A imprescindible lista de cultivos que precisas para sobrevivir nunha apocalipse nuclear

Remolachas azucreiras, espinacas e cenorias son algunhas das plantacións que recomenda un novo estudo científico, aínda que depende do clima

A comida é un ben esencial en caso de, por exemplo, unha apocalipse nuclear. Si, parece imposible que tal cousa suceda, pero despois dunha pandemia, a erupción dun volcán, inundacións, nevadas e un apagamento masivo, algúns poden pensar en que pode ser o seguinte. E se non hai que preocuparse por que levarse á boca, mellor. Agora, un estudo fala sobre os cultivos que idealmente unha cidade precisa para sobrevivir.

As conclusións, publicadas na revista PLOS One, amosan que, en condicións normais, a mellor opción son os chícharos. Teñen moitas proteínas e crecen ben nas cidades con temperaturas normais. Ademais, non precisan moito espazo.

Publicidade

Trigo, cenorias, espinacas e remolachas

O problema cos chícharos é que non son especialmente resistentes ao frío. No caso dun ataque nuclear, a erupción dun supervolcán ou a caída dun asteroide, o sol estaría bloqueado por diferentes partículas. Isto deixaría temperaturas máis frías. Neste caso, o ideal sería cultivar espinacas e remolachas azucreiras dentro das cidades.

Ante isto, moitos poden preguntarse se realmente cos cultivos que se fan nas cidades é suficiente. Aínda que son importantes, a resposta é non. Fóra das urbes habería que plantar, para alimentar a un concello coma o de Pontevedra, unhas 1.140 hectáreas. Tamén precisaría unhas 110 hectáreas máis para poder producir biodiesel de cara á maquinaria.

Publicidade

No caso das plantacións nas aforas das cidades, nun escenario de clima normal o ideal sería plantar patacas. Pero, no caso de que teñan que ter unha maior tolerancia ás baixas temperaturas, a mellor proporción sería ter un 97% de trigo e un 3% de cenorias.

Un estudo feito sen pensar no panorama actual

“A investigación non estaba inspirada polo actual panorama xeopolítico”, asegura Matt Boyd, autor do estudo e investigador xefe de Adapt Research, unha organización independente. Agora, asegura, está a cobrar máis importancia por ese contexto internacional.

Para facer este estudo, os investigadores fixáronse en como podería sobrevivir unha cidade media a través da agricultura tras un desastre global. De aí que revisasen estes dous escenarios: unha cidade baixo un clima normal e ante un inverno nuclear. Para o estudo, utilizaron unha análise da agricultura urbana que revisa as plantacións en ducias de cidades do mundo.

Boyd sinalou que hai unha serie de incógnitas que afectarían o rendemento das colleitas no mundo real. A calidade da terra é unha gran variable, porque un solo de menor calidade produciría menos cultivos. Tamén supuxo un escenario no que os sistemas de auga seguen funcionando. “Pódense imaxinar contextos de catástrofe global onde haxa obstáculos e problemas adicionais”, di. Tampouco espera que a xente coma só chícharos durante todo un ano, pero plantar os cultivos máis eficientes minimiza a cantidade de terra necesaria para alimentar a poboación.

O autor indica que este estudo podería usarse como un primeiro paso para as cidades que queiran empregar a agricultura urbana resiliente nas políticas de uso do solo. O investigador destaca que algunhas destas opcións ás veces considéranse menos óptimas porque están pensadas desde unha perspectiva económica. O investigador destaca outros valores que poderían terse en conta como a resiliencia, a seguridade e o benestar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto