Este mércores 22 de maio, Día Internacional da Diversidade Biolóxica, o Aquarium Finisterrae organiza unha visita guiada temática baseada na biodiversidade a través das súas instalacións. O persoal educador do centro dará comezo á actividade ás 17.30 horas e para participar haberá que acudir ao museo coruñés, aboar a entrada que corresponda a cada persoa e sumarse ao evento. O aforo está limitado a 50 prazas e terá unha hora de duración.
Durante a experiencia, os traballadores realizarán unha introdución sobre a orixe da biodiversidade e as flutuacións que tivo ao longo da historia da vida (extincións). Profundizarán na biodiversidade mariña no mundo actual e as súas principais ameazas (especies invasoras, sobreexplotación, alteración do territorio). A visita terá a súa fin nos tanques de gran volume da sala Maremagnum, onde se presentarán as especies máis representativas do litoral atlántico.
A pesar dos avances tecnolóxicos, o ser humano segue a depender por completo de ecosistemas en condicións saudables. Segundo a Organización das Nacións Unidas (ONU), “os recursos biolóxicos son os piares que sustentan as civilizacións”. Neste plano de necesidade, onde os principais recursos da humanidade proceden da natureza, os peixes proporcionan o 20% das proteínas animais a uns 3.000 millóns de persoas. Por iso, débese respectar, protexer e reparar a contorna natural.
Conciencia sobre a natureza
A ONU define a biodiversidade como “a ampla variedade de plantas, animais e microorganismos existentes”, incluídas as diferenzas xenéticas dentro de cada especie e a variedade de ecosistemas que albergan múltiples interaccións entre os seus membros e a contorna.
Actualmente, un millar de especies animais e vexetais están en perigo de extinción. Ese é un dos efectos da actividade humana, que alterou o medio ambiente terrestre nun 75% e o mariño nun 66%. Dada a importancia da educación e a conciencia públicas sobre a ameaza das contornas, as Nacións Unidas decidiron proclamar a celebración deste Día Internacional o 22 de maio de cada ano.
En decembro de 2022, acordouse un plan global para transformar a relación entre humanos e natureza. Isto veu dado pola adopción do Marco Mundial Kumming-Montreal, tamén coñecido como O Plan de Biodiversidade, onde se establecen metas e medidas concretas para deter e reverter a perda da natureza ata 2050.
Coa fin de reflectir o obxectivo principal polo que se conmemora este día, o lema do ano 2024 é Sé parte do plan. Deste xeito, búscase a colaboración activa no plan de gobernos, pobos, comunidades locais, organizacións non gubernamentais, lexisladores, empresas e cidadáns.
Axenda de maio
O museo coruñés achega un diverso plan de actividades dirixidas a todos os públicos, sobre todo aos máis novos. Durante a semana do 20 ao 26 de maio, ofértanse distintas experiencias máis aló da visita temática do Día Internacional da Diversidade Biolóxica.
O mércores 22 e o venres 24, os visitantes do Aquarium poderán acudir á alimentación dos tiburóns da sala Nautilus ás 11.30 horas. Os operarios do centro son os encargados de realizar esta tarefa, mentres os usuarios poden observar como se nutren estas especies.
De feito, esta fin de semana, para conmemorar a chegada do tiburón toro Gastón o 24 de maio de 2006, farase unha nova actividade: un Taller de debuxo de tiburóns. Este será impartido por Blanca Orro Toral, a artista coruñesa autora da pintura dun tiburón branco de 2 x 1,5 metros instalada no acceso á sala Nautilus do Aquarium. Dirixido a nenos e nenas acompañados de 8 a 12 anos de idade, terá lugar en dúas sesións: o sábado e o domingo de 12 a 13.30 horas. A adquisición de entradas para a actividade poderán facerse a partir do mércores 22 a través da páxina web.
Xunto a isto, o bo humor chega ao centro tamén as fins de semana coa actividade “Monólogos no Aquarium”. Trátanse de charlas breves, duns 10 minutos, sobre a bioloxía e curiosidades dalgunhas das especies máis populares do museo, ofrecidas polo persoal de atención ao público. Esta actividade nace do interese mostrado polos visitantes por preguntar e afondar nunha gran diversidade de cuestións. Celébranse os sábados e domingos de 13.00 a 18.00 horas —agás o 24 de xuño— ata o 30 de agosto de 2024.
Podes reservar as entradas da actividade “Taller de debuxo de tiburóns” do Aquarium Finisterrae nesta ligazón.