Venres 19 Abril 2024

A UDC concede a Distinción de Honra a Ramón Núñez, ‘pai’ dos Museos Científicos

Recibe o galardón polas súas achegas á divulgación e pola aposta polo "espírito lúdico e a provocación intelectual como ferramentas educativas"

Ramón Núñez Centella (A Coruña, 1946), principal impulsor e artífice da rede de Museos Científicos da cidade, recibirá este venres a Distinción de Honra que lle outorgará a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, en recoñecemento aos seus méritos “na divulgación científica na escena europea, defensor da interdisciplinariedade cultural, a diverxencia, o espírito lúdico e a provocación intelectual como ferramentas educativas”. O acto de homenaxe terá lugar no salón de actos da Facultade ás 12.00 horas.

Ramón Núñez está considerado o meirande impulsor da museoloxía científica en España, contribuíndo á educación en Ciencia e á divulgación da Ciencia en practicamente todos os formatos: artigos en prensa, conferencias, colaboracións en radio e TV, exposicións “clásicas” e disruptivas, etc. Desenvolveu practicamente todo o seu labor desde a cidade da Coruña, contribuíndo á formación científica de moitas xeracións. Un dos seus principais legados é o “Prohibido non tocar”, lema co que os museos herculinos animan á interactividade e experimentación nas súas exposicións.

Publicidade

Traxectoria de Ramón Núñez

O divulgador licenciouse en Ciencias pola USC e é Master of Arts en Didáctica das ciencias pola Universidade de Nova York. Dedicouse ao ensino das Ciencias en ensino primario e secundario entre 1970 e 1983. Adaptou para España o programa “Science Curriculum Improvement Study” (SCIS), da Universidade de California – Berkeley, para o ensino activo da ciencia a nivel elemental. Entre 1976 e 1977 formou parte do equipo do Project City Science (Universidade de Nova York, Prof. Dr. F. James Rutherford).

En 1981 e 1982 organizou a “Mostra Bibliográfica para Escola Galega”, catálogo de libros sobre Galicia dirixido a ensinantes e estudantes. En 1983 o Concello da Coruña nomeouno director do Servizo Municipal de Educación, e desde aquí propuxo a creación da Casa das Ciencias, inaugurada en 1985, que dirixiu desde a súa apertura. Posteriormente impulsou a a Domus (Casa do Home), inaugurada en 1995, e o Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes), que abriu en 1999. Tamén contribuíu ao nacemento da sede do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) da Coruña, que dirixiu desde 2008 ata a súa xubilación en 2013.

Alén da rede de museos da Coruña, Ramón Núñez tamén participou no deseño museolóxico de importantes centros divulgativos, museos de ciencia e planetarios en España, como o Museo das Ciencias Príncipe Felipe de Valencia, Parque das Ciencias de Granada, Planetario de Pamplona, ou Museo da Evolución Humana de Burgos.

Do mesmo xeito, estableceu importantes iniciativas para a renovación do ensino das ciencias e a promoción da divulgación científica, como o Premio Luís Freire de investigación científica ou os Premios Prismas de Divulgación Científica, que figuran xa entre os máis prestixiosos de España. Foi colaborador habitual da revista Muy Interesante dende 1991, e publicou artigos de opinión e de divulgación científica en xornais coma El País, La Vanguardia, Diario 16 e La Voz de Galicia, onde foi un dos creadores do suplemento “La Voz de la Escuela”.

En 1992 recibiu o Premio Nacional de Periodismo Científico, outorgado polo CSIC. En 2009 recibiu o Premio José María Savirón 2009 á divulgación científica. É membro da Asociación Española de Periodismo Científico, da Academia de Ciencias de Nova York e da Royal Institution. Pronunciou centos de conferencias en todo o mundo sobre museoloxía, divulgación, didáctica das ciencias, periodismo científico e historia da ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías