As choivas que augaron os días de Semana Santa en toda Galicia son os mellores aliados das persoas que sofren alerxias ao polen, un 24% da poboación galega. As precipitacións rebaixan a concentración no aire das partículas que desprenden árbores como o bidueiro ou o plátano. Con todo, a lista de inimigos dos alérxicos estase a incrementar ca expansión de especies exóticas como a acacia mimosa, que foi gañando terreo nas últimas décadas ata se converter en dominante en amplos espazos da provincia de Ourense.
De feito, un estudo elaborado por investigadores da Universidade de Vigo conclúe que a concentración de pole no aire pode ser o mellor indicador para determinar o grao de expansión desta especie invasora da familia das leguminosas Fabaceae, que pasou de estenderse de forma exponencial pola xeografía galega a frear a súa expansión.
Así o apuntan as conclusións do traballo encabezado por Guillermo Guada no Departamento de Bioloxía da UVigo, con sede no campus de Ourense. A monitorización feita durante os últimos tres anos revela que entre 2003 a 2017 a superficie ocupada polas mimosas aumentou un 45% e as concentracións de pole no aire multiplicáronse por 4,8.
O modelo proposto polos investigadores liga o incremento de pole ca expansión desta variedade de acacia tan recoñecible nos nosos montes pola intensa cor amarela da súa flor que comezamos a ver durante o mes de febreiro. A súa propagación pola xeografía galega debeuse pola expansión de liñas eléctricas, estradas, vías férreas. Tamén grazas aos incendios, que permiten que gañen terreo a outras especies.
Con todo, os investigadores aprecian unha estabilización da súa expansión e mesmo unha redución da superficie que ocupan durante os últimos nove anos. A mostraxe entre 2015 e 2024 revela que os niveis de pole se manteñen máis baixos que nos 14 anos anteriores. O seu modelo baseado na medición do pole para esquivar os problemas dos sistemas de medición con fotografías aéreas ou imaxes de baixa resolución cifra o aumento da superficie ocupada pola mimosa nun 19,3% nos últimos 30 anos, o que se reflicte nun aumento de 2,3 veces os niveis de pole.
Mapas de orientación para alérxicos
Polo momento, o pole das mimosas non está desagregado nas ferramentas que as administracións e entidades científicas poñen á disposición da cidadanía para informar sobre os niveis de concentración de partículas de plantas no aire. Cada sete días, a Rede Galega de Aerobioloxía (froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo) publica os datos aerobiolóxicos de Galicia, que recollen as concentracións de grans de carballos, bidueiros, piñeiros e estrugas captados nas estacións da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Estes datos crúzanse cas previsións meteorolóxicas e as estatísticas de anos anteriores para elaborar as predicións semanais de concentración de pole no aire, ofrecidas en formato semáforo para diferenciar entre niveis baixos (verdes, con de 1 a 30 grans de pole por m3 de aire) e os altos (vermellos, con máis de 50).
A previsión publícase o mércores de cada semana e, a ollos da doutora Virginia Rodríguez Vázquez, especialista da área de Alergoloxía no Hospital Clínico de Santiago, debería ser unha ferramenta de consulta para todos os alérxicos, como poden facer cas predicións do tempo.
“Agora que estamos na época, é importante, cando menos, ter coñecemento das situacións nas que se poden producir máis síntomas para evitalo. E para iso hai que ter a información”, sinala a alergóloga, que, alén da páxina da Rede Galega de Aerobioloxía, tamén recomenda consultar a web da Sociedad Española de Alergología e o dominio polenes.com.
Nestes momentos, a meteoroloxía da última semana xogou a favor dos alérxicos. As choivas xeneralizadas pola xeografía galega calmaron os niveis de concentración no aire que se dispararan cas temperaturas máis propias do verán que tivemos na primeira quincena do mes de abril. “Nestes días de tanta choiva; o pole, ao mollarse, pesa. E, polo tanto, deposítase no chan e non está en suspensión. Por iso nos días chuviosos os alérxicos poden estar máis no exterior que nos días de calor e, sobre todo, nos ventosos”, explica a doutora.
Abril, tempo de bidueiros
O comezo da primavera é o tempo das árbores de flora atlántica. Por diante de todos eles, o bidueiro. As últimas predicións sombrean en cor vermella toda a provincia de Ourense e a boa parte da de Lugo (ca excepción da comarca da Mariña) por alta concentración do pole da familia das Betulas.

É que a distribución das afeccións por pole non é igual por toda Galicia. Por exemplo, no litoral da provincia da Coruña os peor parados son os alérxicos á parietaria, o pole que desprenden as estrugas, moi comúns na Costa da Morte e no Barbanza que os ventos traen cara ao interior á zona da comarca de Santiago e arredores.
Con todo, Galicia está considerada un bo lugar para os alérxicos ao pole en comparación co sur de España. “Estamos nunha zona moi boa. En zonas como Toledo, Andalucía ou Estremadura é moito peor. Aquí non temos o pole da oliveira ou doutras malezas”, explica a alergóloga, que engade que as precipitacións no interior da península durante as últimas semanas auguran unha temporada de alta concentración de pole no aire nestas áreas.
Cambio climático
O cambio climático tamén xoga en contra dos alérxicos. Un recente estudo comparativo sobre traballos feitos ao longo dos últimos 25 anos determina que as tempadas de pole son cada máis longas ou presentan maiores concentracións como consecuencia do quecemento global.
O dióxido de carbono favorece o crecemento de determinadas plantas e árbores, co que producen máis pole. Tamén afecta o estrés ao que someten as variacións climáticas sobre a flora, que fai que se exprese en proteínas que normalmente son alérxenos. Os modelos deste estudo estiman un aumento da temporada do pole nun 19% no futuro, así como unha concentración total anual de entre un 16 e un 40%.