As luces e sombras dos eólicos mariños en Galicia: “É un escenario complexo e incerto”

Os expertos demandan máis estudos para analizar o impacto sobre as aves, os cetáceos, as correntes e a actividade pesqueira

Molinos eólicos marinos. Crédito: Principle Power
Molinos eólicos marinos. Crédito: Principle Power

Son muíños ou son xigantes? Iso sería o que se preguntaría o Quixote se se detese a observar o horizonte de moitas serras galegas, con miles de aeroxeradores espallados pola nosa paisaxe. Porén, se mirase cara ao mar, na liña que separa a auga do ceo non habería ningún obxecto fixo que interrompese a súa vista. Non obstante, este escenario pode cambiar máis pronto ca tarde. O Consello de Ministros aprobou esta semana o primeiro Plan de Ordenación do Espazo Mariño (POEM), que serve para regular os usos das augas xurisdicionais. Entre eles, a delimitación de áreas con alto potencial eólico. Dos 19 polígonos autorizados en España, cinco deles están en augas galegas e ocupan unha superficie de 2.114 quilómetros cadrados. Noutras palabras: o 43% da extensión eólica mariña do Estado está en Galicia.

“Un escenario complexo e incerto”. Esa é, en xeral, a valoración que fan varios expertos da situación que se abre nas augas galegas, as que máis aeroxeradores albegarán de toda a costa española. Dende o punto de vista ecolóxico e oceanográfico, os investigadores reclaman máis estudos e aseguran que o impacto que poida ter no movemento dos cetáceos, na migración das aves mariñas ou mesmo nas correntes oceánicas é aínda descoñecido. No que si están de acordo, en termos xerais, é que o seu impacto visual non será comparable co dos eólicos terrestres. E hai quen tamén avalía positivamente o plan do Estado; unha primeira pedra para que a enerxía eólica mariña chegue a Galicia. “Temos que gañar independencia dos recursos fósiles e enerxéticos. Esta é unha tecnoloxía que permitirá baixar a pegada de carbono”, explica o investigador do departamento de Enxeñaría mecánica da Universidade de Vigo (UVigo) Jacobo Porteiro.

“Temos que gañar independencia dos recursos fósiles e a eólica mariña servirá para reducir a pegada de carbono”

JACOBO PORTEIRO, investigador de Enxeñaría mecánica da UVigo

“Queda moito para que os vexamos instalados”, engade o experto. De momento, tan só se delimitaron as zonas nas que poderán colocarse os parques eólicos mariños. Os criterios que se seguiron para establecelas pretenden garantir a sustentabilidade, tanto dos ecosistemas como da actividade humana, segundo trasladaron fontes do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco). Pero para que estes parques se fagan realidade aínda se ten que aprobar un real decreto que regule o seu desenvolvemento, así como as características das poxas para adxudicar as zonas ás promotoras. Porteiro insiste en que o POEM tan só é un primeiro paso e queda moito por diante para investigar. “Agora tense que garantir que non se vai facer unha expansión descontrolada, pero tampouco unha limitación do recurso. Hai que equilibrar intereses e sensibilidades”, apunta.

O impacto visual

Un dos aspectos que máis preocupan dos futuros polígonos eólicos é o impacto visual que poidan ter no mar. Segundo as cifras achegadas polo Miteco, a área máis próxima á costa estará a 21 quilómetros de distancia e a máis afastada, a 31. “A súa visibilidade dende primeira liña de mar vai ser nula ou practicamente nula. O impacto visual dende a beiramar vai ser moito menor que o dos eólicos terrestres. Ademais, a curvatura da Terra non facilitará a súa observación”, asegura o investigador do CSIC Serafín González, tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Porteiro concorda con el e engade que algúns parques poderán ser visibles dende puntos elevados no horizonte pero que, en ningún momento, serán apreciables a pé de praia. “Instalaranse a distancias razoables. Se levamos máis lonxe os aeroxeradores, a tecnoloxía xa non é viable porque o custo de evacuación da electricidade sería elevadísimo”, apunta o investigador da UVigo.

As aves mariñas

Malia que o impacto visual non será tan acusado como en terra, hai outros aspectos que preocupan á comunidade científica. “Diante da costa galega hai un paso migratorio enorme de aves mariñas. O Banco de Galicia, de feito, é unha zona de alimentación e de elevada importancia para elas”, explica González. O impacto que poida ter a instalación de parques eólicos nestas áreas da plataforma continental é descoñecido, posto que non existen datos oficiais. Debido a isto, González fai alusión aos rexistros de ornitólogos afeccionados, que estiman que durante a época de migracións poden pasar entre 5.000 e 6.000 aves mariñas por hora. “É unha situación moi preocupante porque se pode producir o crime perfecto. Se hai unha gran mortalidade de aves mariñas ninguén o saberá, porque non haberá testemuñas nin cadáveres”, apunta o investigador do CSIC. Sobre todo, porque coas mareas negras tan só chegan á costa unha de cada dez aves mortas, polo que será complicado avaliar como e onde morreron.

“Se hai unha gran mortalidade de aves mariñas ninguén o saberá. Non haberá testemuñas nin cadáveres”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da SGHN

O ideal sería que se realizasen estudos que, de cara aos futuros informes de impacto ambiental, deixasen clara cal é a situación actual das aves mariñas. Porén, os estudos dos afeccionados fanse dende terra. “Cando dubidamos dos datos proporcionados polas empresas nos parques terrestres facemos un percorrido a pé e detectamos a mortalidade real. Porén, nun polígono a 20 quilómetros non vai haber recursos humanos nin económicos que o fagan”, recoñece González. “Isto é o que preocupa”, insiste. Unha inquedanza da que tamén se fixeron eco dende a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), que rexeita frontalmente o POEM ante a “falta de información científica sobre a importancia das aves das augas mariñas exteriores en Galicia”. Dende o organismo insisten en que moitas das aves que pasan polas rutas migratorias galegas están nunha situación ameazante, e os aeroxeradores ·de 250 metros de alto” poden impactar seriamente nelas.

O mascato é unha especie de ave mariña.
O mascato é unha especie de ave mariña.

Cetáceos e pesca

Seguindo coas consecuencias sobre a ecoloxía, non se pode esquecer o que hai baixo as augas. González apunta aos cetáceos como outro dos puntos de máxima preocupación á hora de avaliar o impacto ambiental da enerxía eólica mariña. “No mar están as súas rutas de desprazamento e alimentación. Ademais, os cetáceos usan o son para localizarse e non se sabe cal pode ser o impacto dos aeroxeradores porque non hai estudos previos”, engade o presidente da SGHN. Apunta, ademais, que no estreito de Xibraltar elimináronse zonas do POEM, precisamente, polo movemento dos cetáceos. Porén, isto non se tivo en conta na avaliación que lle correspondeu a Galicia. Un risco máis da eólica mariña que está á espera de futuros estudos e investigacións que o determinen claramente.

“Os aeroxeradores poden impactar nas rutas de desprazamento a alimentación de peixes e cetáceos”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da SGHN

Ademais dos cetáceos, está a afectación que poida ter na pesca. De igual modo, os aeroxeradores poden afectar as rutas de desprazamento e alimentación dos peixes. De momento, non se sabe de que maneira pola falta de estudos que clarifiquen a situación. O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) Miguel Gil Coto asegura que a falta de datos impide valorar a situación dende un punto de vista máis detallado. “O impacto dependerá das especies. Algunhas poden saír beneficiadas e outras non. É unha situación complexa e incerta porque se se produce algún cambio nas correntes, tamén pode afectar o fitoplancton e o zooplancton e, por tanto, ter repercusións en niveis tróficos mariores”, expón o investigador do grupo de Procesos Oceánicos e Cambio Global.

Movementos das correntes

A falta de información é o argumento que ofrece a comunidade científica á hora de avaliar o impacto dos eólicos mariños, tamén no que compete á parte oceanográfica. “Hai que profundizar máis e falta coñecemento sobre a dinámica da plataforma continental e de cales son as correntes”, engade Gil Coto. O seu compañeiro no IIM-CSIC, Nicolás Villacieros, insiste na falta de certezas. “A nivel global non existen plataformas eólicas tan profundas como as que se prevén instalar en Galicia. No Mar do Norte hai moitos eólicos, pero a unha profundidade de entre 30 e 70 metros. Pode cambiar moito a perspectiva e, de feito, é un campo de investigación que ata o de agora non se tocou”, apunta o investigador do IIM-CSIC.

Ante a falta de estudos máis concretos, Villacieros fai referencia a unha investigación publicada en 2021 na revista Ocean and Coastal Management, onde se recompilan os efectos que pode ter a eólica mariña sobre diferentes niveis. “Fan falla máis estudos, pero pode ter impacto na propagación das ondas, na mestura da columna de auga ou nas condicións de salinidade e temperatura, fundamentais na bioloxía e bioxeoquímica da plataforma continental”, expón Villacieros. De igual modo, pode afectar á bomba de carbono, á distribución de biomasa e á parte de dinámica sedimentaria, pero non hai nada claro ao respecto na comunidade científica, e descoñécese ata que punto a eólica mariña pode ser prexudicial ou beneficiosa. Ao que instan os dous investigadores do IIM-CSIC é a unir esforzos para estudar todo o que se teña que estudar de aquí ao 2027, ano en que se revisará o POEM recentemente aprobado.

“A nivel global non existen plataformas eólicas tan profundas como as que se prevén instalar en Galicia”

NICOLÁS VILLACIEROS, investigador do IIM-CSIC

A sensación xeral é de incerteza. Dá igual que unha fale de correntes, aves mariñas ou pesca. Queda moito que analizar e entender de aquí a que se comecen a construír os parques. A previsión do goberno é que para 2030 xa haxa unha potencia instalada de entre 1.000 e 3.000 megavatios que, segundo Porteiro, son susceptibles de ampliarse porque “hai marxe para a explotación de recursos”. Ata o de agora, a costa galega descoñece a enerxía eólica mariña e o POEM é un primeiro paso para que os cinco polígonos —catro deles na costa cantábrica e un na desembocadura do MIño— alberguen centos de aeroxeradores. O punto no que concordan todos os expertos e en que o impacto visual é, talvez, o menos importante. E que hai outras cuestións, como as aves mariñas, a pesca e os cetáceos sobre as que hai que poñer o foco. Pode que o único capaz de resolver dúbidas sexa Alonso Quijano, se el fose capaz de distinguir se aquilo que ve son muíños ou, máis ben, xigantes.

Como serán os aeroxeradores mariños?

Un dos grandes desafíos dos parques eólicos mariños na costa galega está na instalación dunha tecnoloxía tan complexa. Vanse colocar a profundidades superiores aos 60 metros, polo que xa non poden ser infraestruturas fixas, senón flotantes, segundo aparece recollido no POEM. “As torres que van sobre o mar son máis caras e o seu prezo dependerá do profundas que sexan as augas. Ata os 60 ou 70 metros de profundidade, o parque será claramente rendible”, apunta Porteiro. Pese a todo, o investigador da UVigo asegura que a tecnoloxía eólica mariña está avanzando “moi rápido”. “Irase descubrindo moito sobre a marcha e hai moito percorrido por facer ata que vexamos os parques conectados. Ademais, hai que ter moto coidado para facer unha explotación sostible e responsable“, apunta Porteiro.

Ademais da instalación dos propios aeroxeradores sobre plataformas flotantes, hai que reforzar as liñas e as subestacións de transformación dos parques, que estarán en terra. De igual modo, evacuar a rede de distribución e, todo isto, é unha infraestrutura a desenvolver, segundo explica Porteiro. “Igual que ocorreu coa eólica terrestre, a mariña non se colocará dun día para outro. Isto non é máis ca unha primeira fase pero é certo que hai interese por instalar máis”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.