Robots e ovellas que coidan os cultivos: así é o pioneiro ensaio realizado en Quiroga

Un novo sistema realizado polo Grupo Operativo AGRI-ROVENAT estuda métodos innovadores para mellorar a sostibilidade de viñedos e oliveiras

Novo avance singular no municipio de Quiroga, en Lugo. Un ensaio do Grupo Operativo AGRI-ROVENAT conseguiu probar novos sistemas que axudan á conservación da vide e das oliveiras autóctonas. Desta forma, os agricultores poderían mellorar considerablemente a súa eficiencia e sostibilidade.

Este innovador proxecto realizouse a través de dous métodos. Por unha banda, a introdución de ovellas sometidas a un proceso de aversión inducida. É dicir, os expertos conseguen que o animal rexeite comer destes viñedos e oliveiras. Iso si, inxire a flora que está no chan, ao redor. Este método conta con todas as garantías de benestar e saúde animal e foi desenvolvido, experimentado e publicado polo grupo de Recerca des Remugants da Universidade Autónoma de Barcelona.

Publicidade

Os resultados destas probas serán analizados, segundo a directora do Grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) da Misión Biolóxica de Galicia, Carmen Martínez. A tamén coordinadora científica destacou a importancia de analizar se hai desvantaxes nestes métodos utilizados. Por exemplo, está previsto realizar proximamente un estudo sobre a calidade do leite producido polas ovellas. A súa fin será estudar se o control da alimentación e o pastoreo en parcelas de oliveiras e videiras teñen un impacto directo na súa composición e sabor.

O segundo sistema probado foi o uso dun robot que funciona como un segador teledirixido. Desenvolvido por Millasur e, ao igual que a aversión inducida, permite conservar o tapiz vexetal das parcelas agrícolas. Ademais, preveñen a erosión do chan, un problema habitual en áreas con pendente. É o caso da Ribeira Sacra, onde levaron a cabo esta experiencia piloto en terreos da empresa Ouro de Quiroga. Esta compañía cultiva dúas variedades autóctonas: a Brava Galega e a Mansa Galega, coas que elaboran aceite de oliva virxe extra.

A defensa da biodiversidade

Un dos principais propósitos do proxecto é poñer en marcha e optimizar métodos de manexo do cultivo sostible e respectuoso coa contorna. Desta forma, conseguiríase conservar a biodiversidade autóctona e, ademais, resaltaría a beleza da paisaxe da Ribeira Sacra. Outro dos obxectivos é impulsar a recuperación de variedades de oliveiras autóctonas. Estas propostas están enmarcadas en procesos de economía circular e búscase que resulten eficaces e rendibles para os agricultores. Tamén que se favoreza a posta en marcha de novos proxectos de emprendemento sostibles para contribuír á produción de aceite de oliva local.

O Grupo Operativo AGRI-ROVENAT conta co financiamento da Unión Europea e do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación. Participan, ademais, o grupo Dairy Safe do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias, a Fundación Laboral Santa Bárbara (FUSBA) e as empresas Ovellas e Cordeiros e Millasur. Tamén contan coa colaboración durante diferentes fases do proxecto de Aromas do Narcea e Ouro de Quiroga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dúas esculturas do galego Francisco Asorey González cobran vida en 3D

O CIAG dixitaliza por fotogrametría as obras para crear modelos de alta resolución que permiten explorar os seus detalles e contribuír á preservación do patrimonio

Un equipo galego crea un dispositivo móbil para previr lesións lumbares entre o persoal de emerxencias

A tecnoloxía AppGym, desenvolvida dende a UDC, monitoriza en tempo real a flexión da columna e alerta de posturas potencialmente lesivas

Os socalcos da Ribeira Sacra, un escudo fronte ás chuvias extremas derivadas do cambio climático

O catedrático Augusto Pérez Alberti analiza como as estruturas de pedra reducen a erosión, favorecen a infiltración da agua e contribúen a conservar a paisaxe

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia de amputacións

A investigadora da UVigo Elena Mosquera sinala o envellecemento da poboación e a diabetes como posibles causas do aumento de casos