Xoves 18 Abril 2024

Existe realmente a morte por “causas naturais”?

Sempre hai unha razón biolóxica determinada detrás dun falecemento, aínda que a medicina e a lei establecen diversas clasificacións

Case todas as semanas podemos velo nos medios. “Todo apunta a que a morte se produciu por causas naturais“, din as noticias cando se fala dun falecemento no que non adoitan concorrer feitos externos e/ou accidentais ou enfermidades previas. Pasa, sobre todo, cando se fala de casos de xente que vive e morre soa, e cuxa defunción non se constata ata pasado un tempo. Cando a morte se debe a un cancro, fálase desta doenza, ou úsase o eufemismo “longa enfermidade”, e do mesmo xeito, sobre todo na xente nova, búscanse motivos que poidan explicar as mortes que son inesperadas. Pero as mortes naturais son a gran maioría, e representan, de feito, máis do 96% dos falecementos que se rexistran cada ano en Galicia, se nos atinximos aos criterios que establece a medicina.

“A morte natural é toda aquela que acontece por circunstancias biolóxicas, sempre que non concorran factores externos, accidentais ou violentos, que provoquen o falecemento da persoa”, explica Julián Álvarez Escudero, decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Por tanto, é morte natural desde o paro cardíaco ou o ictus que acaba coa vida dun menor de idade, como a da persoa centenaria que falece placidamente mentres durme despois dunha longa vida sen excesivos problemas de saúde.

Publicidade

Menos do 4% dos falecementos anuais se deben a causas externas, consideradas como non naturais

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, en 2017 morreron en Galicia 31.972 persoas. Delas, máis do 96% son as que se poden catalogar como naturais. Entre estas, a primeira causa de defunción foi a catalogada como enfermidades do sistema circulatorio, con máis do 30% (9.677), seguida dos tumores (8.692) e as doenzas do sistema respiratorio (3.978). Tal e como apunta Álvarez Escudero, todos estes falecementos deben considerarse como os sucedidos por causas naturais: “É un feito biolóxico polo cal o organismo deixa de funcionar, ben sexa por un infarto ou unha hemorraxia cerebral inesperados, ben por un cancro con metástase que, despois de moito tempo de avance, leva a que haxa que sedar ao paciente para evitarlle o sufrimento na medida do posible, ata que falece”.

Con todo, na sociedade adoita establecerse unha diferenciación entre os falecementos agardados, debido a enfermidades cun avance notorio e que fan previr o desenlace, e os óbitos súbitos, por pouco agardados e traumáticos, aínda que sucedan por motivos estritamente biolóxicos.

Así, alén dos factores que poderían inducir a un maior risco de mortalidade (determinados hábitos e modos de vida, exposición a actividades de risco, predisposición xenética a determinadas doenzas, posibles neglixencias, nivel socioeconómico, etc.) a gran maioría dos falecementos que coñecemos cada ano son por motivos que se poden catalogar como naturais.

Por tanto, menos dun 4% dos falecementos anuais en Galicia se deben ao que se consideran como causas externas. Segundo os datos de 2017, a maioría destes falecementos (1.158) foron caídas accidentais (397, sobre todo en maiores de 80 anos) suicidios e lesións autoinflixidas (323) e accidentes de tráfico (136).

As mortes naturais e a práctica forense

Porén, ás veces é complicado establecer unha liña clara en canto ás mortes naturais debido ás implicacións da práctica forense e policial e á propia lei. Así, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, en Galicia rexistráronse en 2017 un total de 1.848 defuncións con intervención xudicial, debido a diversos factores que facían necesaria a presenza de representantes da lei no lugar do falecemento. Destas defuncións, 876 quedaron establecidas como causas externas, mentres que 972 se rexistraron como causas naturais. É nestes casos de actuación xudicial onde se concentran moitas das noticias que falan de falecementos naturais, xa que adoita haber unha autopsia que determina estas circunstancias.

Ante determinadas situacións, os protocolos sanitarios e legais poden activar a sospeita de criminalidade. Pode pasar cando os forenses ou os axentes dos corpos e forzas de seguridade constatan indicios de violencia, pero tamén é o caso das mortes súbitas, que acontecen de forma aparentemente natural cando non existen antecedentes médicos que poidan explicalo, especialmente en casos nos que non hai testemuñas para constatar as causas naturais do falecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...