Un “caviar vexetal” para a alta cociña: así é a nova variedade de chícharo de Galicia

O CSIC inicia o proceso de comercialización da leguminosa, que ten un gran moi pequeno e con forma de bágoa

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) presentou este mércores a nova variedade de chícharo bágoa, denominada Bagoa Atlantic. Moi valorada na alta restauración, inicia agora o seu proceso de comercialización tras ser rexistrada en abril de 2023 na Oficina Española de Variedades Vexetais. Para iso asináronse dous contratos de explotación: o primeiro, entre o CSIC e a empresa ecolóxica Meilide 16, titular de El Calabacín Rojo; o segundo, de novo entre o CSIC e Culler Gastronomía, dende a que se rexenta o restaurante Culler de Pau, que conta con dúas estrelas Michelín. Segundo informan dende a MBG, a nova variedade de chícharo bágoa é froito dunha liña de investigación que se desenvolve na súa sede de Pontevedra dende hai tres décadas.

“O chícharo bágoa, cuxa denominación se explica pola forma do gran inmaturo, con forma de bágoa, é unha variedade moi valorada na alta restauración. Na MBG incorporámolo como especie das nosas investigacións sobre chícharo en 2010, por mor dunha colaboración co Restaurante Culler de Pau e un produtor agrícola, co labor de obter, tomando como base variedades tradicionais galegas, unha que reunise os seus requisitos para a súa produción como bágoa”, explicou durante a presentación Antonio De Ron Pedreira, profesor ad honorem da MBG-CSIC e xefe do grupo Bioloxía de Agrosistemas.

Publicidade

O grupo de Pontevedra realizou ensaios de campo en parcelas experimentais da MBG con dúas variedades locais de chícharo Ortigueira e Monfero (A Coruña), obtendo resultados positivos tanto en adaptación ás condicións climáticas como á produción, e probas de laboratorio en varios ciclos de selección.

Floración aos 130 días

“É unha variedade de chícharo de medio enrame, con bo vigor temperán e gran rusticidade. Inicia a floración aos 130 días tras a sementeira de outono-inverno, mentres que a vaina inmatura para recolección aparece nunha media de 150 días. É unha variedade produtiva que en cultivo experimental rende un 1.000 kg/ha de gran inmaturo. O gran é de tamaño moi pequeno con forma de “bágoa”. A súa calidade sensorial é excelente, considerándose como o “caviar vexetal”, explica De Ron.

Publicidade

Tras obter estes resultados, o grupo dirixiuse á Vicepresidencia Adxunta de Transferencia do Coñecemento do CSIC, desde onde iniciaron o proceso de protección e rexistro da variedade na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV), procedemento clave para comercializala.

Como protexer a nova variedade

Plantación de chícharo bágoa na sede da MBG-CSIC.

“O proceso de protección dunha variedade vexetal é un proceso longo e economicamente custoso. Para que unha variedade vexetal poida obter o título de propiedade de obtención vexetal ten que cumprir unha serie de requisitos: que sexa nova, distinta, homoxénea e estable. Tras anos de ensaios o 5 de abril de 2023 o Boletín Oficial do Estado publicou a Orde pola que se lle concede, a solicitude do CSIC, o título de obtención vexetal a Bagoa Atlantic, cunha protección ata o ano 2048. Iso implica que calquera uso desta variedade protexida debe contar co consentimento expreso do seu titular, neste caso do CSIC”, explicaron durante o acto de presentación.

“Unha variedade vexetal non se pode comercializar se non está rexistrada na OEVV, e ata onde se coñece, non hai ningunha variedade rexistrada de chícharo deste tipo. Por esta razón os “chícharos bágoa” que actualmente están no mercado, e nalgúns restaurantes, non son o resultado dun proceso de mellora xenética. Xeralmente, os produtores usan variedades comerciais de chícharo de mesa xa rexistradas hai moito tempo e cultivan o gran moi cedo, para que teña a forma desexada de bágoa”, engaden desde o CSIC.

A partir do rexistro a MBG iniciou un proceso de procura de acordos con empresas para asinar contratos de licenza de explotación, modalidade contractual que permite a terceiras partes explotar comercialmente a variedade protexida para que chegue ao mercado. O obxectivo principal é que as variedades melloradas froito de anos de investigación saian dos centros de investigación e cheguen ao mercado para que toda a sociedade se poida beneficiar delas e ao mesmo tempo se contribúa ao mantemento da biodiversidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

A recuperación da avea moura, o cultivo de orixe galega que desapareceu dos campos

Un proxecto de Misión Biolóxica de Galicia explora o potencial da especie tradicional con enfoque comercial para usos gastronómicos e cosméticos

Logran por primeira vez a edición xenética dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, o castiñeiro

A USC participa nun estudo internacional liderado dende Galicia que supón un avance significativo na loita contra enfermidades como a tinta

As plantas “falan” entre si? Un equipo galego explora un novo mecanismo de comunicación

Fungos, insectos e compostos volátiles revelan unha rede de conexión química entre vexetais máis complexa do que se pensaba