rendibilidade en condicións reais e atopar compradores para o gran destinado tanto á alimentación humana como á elaboración de pensos. Trastoy considera tamén importante contar con explotacións que sirvan de referencia para outras. “Necesitamos un gandeiro referente que o poñá a funcionar e que poida demostrar que é unha opción viable para o resto”, conclúe.


GUIPROGAL desenvolveuse entre 2023 e 2026 coa participación de Axiña Asesoramento Rural Integral S.C.G., a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), Almacenes Gamallo S.L. e a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA). Cun orzamento de 139.556,94 euros, o proxecto foi financiado integramente a través das axudas aos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A iniciativa permitiu identificar variedades prometedoras, desenvolver novos alimentos e validar unha formulación de penso para xatos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos