Os parques eólicos mariños ameazan a toniña en Galicia: “Xa está en perigo de extinción”

Un estudo de ecólogos do Grove pide medidas para a conservación dunha especie moi afectada polas capturas accidentais da pesca

A toniña (Phocoena phocoena) non se deixa ver con facilidade. Precisamente pola súa timidez e pola falta de observacións directas sobre esta especie, hai moi pouca literatura científica sobre o cetáceo de menor tamaño de todo o Atlántico Norte. De feito, nin sequera se ten unha estimación fiel do número de exemplares que nadan por augas galegas. Agora, un estudo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove, vén de analizar a distribución das toniñas no noroeste peninsular. A investigación, publicada na revista Marine Biology, advirte que os parques eólicos mariños que se proxectan construír no litoral galego, así como o tráfico marítimo, son as principais ameazas dunha especie que “xa está en perigo de extinción”.

“Urxe coñecer a ecoloxía e o comportamento das toniñas. Se non, imos quedar sen elas”, alerta o ecólogo Bruno Díaz, director do BDRI e autor do estudo. O científico incide na comprometida situación deste cetáceo, xa desaparecido no Mediterráneo pero presente ao longo de toda a costa atlántica peninsular, con maior concentración de exemplares dende Fisterra ata Porto. Se non se toman medidas que garantan a súa conservación, corre o risco de vivir unha situación semellante á da toniña do golfo de California (Phocoena sinus), unha especie en “grave declive e case extinguida”.

Publicidade

Para evitar que a historia se repita, dende o BDRI contribúen á literatura científica e achegan un novo estudo sobre a toniña ibérica, que xa está empezando a considerar unha subpoboación polas súas diferenzas xenéticas. Ao longo de oito anos, o instituto do Grove observou 287 grupos de toniñas e un total de 1.383 individuos. “Utilizamos todos os parámetros de tipo oceanográfico que nos axudasen a entender por que aparecen nuns sitios e non noutros. Está claro que se moven pola comida, pero nin sequera hai estudos de distribución sobre as especies que consomen e moito menos das non comerciais”, sinala Díaz. Para atopar datos máis esclarecedores sobre o comportamento e o hábitat idóneo das toniñas, o equipo do Grove rexistrou centos de avistamentos e valeuse das imaxes de satélite da rede Copernicus, que depende da Unión Europea.

Todos os datos oceanográficos recollidos serviron para crear un modelo sobre a distribución da especie, en función das zonas máis idóneas para a concentración de alimento. Tamén se estudaron variables como a temperatura da auga, os niveis de salinidade e a produtividade das augas, que poderían influír no comportamento das toniñas. “Fixemos mapas de predición que cruzamos con datos das actividades humanas. Por exemplo, se hai barcos a motor, se hai contaminación acústica ou se hai unha alta presenza de barcos de pesca”, apunta Díaz. Un dos factores que máis impacta negativamente sobre as toniñas é, precisamente, o tráfico mariño: “Onde hai moitos barcos a motor, elas non queren estar”.

Publicidade

Principais riscos

Outra das grandes ameazas para este pequeno cetáceo son as capturas accidentais da pesca. As toniñas teñen unha taxa de supervivencia anual do 82%, segundo apunta un documento emitido polo comité científico que en 2019 aprobou o cambio de categoría de conservación, pasando de “vulnerable” a estar en “perigo de extinción”. Este dato, que indica unha mortalidade aditiva, “é incompatible coa viabilidade desta poboación”. E malia que tanto o citado documento como o ecólogo do BDRI sinalan as capturas accidentais como a principal causa de mortalidade, recoñecen que hai outros riscos que comprometen as toniñas. “As sinerxías con outras ameazas tamén poden estar xogando un papel no declive da especie en augas ibéricas”, sinala o comité científico.

“Hai zonas nas que se prevé desenvolver a enerxía eólica mariña que se superpoñen ás áreas idóneas para a presenza de toniñas”, advirte Bruno Díaz. O director do BDRI anima a tomar o seu último estudo como “un sinal de alarma” e asegura que a investigación xa está en mans dos organismos competentes para que se teña en conta o impacto dos potenciais aeroxeradores nesta especie ameazada. No litoral galego hai dúas áreas especialmente sensibles, como son o sur das illas Cíes e o último sector da costa norte. “O importante, de cara á posible implantación de eólicos nestas zonas, é que se fagan estudos detallados. E a realidade é que a toniña é difícil de investigar. É tímida, esquiva, de pequeno tamaño e que só se deixa ver se o mar está en calma”, sinala Díaz.

Que medidas se deben tomar?

Reverter a comprometida situación da toniña en Galicia non é unha tarefa doada. Sobre todo, porque non só depende da vontade científica, senón tamén das medidas sociais que se deberían implantar para frear o seu declive. Díaz recoñece que moitas das normas que deberían comezar a aplicarse para garantir a conservación da toniña teñen implicacións socioeconómicas. Por exemplo, a regulación da pesca en certas zonas especialmente sensibles ou ben en determinados períodos do ano onde a presenza destes cetáceos é moi alta. “Hai que buscar o equilibrio entre a mellor xestión das actividades humanas e, ao mesmo tempo, evitar o colapso da especie”, salienta o director do BDRI.

Amais disto, Díaz cre que se deberían aplicar medidas transfronteirizas. As toniñas ibéricas, cuxa principal área de distribución abrangue as Rías Baixas e o norte de Portugal, non entenden de límites xeográficos e a súa situación é comprometida tanto nun país como no seu veciño. “Sería importante que existise colaboración intergobernamental. Que as medidas se tomen conxuntamente entre Portugal e España. De nada serve que se aplique unha normativa en Galicia se a uns quilómetros de distancia de Baiona non se está facendo nada”, sinala. E máis alá destas medidas que sobrepasan as fronteiras, Díaz considera que se deberían impulsar máis parques naturais que garantan a conservación das especies que os habiten.

Canto afecta o aumento da temperatura da auga?

A temperatura da auga no Atlántico Norte, o hábitat das toniñas ibéricas, está a marcar récords nos últimos anos. Sen ir máis lonxe, na ría de Vigo acáronse os 20 graos en maio de 2023, o que os expertos cualificaron como un fenómeno “anómalo”. Con todo, Díaz evita falar de temperatura da auga e propón centrarse no cambio climático: “É un problema complexo. Hai anos nos que a auga pode estar máis quente ou máis fría. A cuestión está en que os ciclos oceanográficos a gran escala están cambiando”. De feito, dende o BDRI cren que o cambio climático non impactará directamente nas toniñas, senón que se verán afectadas transversalmente cando mude a distribución das especies das que se alimentan. “Se quedas sen traballo, migras: o mesmo que lle acontecerá ás toniñas”, conclúe Díaz.


Referencia: Habitat use by iberian harbour porpoises: ecological and human factors (Publicado en Marine Biology)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A rede ambiental máis grande do mundo declara as rías galegas como área importante de mamíferos mariños

A IUCN destaca o valor da poboación dos cetáceos que viven nas costas de Galicia, especialmente dos golfiños

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Queres adoptar un golfiño da ría de Arousa? Así podes facelo

O Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI, con sede no Grove, ofrece a posibilidade de apadriñar un exemplar dos 40 que están estudando

As candorcas volverán esta semana a Galicia

Os expertos confirman o avistamento de 'Orcinus orca' á altura de Braga, polo que se prevé a súa entrada nas Rías Baixas nos próximos días