Da mimosa á herba da fortuna: as 127 plantas invasoras que ameazan Galicia

Un estudo da Universidade de Oviedo recompila as especies vexetais introducidas que poñen en risco a biodiversidade do noroeste peninsular

O eucalipto e a herba da pampa son dúas especies invasoras moi coñecidas en Galicia. Agora, un estudo publicado pola Universidade de Oviedo acaba de identificar 127 plantas exóticas en territorio galego, así como no oeste de Zamora e León. A investigación, publicada na revista Neobiota, é unha exhaustiva revisión sobre as especies invasoras xa asentadas no noroeste peninsular, polo que tamén se estudou a situación de Asturias, País Vasco e norte de Portugal, ademais de Galicia e Castela e León. O obxectivo do estudo, que identifica 175 especies invasoras en toda a área, é recompilar información sobre as plantas que ameazan a biodiversidade, o funcionamento dos ecosistemas, a economía e a saúde humana. E, por tanto, servir para orientar políticas de resposta ante a invasión destas especies.

Consecuencias das especies segundo o seu impacto

Segundo a investigación liderada polo científico Adrián Lázaro Lobo, na área estudada entre Galicia e o oeste de Zamora e León identificáronse 24 especies cun alto impacto invasor, 49 cun efecto medio sobre a biodiversidade e 54 cualificadas de baixo potencial. É dicir, un total de 127 especies que ameazan Galicia. No que respecta ao primeiro grupo, salientan as mimosas (Acacia dealbata) e o eucalipto (Eucalyptus globulus) que, segundo o estudo, “son promotoras de incendios, aumentando a súa incidencia, intensidade e velocidade de propagación dos mesmos, ao producir e acumular biomasa altamente inflamable”. Ademais, ambas especies invasoras, tal e como sinala a investigación, están á alza, polo que as súas poboacións están a medrar en Galicia.

Publicidade

O estudo tamén pon o foco noutras especies de alto impacto en territorio galego, como a herba da pampa (Cortaderia selloana). “Causa alerxias graves e xera unha segunda temporada pico de alerxias ao florecer a finais do verán e a comezos do outono, o que representa un perigo para a saúde“, sinala o artigo da Universidade de Oviedo. As mesmas consecuencias que pode causar a especie herbácea Ambrosia artemisiifolia malia que en Galicia o seu impacto invasor é baixo. Non se ten información de se está a aumentar a súa poboación, como si acontece coa herba da pampa, que se está a estender aínda máis por territorio galego.

A investigación tamén alerta do efecto sobre a biodiversidade da coñecida como herba da fortuna (Trasdescantia fluminensis): “Forma zonas densas que reducen a penetración da luz solar e alteran as propiedades do solo, suprimindo a rexeneración do bosque nativo”. Iguais consecuencias que a faballola do Xapón (Reynoutria japonica), malia que en Galicia o seu potencial invasor é baixo, ao contrario que a herba da fortuna, que ademais está á alza. Algo semellante ocorre coa elódea do Brasil (Elodea densa), de alto impacto invasor e que se está estendendo por territorio galego, malia as súas consecuencias sobre os hábitats que invade. Segundo o estudo, esta planta somerxida pode competir con outras especies e diminuír a biodiversidade.

Publicidade

De medio a baixo impacto

Das 127 plantas invasoras identificadas en Galicia pola Universidade de Oviedo, a maioría teñen un impacto medio —como a herba moura veluda (Solanum chenopodioides)— ou baixo —como o estramonio (Datura stramonium). Con todo, no estudo alertan que esta clasificación pode mudar no futuro. Poñen o exemplo da especie Baccharis spicata, un arbusto que non está presente en Galicia e que nas zonas do noroeste peninsular nas que se atopa ten un baixo potencial invasor. “Actualmente ten impactos ambientais mínimos e invase só hábitats creados polo home, pero ten o potencial de aumentar rapidamente a súa expansión en toda a ecorrexión, aumentando os seus impactos nos hábitats naturais”, advirte o estudo. Isto mesmo podería suceder en Galicia con especies invasoras que agora teñen un impacto baixo, pero que podería aumentar no futuro.

Os hábitats máis afectados

En canto aos ecosistemas máis afectados pola presenza de plantas exóticas, os investigadores da Universidade de Oviedo sinalan os hábitats artificiais con vexetación. É dicir, cultivos, xardíns, bordos de camiños e plantacións. En todo o noroeste peninsular, albergan poboacións de ata o 73% das especies invasoras estudadas. En segundo lugar estarían os hábitais costeiros e as zonas húmidas e, finalmente, ás áreas construídas ou industriais. Un exemplo claro deste último caso é a herba da pampa, empregada para decorar polígonos e estradas.

“O noroeste da península ibérica é un laboratorio natural para o estudo de plantas invasoras debido ás condicións ambientais favorables e a unha longa historia de conexión marítima con América e outras rexións do mundo”, indica Lázaro en declaracións recollidas na Axencia SINC. “A biodiversidade de Asturias e de rexións próximas está cada vez máis ameazada polos impactos de plantas introducidas, moitas delas pouco perceptibles para o público. É responsabilidade dos grupos de investigación en biodiversidade informar sobre a distribución destas especies e propor medidas de contención para mitigar os seus efectos a medio e longo prazo”, conclúe, tamén para SINC, Borja Jiménez Alfaro, coordinador do estudo.


Referencia: An ecoregion-based approach to evaluate invasive plant species pools (Publicado en Neobiota)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Cando as mascotas devoran a biodiversidade: un conflito sen regular na Unión Europea

A falta de regulación na UE converte aos cans e gatos nunha ameaza para a fauna silvestre e a biodiversidade

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Os datos do eucalipto confirman as sospeitas: a moratoria de 2021 causou un ‘efecto chamada’

A polémica especie crece un 6% en dous anos, o dobre do que a Xunta anticipaba para o período 2021-2025