Publicidade

As mortes por doenzas cardiovasculares reducíronse un 9% en Galicia en 2023

As enfermidades circulatorias son a primeira causa de decesos, seguida dos tumores de pulmón, páncreas e colon

O 2023 rematou en Galicia con 32.690 falecementos. Así o indica o informe Defuncións segundo a causa de morte que publicou esta mañá o Instituto Español de Estatística (INE). Tal e como indica o documento, as enfermidades do sistema circulatorio son as que máis mortes provocan en Galicia, rexistrando 8.643 no último ano. Con todo, en comparación cos datos rexistrados no exercicio de 2022, os falecementos causados por estas doenzas reducíronse un 9%, sendo este o terceiro maior descenso en España despois de Melilla (16,5%) e Cantabria (12,3%). No que respecta á idade, o maior número de falecementos debidos a doenzas cardíacas notifícanse en maiores de 85 anos. En relación ao sexo, as mulleres morren máis por este tipo de enfermidades (4.624) que os homes (4.019).

A segunda causa de morte en Galicia son os tumores, que provocaron a defunción de 8.409 galegos en 2023. Esta cifra é lixeiramente inferior que a de 2022, cando se notificaron 8.469 decesos por este motivo. É dicir, un 0,71% máis. En xeral, os tumores causan máis mortes en homes (5050) que en mulleres (3358). No que respecta á idade, a maior incidencia rexístrase entre os 75 e os 79 anos, aínda que esta cifra varía en función do cancro. Por exemplo, os respiratorios —traquea, bronquios e pulmón— provocaron 1.605 decesos, un 2,3% máis que en 2022; os tumores de colon, 776 falecementos, un 3,6 menos que o ano anterior; e os de páncreas 594 mortes, un 9% máis respecto a 2022.

Publicidade

Accidentes, caídas e afogamentos

Os falecementos tamén poden deberse a causas externas, como os accidentes de tráfico, as caídas accidentais e os afogamentos. En relación á primeira causa, rexistráronse 114 mortes en 2023. Nesta variable salienta especialmente a diferenza de decesos entre homes e mulleres. É dicir, producíronse 90 mortes de varóns en accidentes de tráfico, mentres que tan só 24 se rexistraron en mulleres. É dicir, un 73% máis. Con todo, a que máis falecementos rexistrou foron as caídas accidentais, deixando un total de 383 galegos falecidos. Entre ambas circunstancias están os afogamentos, con 297 mortes o pasado ano.

De que morren os galegos en cada provincia?

As principais causas de mortalidade de cada unha das provincias galegas tamén son os tumores e as enfermidades circulatorias. Porén, non responden sempre aos mesmos patróns. Por exemplo, en Pontevedra o cancro sega máis vidas que as doenzas do corazón. A continuación, analizamos pormenorizadamente cada unha das causas dos falecementos que se rexistran anualmente na Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo:

Publicidade

A Coruña

En 2023, 3.553 coruñeses morreron debido a enfermidades do sistema circulatorio. Unha cifra lixeiramente superior aos 3.359 decesos provocados por tumores. Estas cifras seguen o mesmo patrón dos datos xenéricos para Galicia, que sitúa estas dúas causas entre as primeiras e, ademais, na mesma orde. En relación ao cancro, os que máis falecementos provocaron na Coruña o ano pasado foron os de pulmón (672), colon (287) e páncreas (238). No que respecta aos decesos atribuídos a causas externas, 125 coruñeses faleceron por caídas accidentais, 103 por afogamento e 32 por accidentes de tráfico.

Pontevedra

A provincia de Pontevedra segue un patrón similar aos datos xenéricos para Galicia, pero varía a primeira causa de morte. Os pontevedreses faleceron maioritariamente por cancro, con 2.773 decesos rexistrados en 2023. De novo, o de pulmón foi o que máis mortes provocou (538), seguido do de colon (269) e o de páncreas (219). A segunda causa de morte foron as enfermidades circulatorias, cun total de 2.354 falecementos no pasado exercicio. En relación ás defuncións por causas externas, o patrón é exactamente o mesmo que o da Coruña e Galicia, coas caídas accidentais liderando a lista (124), seguida dos afogamentos (94) e dos accidentes de tráfico (39).

Ourense

A primeira causa de morte da poboación ourensá son as enfermidades do sistema circulatorio, que provocaron o falecemento de 1.281 persoas en 2023. O segundo motivo é, igual que acontece na Coruña e en Galicia, os tumores (1.135). Concretamente, os cancros que máis mortes causan en Ourense son o de pulmón (191), colon (102) e páncreas (63). As caídas accidentais (66) volven ser as responsables do maior número de decesos atribuídos a causas externas. Están seguidas moi de preto polos afogamentos (60) e, máis lonxe, polos accidentes de tráfico (22).

Lugo

En Lugo acontece o mesmo que na Coruña e Ourense: as doenzas circulatorias volven ser a primeira causa de morte (1.455). En segundo lugar están, por tanto, os tumores (1.142), sendo o de pulmón (204) o que máis mortes provoca, seguido do de colon (118) e do de páncreas (74). Finalmente, en relación ás causas de mortalidade externas, as caídas accidentais (68) volven situarse no primeiro lugar da lista, cedendo o segundo posto aos afogamentos (40) e, finalmente, aos accidentes de tráfico (21).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O libro galego entre a ciencia e a inventiva: “Somos o que imaxinamos”

O investigador mariño Alberto González-Garcés mestura entre pequenas historias temas como os buratos negros e a xenética cos memes

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

Así asubían os arroaces nas Rías Baixas para organizarse en grupo e orientarse nas augas

Un estudo recolleu durante 15 anos os sons dos Tursiops Truncatus para comparar as diferenzas nas interaccións entre Galicia e Sardeña

Unha potente borrasca atlántica manterá Galicia en alerta por choivas: estas son as zonas afectadas

Unha nova fronte provocará fortes choivas, nalgúns puntos tormentosas, con acumulacións de ata 40 l/m2 en 12 horas