A herba da Pampa (Cortaderia selloana) decora as medianeiras das autoestradas, os polígonos, os xardíns particulares e, incluso, serve de ornamento para xarróns no interior das casas. O seu uso é, por tanto, puramente estético. Porén, esta planta procedente de Sudamérica é considerada unha especie invasora con efectos moi daniños sobre os ecosistemas. Tamén en Galicia, onde ten unha elevada presenza. Para reducir o seu impacto, un equipo da Universidade da Coruña (UDC) liderado polo investigador Jaime Fagúndez está a estudar estratexias de erradicación e control da Cortaderia selloana. O seu último experimento, publicado recentemente na revista Weed Research, vén de demostrar que as cortas máis efectivas son as que se realizan na primeira quincena de xuño; mentres que as que se levan a cabo no inverno ou a comezos da primavera non serven para evitar a floración. E, polo tanto, para impedir a dispersión das súas sementes e o seu espallamento polo territorio.
“Se cortamos a planta moi pronto, a herba da Pampa é capaz de medrar, rexenerar e, finalmente, florecer despois do verán. Pero se facemos a sega no momento axeitado, que para nós é a primeira quincena de xuño, as plantas xa non florecen. É dicir, a especie destina os seus recursos a rexenerar a parte vexetativa, dando lugar a follas máis grandes pero sen producir inflorescencias”, detalla o investigador da UDC e experto en plantas exóticas invasoras. A fin de contas, as cortas periódicas van destinadas a evitar a floración e a propagación de sementes, tratando de controlar a expansión da especie máis alá dos espazos xa conquistados. De feito, Fagúndez recoñece que a presenza de Cortaderia selloana en Galicia “é preocupante” e “ten difícil solución”. Con todo, o seu equipo trata de deseñar outras estratexias, ademais da corta, que mitiguen o forte impacto da especie.
O experimento, que se levou a cabo nunha parcela preto da cidade da Coruña, tamén ofreceu outros resultados interesantes, máis alá de dar unha guía para as cortas axeitadas da herba da Pampa. Nesta especie, os individuos poden ser femininos —produtores de sementes—, ou hermafroditas —xeradores de pole—. As influorescencias dos primeiros, segundo explica Fagúndez, pesan “ata catro veces máis”. Por iso, e polas distintas funcións que desenvolve cada unha, o equipo da UDC cre que as cortas poden afectar de distinta maneira a uns exemplares e a outros. “É posible que as plantas femininas estean máis prexudicadas pola corta que as hermafroditas. Pode que, en función disto, deberíanse facer cortas selectivas. As hermafroditas, aínda que florezan, non dispersan a semente”, matiza o investigador da UDC.
O control biolóxico e outros métodos de erradicación
Esta nova estratexia de corta súmase a outros métodos que están a probar dende a UDC. Fagúndez salienta o control biolóxico a través dunha especie de díptero que consome, na súa fase larvaria, as sementes da herba da Pampa. “Estamos investigando se é unha especie selectiva. É dicir, se non afecta a outras nativas. Tamén traballamos na forma de domesticar esta mosca de maneira que poidamos controlar o seu ciclo para infectar novas poboacións de Cortaderia selloana“, explica o botánico. Desta forma, trátase de diminuír na maior medida posible o número de sementes viables e, así, evitar a súa propagación. Malia que este é un método que resulta prometedor, Fagúndez asume que a erradicación da herba da Pampa de Galicia coas estratexias de hoxe “non é un obxectivo realista”. Máis ben, o investigador opta por desenvolver solucións para a xestión da especie e por aumentar o coñecemento que se ten sobre esta planta invasora.
De igual modo que se están a desenvolver estratexias con vistas ao futuro, hai moitas outras que xa se descartaron e se desaconsellan. Evidentemente, a planta faise notar cando está en plena floración, con eses grandes penachos de cor amarelenta alzándose sobre as follas puntiagudas. “Adoitamos fixarnos na problemática da herba da Pampa cando está en pleno apoxeo e é máis visible. Por iso, ás veces actúase cando realmente debería optarse pola prevención. Por exemplo, cortando a planta cando está florecida o único que facemos é axudar a dispersar as sementes“, insiste Fagúndez. Este último punto é especialmente relevante, dado que polo de pronto non é posible erradicar a especie, pero si tomar medidas de xestión e control que impidan que se continúe a propagar por territorio galego.
Unha invasora global
Evitar a súa expansión é fundamental, di Fagúndez, para reducir o forte impacto que a herba da Pampa ten sobre os ecosistemas. “É unha invasora global porque provén de Sudamérica pero xa se espallou por todos os continentes do mundo, agás a Antártida”, sostén o investigador da UDC. Segundo detalla, é unha especie disruptora do ecosistema porque invade hábitats naturais de especial interese. Ademais, pode supor un problema de saúde pública polo seu carácter alergóxeno. Ao florecer a finais do verán, cando as gramíneas pasaron o seu período máis crítico para os alérxicos, provoca un segundo pico de afeccións e, polo tanto, unha maior carga sanitaria. Tamén ten impacto paisaxístico porque as súas follas puntiagudas e densas impiden o crecemento doutras especies. E, como colofón, arde moi ben: “É unha especie que vive moi asociada a vías de comunicación onde sempre hai risco de lumes accidentais”.
Os lugares onde é máis doado atopar herba da Pampa son aqueles ecosistemas xa de por si alterados, ou onde se levaron actuacións que alteraron a cuberta vexetal. Por exemplo, as infraestruturas viarias e periurbanas, e os polígonos industriais. A planta é capaz de colonizar rapidamente estes espazos e de espallar as súas sementes ata asentarse en humidais costeiros, marismas e toxeiras con certo grao de humidade. De feito, Fagúndez apunta que tamén poden verse afectados os sistemas dunares. E malia que o investigador da UDC considera que hai áreas do Cantábrico nunha situación “peor” que a de Galicia, aquí xa se detectou herba da Pampa en áreas sensibles e espazos da Rede Natura. Para encaixar todo o quebracabezas, e achegarse ao obxectivo final da súa erradicación, Fagúndez é contundente: “Precisamos máis ciencia na xestión das invasoras. E, para iso, fan falla máis recursos para os investigadores”.
Referencia: High variability and multiple trade-offs in reproduction and growth of the invasive grass Cortaderia selloana after cutting (Publicado en Weed Research)



















Durante uns anos , estuven cortando herba nun xardín . Nél habia unha désas plantas . Non me gustaba . Cando cortaba as beiras , ca desbrozadora do lombo , case sempre lle “arrimaba ” o fio . Corte tras corte iba , como pudríndose ; e. despois de moitas “arrimadas ” do dito fio , acabou morrendo e loxicamente desaparecíu .