O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

As focas chegaron ao Aquarium Finisterrae da Coruña no ano 2000. Vinte e catro anos máis tarde continúan sendo o centro de atención das visitas diarias que recibe. Para poder preservar a súa presenza, o museo, xunto ao Concello da Coruña, están levando a cabo os traballos necesarios para remodelar o sanatorio da área de focas do acuario, unha instalación situada no sector sur da piscina exterior. “Coa habilitación da superficie que estamos a facer combinaremos todas as necesidades ambientais destes animais mariños”, explica Francisco Armesto, director técnico do Aquarium Finisterrae.

Nun primeiro momento, chegaron os dous primeiros exemplares destas especies procedentes dun acuario neerlandés: Petra e Hansi. Tres meses despois, incorporáronse tres femias máis para acompañar a estes dous individuos. Durante tres anos, estiveron convivindo este grupo de cinco focas no foxo da zona exterior.

Publicidade

“Unha das cousas que deixan de facer os animais cando están incómodos é reproducirse”, comenta Francisco Armesto. Porén, este non foi o caso das focas do Finisterrae. Os exemplares tiveron crías nos anos 2003, 2005 e 2009. Agora, a poboación triplicouse e son once as que viven neste espazo. “Temos un grupo familiar, son todos pais, fillos e fillas”, asegura.

Un novo espazo onde sanar

Despois de máis de dúas décadas nas mesmas instalacións, estes animais mariños van experimentar a remodelación do seu hábitat. “Dende aquel momento apenas se puideron remodelar as instalacións”, comenta Francisco, mais este ano van realizar “unha mellora tan profunda” que se van crear espazos novos na área de atención médica. Nesta zona é onde se fai o seguimento veterinario dos animais do foxo e onde se realizan as súas exploracións, onde se facilita a súa recuperación e se abordan cuestións de hixiene.

Esta é unha obra que non só favorece ás focas, senón que é froito do interese do propio Aquarium. “Queremos darlles todas as comodidades posibles e ter todas as facilidades para que poidamos atendelas”. Non obstante, según explica o director técnico, co paso dos anos os requisitos de mantemento destes animais semicautivos incrementan, pois a lexislación obriga a cumprir novas pautas.

Con todo, un dos obxectivos deste proxecto de remodelación é poder atender a máis dunha foca simultaneamente, non ampliando a superficie da área pero si mellorando as instalacións. En ocasións, os individuos neste estado de sanación necesitan estar nun lugar húmido, pero expostos ao sol. Ou precisan estar nun lugar seco e escuro. Por iso, as obras axudarán a crear diferentes zonas: unha húmida e outra seca.

Entre as novas incorporacións, engádese unha piscina médica de illamento e tratamento con maior profundidade e tamaño e un suministro continuo de auga salgada. Con esta obra, buscan revestir os espazos con novas tecnoloxías e materiais. Neste ámbito, son relevantes as piscinas que resisten a calquera fenómeno meteorolóxico, “algo que antes non tiñamos”. Armesto comenta que “as focas son moi asustadizas e non lles gusta o exceso de exposición”, polo que se instalará unha pantalla visual para que non estean á vista do público durante as súas revisións sanitarias.

O Aquarium quere rematar estas obras antes do verán para poder recuperar as experiencias relacionadas coas focas. A actividade de aventura relacionada con este animal, que se realizaba todos os sábados, tivo que ser cesada por motivo das obras. “Aínda que é unha actividade que suscita unha gran demanda, mentres as obras estean activas non se pode levar a cabo porque non queremos que os animais se estresen”. Normalmente non se pode tocar e interactuar con elas, mais os usuarios pódense acercar a pouco máis de un metro de elas para preparar a súa comida e recibir orientacións xerais do seu comportamento.

A esperanza de vida da especie

”Nos animais que viven en cautividade lles sucede o mesmo que ás persoas”, informa Francisco. Durante o Neolítico, os humanos viviamos arredor de 30 anos, mais cando comezamos a vivir en civilizacións, as melloras na lonxevidade se triplicaron. “Cos animais sucede exactamente o mesmo”, pois nun entorno salvaxe, sometidos a depredación e enfermidades, teñen unha reducida esperanza de vida. Non obstante, nun estado de semi-cautividade como están no Aquarium, melloran as súas condicións de vida e redúcese o seu risco de mortalidade. As femias adoitan vivir 35 anos, e os machos 25, pero superan estas idades e poden chegar a cumprir os 40 anos nalgúns casos.

Para favorecer este incremento da esperanza de vida, as focas deben acudir a especialistas fóra dos límites do acuario. En ocasións as especies acceden a hospitais cando se carecen dos medios necesarios para curar determinadas doenzas. Este foi o caso de Paula e Lara, dúas das focas de maior idade, que tiveron que someterse a unha ciruxía dental. “No Aquarium temos unha parte de corentena, pero non de quirófano, e tivemos que atopar unha clínica veterinaria que reunise os requisitos para a intervención”. De feito, estas intervencións son de especial interese na veterinaria, polo que asistiron especialistas doutros lugares de España, e incluso de Países Baixos.

Un esperado 25 aniversario

Estas obras non van impedir a gran celebración do Aquarium Finisterrae deste ano. O 5 de xuño este museo coruñés cumprirá 25 anos dende a súa apertura. Ademais, outra data moi relacionada coa actividade do acuario coincidirá neste período: o 8 de xuño, Día Internacional dos Óceanos. O obxectivo é festexar estes dous eventos que tanto reflexan o espírito do Aquarium.

Dende xaneiro, a institución xa está levando diversas iniciativas co fin de celebrar este acontecemento. A comezos de ano, na sala Maremagnum do Aquarium, colocouse un gran mural que ofrece unha visión complementaria do mar e “unha visión artística do océano Atlántico”. Tamén levaron a cabo exercicios de recordo a través das súas redes sociais, como a publicación que fixeron sobre as primeiras focas que chegaron ao Aquarium, coa fin de rememorar a súa historia.



DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os Museos Científicos Coruñeses celebran o Día da Ciencia na Rúa cunha xornada de portas abertas

O Parque de Santa Margarida será o epicentro das actividades nas que participarán un milleiro de estudantes e profesores de 54 centros educativos

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844