Variedades autóctonas de chícharo galego: unha alternativa sostible á soia importada

Un proxecto galego avalía o potencial das liñas tradicionais desta planta fronte ás comerciais e aposta por fortalecer a produción local de proteína vexetal

Nun contexto global marcado pola crise climática e pola dependencia de recursos importados, Galicia busca solucións propias para mellorar a sostibilidade e a autosuficiencia do seu sector agrogandeiro. Nesa liña traballa o Grupo Operativo GUIPROGAL, unha iniciativa colaborativa que ten como obxectivo recuperar e valorizar variedades tradicionais de chícharo (Pisum sativum) adaptadas ao agro galego, co propósito de impulsar o seu cultivo e uso como fonte de proteína local.

Entre as entidades participantes atópase a Misión Biolóxica de Galicia (MBG‑CSIC), que achega o seu coñecemento en xenética vexetal e conservación de recursos fitoxenéticos.

Publicidade

“Desde a MBG estamos a contribuír á selección agronómica e nutricional destas variedades locais. Os resultados mostran que son altamente produtivas, ben adaptadas e nutricionalmente interesantes”, explica Ana M. González, investigadora responsable na institución.

Mellores resultados que as comerciais

Nos ensaios realizados en campo e invernadoiro comparáronse cinco variedades locais fronte a referencias comerciais. As diferenzas foron evidentes: presentaron unha maior taxa de emerxencia, floración máis temperá e rendementos moi superiores, chegando mesmo a duplicar ou triplicar os das variedades comerciais.

Publicidade

“Non só demostraron unha mellor adaptación ao clima galego, senón que tamén presentan características físicas e nutricionais do gran que lles dan un valor engadido”, subliña a investigadora da MBG.

Unha fonte proteica local para alimentación e pienso

Mostras de gran de chícharo recollidas nun dos ensaios realizados no marco do proxecto
Mostras de gran de chícharo recollidas nun dos ensaios realizados no marco do proxecto. Foto: FEUGA

A análise do gran revelou perfís proteicos equilibrados, con alta solubilidade e un contido notable de aminoácidos esenciais. Estas características fan que as variedades estudadas sexan axeitadas tanto para pensos sostibles como para a alimentación humana, especialmente en dietas vexetarianas e ecolóxicas.

Ademais, trátase dun cultivo que contribúe á fixación natural de nitróxeno no solo, reducindo a necesidade de fertilizantes químicos e beneficiando ao sistema agrario no seu conxunto.

Innovación aplicada á tradición

O proxecto GUIPROGAL está financiado no marco dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e conta coa participación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), AXIÑA S. Coop. Galega e o Centro Tecnolóxico CTC Galicia, ademais da coordinación por parte da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA).

“Estes resultados abren a porta a incorporar variedades autóctonas nos sistemas produtivos actuais, diversificando os cultivos, reducindo importacións e fortalecendo o agro galego nun contexto de cambio climático e transición ecolóxica”, conclúe a investigadora da MBG.


Este proxecto está financiado con axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (EIA), cofinanciadas nun 80 % co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico do política agraria común (PEPAC) 2023-2027 cun 14% dos fondos propios da Xunta de Galicia e un 6% con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A Consellería de Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que se lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e comprende as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación do territorio, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestal. forestais, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total do proxecto: 139.556,94 € Subvención: 139.556,94 €.


logos galegos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas “falan” entre si? Un equipo galego explora un novo mecanismo de comunicación

Fungos, insectos e compostos volátiles revelan unha rede de conexión química entre vexetais máis complexa do que se pensaba

A experiencia inmersiva Alerta Verde: como pode o alumnado salvar o seu instituto dende a sostibilidade

O proxecto do CINTECX propón un videoxogo en formato 'escape room' para fomentar vocacións científicas e compromiso ambiental

Unha xornada trae a Santiago o debate sobre os “químicos eternos”

O evento, organizado por Feuga, celebrarase na sede da fundación o xoves 4 de decembro a partir das 9.30 horas

Da IA á Internet das Cousas: como as novas tecnoloxías melloran a atención aos pacientes

Unha formación pioneira impulsada por DATAlife mostrará como as ferramentas dixitais poden transformar a xestión asistencial en Galicia