“Queremos optimizar a colocación de sensores para a detección temperá do lume”

Pablo Izquierdo é enxeñeiro da UVigo e traballa co seu equipo nun sistema que facilitaría a vixilancia dun territorio fronte aos grandes incendios

- Pablo Izquierdo nunha das salas onde traballa o equipo do Grupo CIMA desenvolvendo un algoritmo que optimice a colocación das cámaras térmicas no monte.
- Pablo Izquierdo nunha das salas onde traballa o equipo do Grupo CIMA desenvolvendo un algoritmo que optimice a colocación das cámaras térmicas no monte.

Permitir a detección temperá dun incendio forestal de maneira eficaz e facilitar a súa extinción con novas ferramentas tecnolóxicas. Este é o obxectivo da investigación liderada polo enxeñeiro industrial Pablo Izquierdo da UVigo para o proxecto Firepoctep. Izquierdo e o seu equipo do Centro de Enxeñería Mecánica e Automoción (Grupo CIMA), demostraron primeiro a eficacia de cámaras térmicas colocadas no monte á hora de alertar sobre o inicio dun fogo. Agora queren poder dicirlles aos usuarios finais onde instalalas para optimizar o seu emprego na prevención dos grandes incendios, aqueles que desafían cada vez máis as nosas capacidades de loita e poñen en xaque os profesionais que traballan no terreo e, en fin, o noso territorio.

Falamos con Pablo Izquierdo sobre sensores infravermellos que nos protexen do lume, da autonomía que necesita esta tecnoloxía para garantir unha vixilancia permanente e estable e da oportunidade de traballar nun equipo multidisciplinar que presente resultados aplicables a outros territorios que, como a zona da raia entre España e Portugal, tamén afrontan hoxe o risco dos grandes incendios, desde Grecia a California.

Publicidade

O Grupo CIMA ten moita sona no que se refire ás investigacións, por exemplo, no campo da saúde. Como chegades ao mundo da prevención e extinción de incendios forestais?

—Empezamos a traballar hai catro anos no tema dos incendios cun proxecto europeo chamado FireRS no que tamén participaron científicos de Francia e Portugal. Con esa primeira investigación conseguimos demostrar que a tecnoloxía de cámaras infravermellas podía servir para a detección temperá dun incendio. Esas cámaras colocábanse en determinadas zonas e, movéndose, chegaban a detectar no seu campo de visión un punto quente. Emitían entón, rapidamente, un sinal de alerta para que empezasen a intervir os dispositivos de extinción. O máis importante era que a detección fose o máis temperá posible. Puidemos probar os sensores nun adestramento dos bombeiros do Deza e tamén colaboramos co 112 de Galicia e comprobamos que as cámaras poden detectar un punto quente a varios quilómetros.

Podemos considerar entón que a vosa participación no proxecto Firepoctep é a continuación desa primeira investigación?

—Si, é así. A Junta de Andalucía que lidera o proxecto Firepoctep propúxonos, baseándose no noso traballo anterior, que continuásemos coa investigación. Unha vez demostrada a eficacia desa tecnoloxía, tamén queriamos poder indicar aos usuarios finais, un concello ou unha comunidade de montes que queiran mercar estas cámaras, onde colocalas. O noso obxectivo é tratar de optimizar o número de sensores para vixiar unha determinada zona, deseñar un software aberto e fácil de empregar que lle permita a un usuario darlle a un botón e, grazas a un algoritmo, coñeza os mellores puntos para colocalos de cara á protección dun territorio. As cámaras, que en realidade son sensores infravermellos, poden ter un alcance de dous, cinco ou dez quilómetros, pero debes instalalas de xeito que controlen a maior superficie posible. Non é preguntarse se teño 10 cámaras onde as poño, é máis: se só dispoño de dúas cámaras, onde as coloco ou cantas necesito para controlar unha determinada zona.

“Co algoritmo que desenvolvemos podemos darlle un determinado peso a cada zona, é dicir, un nivel de risco no mapa”

Xustamente, en que zonas sería máis eficaz colocar estas cámaras dotadas de sensores para detectar o inicio dun lume?

—Preto das zonas habitadas para garantir a seguridade da xente, zonas de risco con moita vexetación, zonas protexidas ou puntos altos, por exemplo. Pero o máis importante non é sempre conseguir controlar unha área moi extensa, ás veces, o interese pode ser protexer un lugar concreto e conseguir entón centrarnos nel cos sensores. Co algoritmo que desenvolvemos agora podemos tamén darlle un determinado peso a cada zona, é dicir, un nivel de risco no mapa. Se un lugar indica un nivel de risco 10, hai que controlalo si ou si, pero se o risco é 0, danos igual que se vexa ou non. Se nun concello temos, por exemplo, unha montaña sen vexetación e polo tanto sen risco alto de propagación do lume, pois é mellor que as cámaras se coloquen protexendo a zona habitada ou un espazo como un parque natural cun hábitat natural importante. Eses niveis que se lle poden dar ás zonas facilita que o algoritmo non as trate a todas por igual e poida enfocarse nas de maior risco.

É unha ferramenta aplicable a todos os territorios que deban protexerse dos incendios forestais?

—Desenvolvemos esta ferramenta nunha investigación realizada para o Baixo Miño en Galicia e o Alto Minho portugués, que é a nosa área de estudo no Firepoctep. Nós demostramos a tecnoloxía, pero agora pode empregarse noutros territorios cos seus propios datos. Se conta coas cámaras, cada concello podería instalar un posto receptor onde sexa necesario e utilizar esta nova tecnoloxía como complemento do seu sistema de prevención dos grandes incendios. No tempo do proxecto FireRS, o prezo dunha cámara de cinco quilómetros de alcance era duns dez mil euros, agora non estou seguro. Pero dependendo das cámaras das que poidas dispoñer, agora podes organizar de maneira eficaz a súa colocación.

Se houbese un novo proxecto como o Firepoctep dedicado aos incendios forestais, en que liña vos gustaría avanzar na vosa investigación?

—Creo que sería seguir traballando na autonomía deses sensores que van estar situados en zonas remotas e no seu consumo que debería ser o máis reducido posible. Deste xeito, evitaríase ter que desprazarse a lugares de difícil acceso moitas veces sen electricidade, para cambiarlle a batería ou verificar se está funcionando ben. O ideal é que puidesen traballar de maneira autónoma os meses de verán, cando existe máis risco de incendios. É moi importante que non fallen, que se emita ben o sinal para garantir que non hai problema co lume. Cando se empreguen estas cámaras é indispensable que o seu funcionamento sexa estable.

Cal é a importancia de levar a cabo investigacións como esta en Galicia?

—É importante que a Unión Europea financie proxectos como o Firepoctep nas zonas onde existe o risco de grandes incendios forestais. Na zona do  Mediterráneo, por exemplo, fináncianse máis traballos sobre as inundacións. Ten moito sentido que en Galicia, no norte de Portugal ou en Extremadura se leven a cabo investigacións sobre os incendios para que teñan tamén maior repercusión social no territorio. Non podemos esquecer que este tipo de proxectos tamén buscan dar visibilidade a un problema e divulgar que se está traballando nunha solución. Ademais, as administracións, que ao final son as que teñen que intervir na prevención, na detección temperá e na extinción do lume, poden saber así que hai novas ferramentas á súa disposición.

Se con estes sensores podemos reducir o risco de grandes incendios forestais e protexer así os medios de extinción e o territorio, creo que sería un bo investimento para certos concellos que tamén teñen que saber no que estamos traballando para poder gozar desta ferramenta, un algoritmo que nós lles facilitariamos. Esta tecnoloxía é aplicable non só noutros territorios da zona fronteiriza entre España e Portugal, senón tamén nas zonas que viven a problemática dos grandes incendios tanto en Europa, en países como Grecia, ou no estado de California, ao outro lado do Atlántico. Todas as investigacións deste tipo deberían estar sempre dispoñibles para que outros lle saquen partido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.